Estás en:Servizos Sociais Área de Igualdade Proxectos Campaña de sensibilización con motivo do 28 de xuño, día da diversidade cultural

Campaña de sensibilización con motivo do 28 de xuño, día da diversidade cultural

Con motivo da conmemoración do 28 de xuño "día da diversidade sexual", desde a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña impúlsase esta Campaña de sensibilización da que forman parte un total 40 concellos da provincia da Coruña:

AMES, ARTEIXO, ARZÚA, A POBRA DO CARAMIÑAL, AS SOMOZAS, BERGONDO, BETANZOS, CABANAS, CAMBRE, CARBALLO, CARIÑO, CEDEIRA, CERCEDA, CERDIDO, COIRÓS, CORCUBIÓN, CULLEREDO, FENE, FISTERRA, LAXE, LOUSAME, MOECHE, NARÓN, NOIA, OUTES, OZA-CESURAS, PADERNE, PONTEDEUME, PORTO DO SON, RIANXO, ROIS, SAN SADURNIÑO, SOBRADO, TEO, TOQUES, TORDOIA, TRAZO, VAL DO DUBRA, VILARMAIOR e VIMIANZO.

A Deputación da Coruña aposta, desde hai anos, por visibilizar a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

Co fin de normalizar e sensibilizar á sociedade sobre as diversidades sexuais, este ano lánzase a campaña "LIBERDADE DE SER E SENTIR!". A imaxe escollida para esta edición está baseada nunha estética graffiti como elemento reivindicativo por excelencia, sinónimo de liberdade e libre pensamento, conceptos moi vinculados coa Campaña. O lema "liberdade de ser e sentir!" quere ser un berro para reivindicar o dereito á liberdade sexual e á tolerancia das persoas. 

Para darlle difusión á Campaña, realizaranse diferentes accións:

  • Produciuse o seguinte material promocional: 1.500 carteis, 1.500 adhesivos, 1.500 bolsas, 1.500 camisetas, 1.500 dípticos e 1.000 chapas. Todo este material repartirase polos concellos que participan na campaña para darlle unha maior visibilidade á mesma.
  • Colocáronse bandeirolas en diferentes edificios da Deputación coas cores do arco da vella, que permanecerán colgadas ata despois do propio día conmemorativo.
  • Púxose en marcha da plataforma seresentir.gal. A mesma conta cunha parte de información pública onde existen diferentes contidos e recursos relacionados coa diversidade sexual e unha área privada para que os concellos poidan descargar os deseños da gráfica e realizar material promocional adicional ao entregado pola Deputación.
  • Realizaranse actividades e un concerto na Coruña: o 26 de xuño desenvolveranse 2 performances a cargo de Somos Lag. A primeira delas realizarase ás 18.00 horas fronte ao antigo Cine París e a segunda será as 19:00 horas nos xardíns existentes fronte a Autoridade Portuaria. Por outra banda, o 27 de xuño ás 20:00 horas haberá un concerto do grupo The Tetas' Van no Hall do Teatro Colón.
  • Desenvolverase un plan de comunicación, tanto online coma offline, durante todo este mes de xuño, onde se farán anuncios en prensa escrita e dixital e se compartiran contidos a través das redes sociais.
  • Por último, tamén se realizou un spot promocional para difundir a través da redes, da web e proxectar nos concellos participantes.

Todas estas accións están dirixidas a xerar na sociedade, especialmente na mocidade, valores como a tolerancia e a igualdade das persoas gais, lesbianas, bisexuais, transexuais, queer e intersexuais, apoiando a diversidade e a liberación sexual e dignificando á comunidade LGTBQI+.