Estás en:Novas

A Deputación destina 173.000 euros a mellorar a maquinaria municipal no Concello de Malpica

Financia a adquisición dun tractor con apeiro de rozadoira de brazo e un camión con caixa basculante, que permitirán aumentar as funcionalidades das brigadas de servizos municipais ao longo de todo o ano

A Deputación destina 173.000 euros a mellorar a maquinaria municipal no Concello de Malpica

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o deputado de Contratación, Xosé Penas, asinaron o convenio para cofinanciar a adquisición dun tractor de rozadoira e un camión grúa que darán servizo ao municipio.

A achega económica da Deputación será de 173.000 euros, que supón o 78,24 % do custo total dos vehículos, que ascende a 221.087 euros.

Debido á gran superficie de infraestruturas viarias e terreos municipais que se teñen que rozar dentro dos labores que realiza de xeito habitual a brigada municipal de servizos e medio rural, Malpica precisa dun vehículo tractor con apeiro de rozadoira de brazo, así como tamén un camión con caixa basculante e grúa, que son obxecto deste convenio.

Con estas dúas novas ferramentas increméntase así a maquinaria dispoñible para o Concello de Malpica á hora de reforzar distintos servizos como as rozas de maleza no seu municipio. Así mesmo, ambos vehículos servirán para aumentar as funcionalidades das brigadas de servizos ao longo de todo o ano.