Estás en:Novas

A deputada de igualdade e normalización lingüística, Soledad Agra, visita a Casa de Rosalía

A Deputación colabora coa Casa de Rosalía a través de diferentes iniciativas

Soledad Agra estivo co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, valorando outras posibles vías de colaboración

A deputada de igualdade e normalización lingüística, Soledad Agra, visita a Casa de Rosalía

A deputada de igualdade e normalización lingüística, Soledad Agra, visitou esta mañá a Casa de Rosalía acompañada do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, onde coñeceu diferentes proxectos se están desenvolvendo. Ademais, comentaron outras posibles vías de colaboración entre ambas as dúas institucións, que se sumen ás que xa están en marcha.

"A Casa de Rosalía é a casa de todos os galegos e galegas: un lugar onde viaxar ata as nosas raíces, pero tamén onde recoñecernos na actualidade e onde mirar cara un futuro con identidade propia" apuntou a deputada. "Sempre é unha honra poder coñecer un chisco máis da vida e do traballo de Rosalía".

Esta visita serviu para abordar a mostra dos 50 anos da Casa de Rosalía e tamén a do 'Herbario de Rosalía', entre moitas outras iniciativas, e tamén para "seguir nesta senda de colaboración cunha entidade que fai un labor excepcional de difusión da figura de Rosalía, pero tamén da lingua e da cultura do país".