Estás en:Novas

A Deputación da Coruña presentou a experiencia da súa Rede de Coworking nunha xornada sobre fomento do emprego no rural na Fonsagrada

A Deputación da Coruña presentou a experiencia da súa Rede de Coworking nunha xornada sobre fomento do emprego no rural na Fonsagrada

A Casa do Concello da Fonsagrada acolleu o venres pasado a 'Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural', unha iniciativa organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

O acto inaugural correu a cargo de Carlos López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada; Roberto Fernández, vogal da Comisión Executiva da FEGAMP e alcalde de Ribeira de Piquín; e Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia.

Blanco destacou as potencialidades da montaña lucense en canto ás oportunidades de emprego no sector primario e agropecuario, así como as impulsadas desde o sector asociativo e o público."Desde o Goberno coñecemos a realidade da provincia de Lugo, cunha gran dispersión territorial e unha poboación cada vez máis envellecida, pero temos claro que a perante esta situación pasa pola actuación conxunta das administracións, a aposta pola mellora das infraestruturas e servizos públicos e o compromiso das sociedades cos seus territorios", engadiu o delegado.

Tras a inauguración tivo lugar un primeiro faladoiro centrado nas "Oportunidades de traballo no sector primario e agroalimentario", onde tomaron parte representantes do obradoiro colaborativo Transformando en Brión, integrante da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña; Adegueiros do Navia e Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, así como membros do Sindicato Labrego Galego, que falaron sobre distintos proxectos agroecolóxicos.

A segunda mesa xirou en torno ás "Oportunidades de traballo impulsadas desde o sector asociativo e público". Coa moderación de Patricia Vilán Lorenzo, secretaria xeral da FEGAMP, contaron a súa experiencia impulsando unha cooperativa de coidados persoais a domicilio representantes da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR); a Fundación Terreo, a través de Miguel Fernández Labrada, explicou como se poden aproveitar os recursos produtivos desde o sector público; e persoal técnico da Deputación da Coruña presentou a Rede de Coworking da Deputación da Coruña. Esta Rede, posta en marcha en 2019 conta xa con 11 espazos de traballo colaborativo adheridos, a meirande parte deles localizados en concellos de menos de 20.000 habitantes e especializados nos sectores máis puxantes da contorna na que se emprazan. Ademais, dentro da Rede atópanse dous espazos de transformación agroalimentaria na que se achegan a elaborar os seus produtos agricultores/as de toda Galicia.

A continuación, presentouse a iniciativa de videoasistencia, integrada no proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente, dirixido a maiores de 65 anos comezará de xeito inminente e será pioneiro a nivel estatal. Nesta proba piloto con 30 usuarios dos Servizos Sociais da Fonsagrada os usuarios e usuarias recibirán unha tableta xa preparada e preconfigurada para facer máis accesibles diferentes servizos e empregar a tecnoloxía para mellorar a súa calidade de vida. Logo da presentación deste proxecto, Marco Antonio Fernández Piñeiro explicou o programa de mobilización de vivendas para alugueiro (VI426E) da Xunta de Galicia. Tomoulle a remuda Pablo Rivera Capón, deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, que explicou as liñas mestras do programa de apoio aos alugueiros do organismo provincial.

A continuación presentouse, a iniciativa Aldeas Vivas, que é unha plataforma coa que se busca dar resposta á necesidade de vivendas, locais e terras de alugueiro para o asentamento de novos poboadores no territorio que abrangue o GDR Montes e Vales Orientais, ao tempo que se axuda á integración desta poboación migrante. Con isto búscase colaborar na substitución xeracional do sector agrario, que os mozos poidan levar a cabo o seu proxecto de vida sen ter que emigrar da súa comarca e promocionar o emprendemento e a creación de emprego local a partir dos novos nichos de mercado xerados pola transición dixital e ecolóxica da economía.

Tras esta presentación tivo lugar a clausura das actividades da mañá e unha comida de networking na que as persoas asistentes tiveron oportunidade de degustar produtos quilómetro cero da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada.

A xornada finalizou pola tarde, tras a visita a Ernes (Negueira de Muñiz) ao proxecto agroecolóxico da Cooperativa Ribeira do Navia.