Estás en:Novas

A Deputación estuda liñas de colaboración coa Fundación Daniel e Nina Carasso no marco do seu programa KmTierra

A Deputación estuda liñas de colaboración coa Fundación Daniel e Nina Carasso no marco do seu programa KmTierra

Rosa Ana García, deputada da área de Emprego, reuniuse esta mañá con Laura Cascán, instrutora do programa KmTierra da Fundación Daniel e Nina Carasso, persoal do concello de Brión e do espazo do obradoiro colaborativo Transformando en Brión e Carmen Freire da Asociación Máisdetres, unha das cinco entidades seleccionadas pola Fundación para participar no programa piloto KmTierra a nivel nacional.

Esta reunión de traballo tivo como obxectivo establecer as liñas de colaboración entre a Deputación da Coruña e a Asociación MaisdeTres no marco do proxecto que están deseñando para o programa KmTierra da Fundación Carasso.

Esta fundación está  comprometida co benestar da terra e a alimentación sostible, considerándoa un importante motor do cambio que pode contribuír a abordar retos da nosa sociedade como a emerxencia climática, a xustiza social, a saúde pública ou o despoboamento rural.

Ao longo dos últimos anos esta fundación promoveu a convocatoria de "Sistemas Alimentarios Territorializados (SAT)", pola que teñen acompañado proxectos que deseñan, executan ou coordinan políticas públicas alimentarias, pensadas para e polo territorio no que actúan.

O programa KmTierra

A Fundación, tras a implantación dos SAT, quere ir un paso máis alá: conseguir estruturar estes sistemas alimentarios locais a través da consolidación de conectores e iniciativas activas en cada territorio.

Neste escenario de evolución, e tras os logros conseguidos ata agora, impulsouse o programa KmTierra, que se atopa agora en fase de deseño con cinco entidades seleccionadas para presentar proxectos para cinco territorios a nivel nacional. En definitiva, unha iniciativa para configurar e estruturar os sistemas alimentarios locais segundo as necesidades de cada territorio.


A Deputación da Coruña colaborará na implementación deste programa na provincia a través do obradoiro colaborativo Transformando en Brión, espazo integrante da Rede Provincial de Coworking.


Fundación Daniel e Nina Carasso

Creada en 2010, a Fundación Daniel e Nina Carasso é una fundación familiar afiliada á Foundation de France. A Fundación materializa o seu compromiso en dúas grandes áreas: a alimentación sostible, para acceder de xeito universal a unha alimentación sa, respectuosa coas persoas e os ecosistemas; e a arte cidadá, co que se traballa para o desenvolvemento do espírito crítico e o reforzo da cohesión social.