Estás en:Patrimonio Dolmen de Axeitos Megalitismo

Megalitismo

MEGALITISMO EN GALICIA

No longo período de tempo comprendido entre o V e o II milenio a. C. as comunidades humanas que habitaron a nosa área xeográfica foron levantando toda unha variada tipoloxía de túmulos funerarios que cubriron paseniñamente a maior parte do territorio.

Estas construcións prehistóricas, que neste período cronolóxico nos vinculan culturalmente co resto da península, así como coa maior parte da Europa atlántica, teñen en Galicia a súa representación máis monumental nas antas de cámara poligonal e corredor, como é o caso da aquí presente, tamén coñecida como Pedra do Mouro.

Estes monumentos, erguidos polas primeiras sociedades produtoras de alimentos, son construídos coa finalidade de serviren de lugares de enterramento, ben fosen de uso individual ou colectivo. Ó mesmo tempo, debido ó seu carácter de elementos amplamente visibles no espazo e á monumentalidade que acadan algunhas destas construcións, simbolizan a vinculación entre as comunidades que os posúen e os utilizan e aquel territorio que habitan e sobre o que exercen o seu dominio.

Audio - Megalitismo en Galicia

  1. Distribución dos monumentos megalíticos da Coruña catalogados na actualidade (Xunta de Galicia, 2023).
  2. Primeira fotografía conservada da anta de Axeitos. Ano 1927. (Fondo: Ramón Sobrino Buhígas. Arquivo: Núñez Sobrino. Fototeca: Colectivo A Rula).