PRAM

PROGRAMA DE APOIO Á REDE DE ACOLLEMENTO PARA MULLERES EN SITUACIÓN DE VIOLENCIA DE XÉNERO. PRAM

DESCRICIÓN DO PROGRAMA
O programa provincial de apoio á rede de acollemento está baseado, principalmente, na colaboración económica e técnica que a Deputación da Coruña, desde o ano 1992, presta a través do financiamento para o mantemento nos recursos de acollida da provincia da Coruña.

A Deputación da Coruña asina anualmente un convenio de colaboración cos concellos da Coruña, Ferrol e ata o 2021 con Culleredo para o mantemento xeral, que inclúe gastos, dos recursos de acollida para mulleres en situación de violencia de xénero.

TIPOLOXÍA DOS RECURSOS E TEMPOS DE PERMANENCIA:

As casas de acollida para mulleres (CAM) son un recurso especializado de carácter residencial e temporal que ofrece acollida, atención e recuperación ás mulleres e, no seu caso, ás persoas que dependen delas.
O tempo de permanencia neste centro non será superior a tres meses, pode establecerse unha prórroga por un período igual en circunstancias excepcionais.

A vivenda tutelada é un fogar alternativo que dará acollida, preferentemente, a mulleres procedentes de casas de acollida, e que serve de ponte até a normalización da súa situación persoal e familiar. O tempo de permanencia non poderá ser superior a un ano.

Os dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma son un recurso especializado de carácter residencial e temporal que posibilitan oportunidades de axuste persoal e incorporación sociolaboral ás mulleres e, no seu caso, persoas que dependen delas. O tempo de permanencia non poderá ser superior a un ano.

Na provincia da Coruña atópanse 4 dos 7 recursos de acollida de Galicia (sen contar co Centro de Recuperación Integral de Santiago) que forman a Rede Galega de acollemento.

A nivel técnico, a colaboración céntrase en fomentar a coordinación interinstitucional entre os centros que conforman a Rede Galega na Provincia da Coruña, o Centro de Recuperación Integral (CRI) e os concellos ou entidades derivantes de usuarias aos centros de acollida.

Para garantir a non duplicidade de recursos, simplificar o proceso de acceso e axilizar os procedementos de ingreso, o programa de apoio á rede de acollemento de mulleres en situación de violencia de xénero da provincia da Coruña, tecnicamente réxese polo marco do protocolo de acceso á Rede Galega de Acollemento para Mulleres da Xunta de Galicia.

O programa provincial de apoio á rede de acollemento conta cun proceso técnico de seguimento, a través do cal, en colaboración cos recursos de acollida da provincia da Coruña e/ou co concello de procedencia, de ser o caso, promovese o desenvolvemento do proxecto de traballo de recuperación individual de cada muller acollida e persoas da que dela dependan. Este proceso técnico de seguimento levase a cabo a través de reunións semestrais, na que participa persoal técnico (educadora social, traballadora social, mediadora igualdade) de cada centro.

Anualmente, avaliase os resultados e elaborase un informe anual de resultados. Así mesmo, unha vez finalizada a vixencia do convenio elaborase un informe cuatrianual de resultados.

O programa provincial conta cunha comisión de seguimento, formada por unha persoa responsable a nivel de servizo/sección do convenio e unha persoa responsable da dirección de cada recurso, que se reune anualmente co persoal responsable a nivel provincial do programa para favorecer a coordinación e tomar os acordos que se consideren necesarios.

Obxectivos xerais e específicos

Xerais

· Colaborar no financiamento do mantemento xeral dos recursos de acollemento de mulleres en situación de violencia de xénero da provincia da Coruña.
· Apoiar tecnicamente o persoal dos recursos de acollida
· Apoiar a consecución de obxectivos no desenvolvemento do proxecto de recuperación individual a nivel físico, psíquico e de participación social, das mulleres en situación de violencia de xénero e persoas que delas dependan.
· Fomentar a colaboración interinstitucional entre a Rede Galega de Acollemento, Centro de Recuperación Integral, concellos e entidades derivantes a través do cumprimento do Protocolo de acceso a Rede Galega de acollemento e do procedemento do programa provincial.

Específicos

· Establecer canles de coordinación interinstitucional.
· Levar a cabo un seguimento técnico semestral, para apoiar o proxecto de recuperación individual das mulleres e das persoas que delas dependan.
· Crear unha comisión de seguimento do convenio para coordinar accións e resolver incidencias.

Logotipo PRAM def.jpg

Presentación da reunión de coordinación cos concellos 2023

Parte I

Parte II