Estás en:Novas

Su Garrido Pombo, Antía Muíño, Chumba, e aTorna son os proxectos seleccionados para as Residencias Artísticas Mariñán de música

Un xurado conformado por Patricia Hermida, Carlos Crespo e Carles Sala, e presidido por Natividade González, seleccionou estas catro propostas que desenvolverán as súas estadías creativas en Mariñán do 15 ao 26 de abril

Esta iniciativa, promovida pola área de Cultura da Deputación, cumple a súa segunda edición co obxectivo de apoiar o proceso de creación artística poñendo á disposición dos músicos e músicas os recursos necesarios para o desenvolvemento dos seus proxectos, así como o Pazo de Mariñán como enclave único para levar a cabo estas residencias

Su Garrido Pombo, Antía Muíño, Chumba, e aTorna son os proxectos seleccionados para as Residencias Artísticas Mariñán de música

O xurado das Residencias Artísticas Mariñán de Música, formado por Carlos Crespo, Patricia Hermida e Carles Sala, coa deputada de cultura Natividade González como presidenta e a xefa de sección de cultura Manuela Muñiz como secretaria, ven de decidir as propostas gañadoras das Residencias Artísticas Mariñán de música, que desenvolverán os seus proxectos musicais no Pazo de Mariñán do 15 ao 26 de abril. Na xuntanza do xurado tamén estivo presente a comisaria das Residencias Artísticas Mariñán de Música, Aitana Cuétara.

Su Garrido Pombo e Antía Muiño desenvolverán as súas estadías artísticas no Pazo de Mariñán do 15 ao 20 de abril e, por outra banda, Chumba e Atorna farano do 21 ao 26 de abril.

Natividade González resaltou a calidade de todas propostas presentadas, e as singularidades das catro seleccionadas. "Son proxectos arriscados e de raíz, que van moito máis aló do musical e que reflicten un gran compromiso social, que son identidade e que, partindo da tradición, apostan por mesturas e sinerxias territoriais e con outros artistas".

As Residencias Artísticas Mariñán son unha iniciativa promovida por Cultura da Deputación, que cumpre a súa segunda edición co obxectivo de apoiar os procesos de creación artística. Así, aos artistas seleccionados facilítaselles a dotación material necesaria para o desenvolvemento do proxecto, a manutención e aloxamento no Pazo de Mariñán, así como un acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria das residencias que ten por obxecto facilitar a viabilidade de cada unha das propostas e a súa inserción no contexto musical profesional, para o que se facilitará formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto e xuntanzas con axentes culturais e programadores.

As Residencias Artísticas Mariñán forman parte da liña de apoio á creación da Deputación, complementando outras iniciativas como as convocatorias de premios, correspondentes a un amplo abano de disciplinas artísticas. Concretamente no eido da música, son tres as convocatorias: o Premio Andrés Gaos de composición musical, o Premio Fran Pérez 'Narf' para artistas e grupos musicais, e o Premio Quero Cantar para bandas infantís e xuvenís.

Propostas seleccionadas

Su Garrido Pombo é unha artista galega multidisciplinar. A súa proposta é Traspielas, un proxecto que celebra a memoria colectiva dunha aldea en forma musical, textual, escénica e visual e que durante a residencia tomará a forma definitiva coa colaboración de artistas contemporáneas doutras disciplinas e músicas de estilos diversos como a electrónica, a experimentación, e a música tradicional. O xurado destacou que se trata "dunha proposta de territorio, social e comprometida, que presenta colaboracións con artistas contemporáneos doutras disciplinas".

Antía Muíño. O seu proxecto busca a pre produción do novo traballo discográfico de Antía Muíño, partindo a priori de catro temas orixinais cos que se espera debuxar a liña estilística que seguirá o álbum. Un disco que pretende tratar con máis detalle as letras e, musicalmente, afondar nas posibilidades sonoras da guitarra. Coa colaboración de distintos artistas, preténdese crear sinerxias que desemboquen na creación do universo sonoro e visual do seguinte disco. O xurado salientou que é unha proposta "moi completa e ben estudada. Creación visual e sinerxías territorias, cunha boa planificación e aproveitamento da oportunidade da residencia".

aTorna son dúas tradicións (Galiza e Catalunya) e tres ollares diferentes dende cadansúa historia e percorrido persoal. Conflúen aquí e agora tomando o rito colectivo, nun novo espazo de libre creación aberto ao incesante cuestionamento sobre os mecanismos e códigos herdados pola tradición. Tanto os instrumentos como os enxeños tecnolóxicos, agora son repensados como "dispositivos sonoros tradicionais". Ao mesmo tempo as técnicas, códigos e estéticas son para ferramentas intanxibles que poden ser recodificadas. Para o xurado, trátase dun "proxecto de gran calado, de investigación e pegada no imaxinario. Tradición elevada a outra fase, lonxe dos trazos obvios por onde descorren as novas tendencias".

CHUMBA. Marearte é un proxecto artístico inmersivo que busca representar
a unha sociedade "mal conectada" co entorno co que convive. Un proxecto que fusiona a creación sonora (recreación de ambientes e atmosferas sonoras), creación musical (caracterizada pola fusión entre vanguarda e tradición) e visual (a través de videoproxeccións e videomapping) para crear unha experiencia realmente envolvente. O xurado apuntou que é "un proxecto integrador, de territorio, de pegada social. Interesante esa mestura de creación sonora, musical e visual".