galego | castellano
: Servizos sociais

PRESENTACIÓN

igualdadegeneral.jpg

Os servizos sociais foron obxecto dun cambio substancial a partir da Constitución de 1978 e as principais leis que a acometen, emanando do poder do Estado, a través da súa normativa, unha concepción nova das políticas de protección social que se concretan para a súa execución en diversos plans e programas de benestar social. Pasan os servizos sociais de conceptuarse e aplicarse como prestacións meramente benéfico-asistenciais, de carácter graciable e discrecional, a constituírse como prestacións de dereito, ás que poida acceder, con carácter universal, toda a cidadanía en réxime de igualdade de oportunidades.

As comunidades autónomas, en base á asunción de competencias que lles outorga a Constitución española de 1978, e os seus propios estatutos de autonomía, plasman nas leis de servizos sociais a definición deles, a súa tipoloxía, niveis e áreas de actuación, equipamentos necesarios, órganos competentes, entidades prestadoras, etc.

A Deputación da Coruña cumpre coas súas competencias de dar apoio aos servizos sociais de titularidade municipal, desenvolvidos polos concellos, tal e como recolle a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia:

"As Deputacións provinciais, de conformidade co disposto na normativa de réxime local, proporcionaranlles asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos na execución das súas competencias en materia de servizos sociais, especialmente na prestación de servizos sociais comunitarios básicos por aqueles concellos con menos de 20.000 habitantes".

Ademais, a Deputación Provincial da Coruña, fomenta a colaboración apoio coas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, tal e como recollen os artigos 30 e 31 da citada Lei de servizos sociais de Galicia.

Segundo a lei vixente, a estrutura básica dos servizos sociais distribúese conforme a dous niveis de actuación:

a) Servizos sociais comunitarios (constitúen o acceso normalizado e o primeiro nivel de intervención do Sistema Galego de Servizos Sociais), que comprenden dúas modalidades:

* Básicos: aqueles que constitúen a canle normal de acceso ao Sistema de Servizos Sociais.

* Específicos: aqueles destinados a desenvolver programas e xestionar centros orientados a colectivos con problemáticas singulares ou como espazo de tránsito a un servizo especializado

b) Servizos sociais especializados (aqueles que están referenciados a un sector de poboación ou a unha necesidade determinada que demanda unha maior especialización)

A principal vía para dar resposta ás demandas dos concellos e das entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, ademais de plans e programas propios da Deputación (coma o Plan de convenios para concellos con menos de 20.000 habitantes); é a convocatoria de subvencións anuais por parte da Sección de Servizos Sociais. 

INFORMACIÓN DE CONTACTO

Teléfono: 981080317 - Fax: 981080340

Correo electrónico: servizos.sociais@dacoruna.gal

                         igualdade@dacoruna.gal

Situación