Estás en:Novas

Cedeira licita as obras de reforma do edificio escolar de Corredoira, financiadas polo Plan Único da Deputación

Supoñen un investimento de 144.901 euros para rehabilitar a fachada e a cuberta do inmoble

Cedeira licita as obras de reforma do edificio escolar de Corredoira, financiadas polo Plan Único da Deputación

O Concello de Cedeira vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación das obras de rehabilitación do edificio escolar de Corredoira, cun orzamento de 144.901,04€ que será financiado ao 100% con fondos do Plan Único da Deputación da Coruña.

Trátase dunha antiga escola unitaria construída no ano 1962 e na que se executaron importantes obras de ampliación entre os anos 1995 e 2003.

O escolar de Corredoira, que ocupa unha parcela de 821 metros cadrados ao pé da estrada provincial DP-2204 e con 348 construídos, presenta problemas de humidade, defectos no pavimento e outros problemas derivados da falta de mantemento. As obras abarcan a rehabilitación da cuberta e as fachadas do inmoble, así como a reforma dos vestiarios. Mellorará a accesibilidade e o illamento do edificio, cuxos usos son docentes.

A intención do goberno municipal é darlle uso ao edificio como albergue, para facilitar a chegada de grupos de asociacións, xente moza principalmente, que veña a visitar a localidade, facer o roteiro a Santo André ou que se achegue para coñecer o Xeoparque Cabo Ortegal. O inmoble reforzará os recursos turísticos de Cedeira para acoller grupos e garantiu que tamén a veciñanza de Cervo poderá aproveitar este espazo con tantas posibilidades.
A actuación ten un prazo de execución de seis meses e o Concello de Cedeira vai acometer con cargo aos fondos do POS+Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 9 de abril.