Estás en:Novas

A importancia da lectura é cerne da campaña en redes ‘Un outono cheo de letras’ da Deputación da Coruña

Impulsada pola área de Normalización Lingüística, a iniciativa esténdese durante tres semanas desde a véspera do Día das Bibliotecas, a celebrarmos este 24 de outubro.

#UnOutonoCheodeLetras destaca a importancia da lectura para a formación das persoas e o papel que xoga na dinamización da lingua.

O proxecto inclúe o sorteo de 1.000 euros en 'Bonos-libro' que os internautas poderán utilizar na libraría da provincia da Coruña que elixan.

A importancia da lectura é cerne da campaña en redes ‘Un outono cheo de letras’ da Deputación da Coruña

O compromiso da Deputación da Coruña co fomento da lectura e o libro galego é o eixo da campaña que a institución, a través da Área de Normalización Lingüística, pon en marcha esta semana. Co título e lema 'Un outono cheo de letras', a iniciativa subliñará o firme apoio que o ente provincial mantén coas persoas e empresas que traballan cada día nun sector cun forte e clave peso simbólico e económico, historicamente clave no proceso de normalización lingüística.
A través das redes sociais, #UnOutonoCheodeLetras quere salientar a importancia dos libros e da lectura na construción de sociedades abertas e libres e na formación das persoas. Sensibilizando á vez a sociedade na importancia da lectura e da lingua propia para medrarmos como persoas. A iniciativa tamén reparará en como o libro galego contribúe a termos unha visión propia do mundo e á dinamización da nosa lingua.
Ilustradoras, escritoras, editoras, libreiras, xornalistas... A campaña #UnOutonoCheodeLetras quere darlles visibilidade e ser homenaxe para ese universo de homes e mulleres, de profesións diversas, que co seu traballo no sector do libro se comprometen cada día en axudarnos a soñar en galego, imaxinado novas vidas, para mellorar as nosas e tamén para sermos quen de comprender as dos que nos rodean, a través das páxinas dos libros. Nesa arela terá nesta ocasión tamén un papel fundamental a referencia aos distintos premios cos que a Deputación fomenta a creación na nosa lingua e o fomento da lectura.
Concurso e 'bonos-libros'
Convidados a compartiren os contidos e o lema da campaña, os internautas serán protagonistas no espallamento dos valores de #UnOutonoCheodeLetras. Así, todas as persoas que participen en rede e fagan interacción coa iniciativa compartindo os contidos en Facebook, Twitter ou Instagram, entrarán no sorteo de 10 bonos-libro. Cada un destes bonos está valorado en 100 euros. Todas as persoas gañadoras poderán empregar estes abonos na libraría da provincia da Coruña que libremente elixan.