Estás en:Novas

A oficina de transición enerxética da Deputación impulsa desde As Pontes “unha nova política enerxética provincial”

Formoso sinala que a oficina "vai revolucionar o mundo enerxético" na provincia, fometando proxectos de produción e almacenamento de enerxía con participación das entidades locais

Presta servizo aos 93 concellos couñeses en cuestións relacionadas coa produción enerxética, así como na captación de axudas públicas relacionadas coa enerxía e a transición verde

A oficina de transición enerxética da Deputación impulsa desde As Pontes “unha nova política enerxética provincial”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá a Oficina de Transición Enerxética (OTE) da Deputación, onde participou xunto á deputada de Emprego, Industria e Transición Ecolóxica, Rosa Ana García e do deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, nunha reunión cos equipos técnicos deste novo servizo provincial, que desde As Pontes presta servizo aos 93 concellos coruñeses, do centro Next Deputación de captación de fondos europeos e a Oficina de Transformación Comunitaria de Ames.

Formoso destacou que desde a nova oficina das Pontes se vai deseñar "unha nova política enerxética provincial". "Dende aquí imos impulsar proxectos que teñan que ver coa xeración de enerxías limpas e tamén co reto do almacenamento enerxético, vinculado ao hidróxeno e aos bombeos hidráulicos reversibles, que son as dúas únicas tecnoloxías que hoxe en día son viables a gran escala", detallou.

O presidente asegurou que "ninguén coñece mellor que a Deputación a potencialidade enerxética da provincia da Coruña e as necesidades enerxéticas da súa cidadanía e dos propios concellos", e por iso, "nun momento clave", que agora se puxo en evidencia debido á guerra de Ucraína, decidiu impulsar a integración da antiga Fundación Axencia Enerxética Provincia da Coruña (FAEPAC) como un servizo propio da Deputación, coordinado desde a área de Transición Ecolóxica do Goberno provincial. "Damos un paso máis ao integrar esa fundación como departamento na estrutura da propia Deputación e imos intentar dar un paso máis adiante no ámbito da produción de enerxía", explicou.

Formoso asegurou que esta iniciativa tamén vai "revolucionar o mundo enerxético na provincia, xerar emprego e, sobre todo, reter e captar talento da xente que se forma nos nosos campus da Coruña, Ferrol e Santiago".

O presidente explicou que este departamento provincial de recente creación vai prestar asesoramento ás administracións locais, particulares e empresas "en todo o que ten que ver coa transición enerxética e cos fondos europeos para aproveitar as axudas que chegan a través do IDAE e do INEGA", traballando en coordinación co Centro Next Deputación da Capela, que ten como misión a captación e tramitación de investimentos financiados con fondos Next Generation.

A oficina de transición enerxética da Deputación traballará tamén en coordinación coa Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) de Ames, onde Concello e institución provincial están desenvolvendo un proxecto piloto para o fomento de comunidades enerxéticas locais, fórmulas de autoconsumo colectivo no que os participantes (vivendas, comercios, industrias locais...), comparten a enerxía que producen de forma sostible.

A Oficina para a Transición Enerxética da Deputación da Coruña desprega a súa actividade en catro áreas. A de Formación e Sensibilización está destinada á difusión de información en materia de transición enerxética en aspectos como a factura da luz, as comunidades enerxéticas, o autoconsumo, a eficiencia ou o etiquetado enerxético. O segundo eido de actuación é o Asesoramento Técnico no que se refire ao autoconsumo dos concellos, o fomento das comunidades enerxéticas, a eficiencia e as zonas de baixas emisións.

A área de Apoio a Proxectos Emblemáticos está destinada a despregar as accións da estratexia de transición enerxética da provincia e, finalmente, a área de Subvencións encárgase da difusión e apoio técnico na captación das axudas públicas relacionadas coa enerxía e a transición verde.