Estás en:Patrimonio Mosteiro de Caaveiro (A Capela)

Mosteiro de Caaveiro (A Capela)

Semana Santa 2024

Durante esta semana santa, como vén sendo tradicional nestas datas, estará pechado o acceso de vehículos na estrada comprendida desde o centro de interpretación das Fragas do Eume ata a ponte de Santa Cristina , debido a que a afluencia de numerosos vehículos colapsaría a estreita estrada. Por iso ao Mosteiro de Caaveiro pódese acceder en bicicleta, patinete ou camiñando. Existe un aparcamento á entrada do parque natural onde poden deixar os seus vehículos ata cubrir a súa capacidade.

O Mosteiro

Situado nun montículo rocoso entre os ríos Eume e Sesín, na fraga do Eume, de incomparable beleza, érguese este mosteiro que sufriu numerosas intervencións ó longo da súa historia. As súas orixes remóntanse ó seculo X en que se teñen as primeiras noticias da existencia de vida monástica neste lugar. A historia de Caaveiro vencéllase a S. Rosendo e pertencéu á orde de S. Bieito e posteriormente foi mosteiro de coengos regulares de S. Agustín.

Trátase dun conxunto de edificacións, algunhas xa desaparecidas: Igrexa principal, Igrexa de Santa Isabel, celdas, cabildo, sancristía, pozo, almacéns, arquivo, torre-campanario, etc.

A Deputación da Coruña e os Concellos onde se sitúan as Fragas do Eume e o Parque Natural están a realizar diversas actuacións para a posta en valor deste Parque Natural, onde se atopa situado o Mosteiro de Caaveiro. Neste sentido, a Deputación, en colaboración cos Concellos e a Xunta de Galicia (Servizo de Conservación da Natureza), quere facilitar o acceso ás Fragas e ao Mosteiro e ofrecer diversas alternativas ao visitante, ademais da entrada a través do portal do Parque Natural por Pontedeume, especialmente a aqueles visitantes que realizan pequenas rutas de sendeirismo polo interior do Parque Natural. Estas rutas tamén poñen en valor o Portal da Capela (construído e financiado con fondos da Deputación Provincial), xa que este acceso ofrece unhas posibilidades turísticas magníficas e potencia unha zona de grandes valores paisaxísticos e ambientais de carácter natural e etnográfico

Coa colaboración do Concello da Capela e o Centro de Interpretación de Fragas do Eume

A rehabilitación do Mosteiro de Caaveiro vén de recibir o Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico na categoría de espazos exteriores