Estás en:Novas

A Deputación asina convenios coa Mesa pola Normalización Lingüística e co Correlingua para o fomento do galego

A deputada de Normalización Lingüística, Soledad Agra, firmou os convenios con ambas entidades en prol da lingua galega

No caso da Mesa pola Normalización Lingüística, o acordo consiste no financiamento de "A liña do galego" cun importe de 34.000€

En canto á Agrupación cultural Correlingua, a entidade provincial subvenciona o proxecto "Na casa, na escola, bota a lingua fóra!" con 20.000€

A Deputación asina convenios coa Mesa pola Normalización Lingüística e co Correlingua para o fomento do galego

A deputada de Normalización Lingüística, Soledad Agra, asinou un convenio de colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística e coa Agrupación Cultural Correlingua para o financiamento dos proxectos "A liña do galego" con 34.000€ e "Na casa, na escola, bota a lingua fóra!", con 20.000€ respectivamente.

O obxectivo destes convenios é contribuír, dende a entidade provincial, á normalización da lingua galega e fomentar o seu uso, mediante o apoio a iniciativas sociais normalizadoras, así como á existencia e difusión de contidos en lingua galega.

A Mesa pola Normalización Lingüística
No caso de A MESA, unha entidade que traballa na defensa dos dereitos lingüísticos e fomento da lingua galega, a área de Normalización Lingüística da Deputación financia o 80% do programa "A liña do galego", unha ferramenta que por vía telefónica, e tamén a través da App "A liña do galego", ofrece a toda a poboación a posibilidade de avanzar no dereito a vivir en galego dunha forma sinxela, rápida, segura e cómoda. Este servizo tramita consultas, queixas e parabéns en temas relacionados cos dereitos lingüísticos, co obxectivo de romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego

Asociación cultural Correlingua
Por outro lado, a entidade provincial apoia ao Correlingua no seu obxectivo de incentivar o uso oral do galego e polo tanto a súa normalización como medio de comunicación habitual entre a xente nova. Faino a través da subvención dun 60,20% do programa "Na casa, na escola, bota a lingua fóra!" que acolle diversas actividades en prol do idioma por Galicia, cun carácter lúdico, educativo e reivindicativo. Este proxecto convida á mocidade, alumnado e centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito de medrar en galego e tamén exercer de maneira efectiva o uso do noso idioma como única forma de garantir o seu futuro.

A área de Normalización lingüística da Deputación avanza, así, na consecución dos seus obxectivos de normalización e fomento do noso idioma, colaborando con diferentes entidades de referencia que traballan para alcanzar este mesmo obxectivo.