Estás en:Novas

A Deputación analiza cos alcaldes e alcaldesas dos concellos coruñeses os retos da ciberseguridade na administración local

O evento reunirá os rexedores das entidades locais da provincia para analizar e poñer en común posibles ameazas e retos aos que se enfrontan os gobernos locais fronte aos ciberataques

O alcalde de Carballo e a alcaldesa de Teo explicarán as súas experencias e protocolos de actuación tras os ataques que recibiron estes concellos nos últimos meses

O Consello de Contas de Galicia presentará o seu informe ao respecto, realizado nas catro deputacións provinciais galega

A Deputación analiza cos alcaldes e alcaldesas dos concellos coruñeses os retos da ciberseguridade na administración local

A Deputación da Coruña organiza o vindeiro luns, 15 de abril, no Palacio de Exposicións e Congresos (PALEXCO) unha xornada sobre ciberseguridade na administración local, que reunirá os alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia para poder analizar e poñer en común as ameazas e os retos aos que se enfrontan os gobernos á hora de garantir a seguridade da información da cidadanía e a continuidade na prestación dos servizos públicos ante un caso de ciberataque.

A xornada será inaugurada polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado provincial de Avance Dixital José Ramón Rioboo, o director de AMTEGA, Julián Cerviño, e o conselleiro do Consello de Contas, Simón Rego.

Tamén estarán presentes entidades como a Xunta de Galicia ou a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que explicarán as medidas adoptadas a nivel autonómico e a necesidade de colaboración con iniciativas como as do nodo Ciber.gal. Achegará a súa visión tamén o Consello de Contas de Galicia, que esta mesma semana publicou un informe no que sitúa á Deputación coruñesa como a única das catro galegas que alcanza os obxectivos de seguridade establecidos, e que exporá as iniciativas que está a levar a cabo no ámbito da seguridade e da información e a protección de datos de carácter persoal.

A primeira das actividades será unha presentación dos informes de fiscalización dos controis básicos de ciberseguridade das deputacións provinciais galegas, a cargo de Domingo Guerra, responsable da auditoría do Consello de Contas de Galicia.

A continuación, a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, relatarán as experiencias nos seus concellos ante as recentes situacións de cibercrise.

Finalmente, para pechar a xornada, terá lugar un coloquio para reflexionar e poñer sobre a mesa diferentes opinións sobre o tema.

Programa da xornada

https://www.dacoruna.gal/avance-dixital/ciberseguridade/xornada-sobre-ciberseguridade-na-administracion-local-ameazas-e-retos-goberno