Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación acolleu a celebración da xornada Startup Europe Week
Páxinas suxeridas
González Formoso destaca que a provincia “mantén vivo o espírito emprendedor” no que se forxaron moitas empresas coruñesas líderes no seu sector, pero que comezaron de xeito moi modesto

70 emprendedores da provincia fórmanse na Deputación dentro do programa europeo Startup Europe Week

04 de Febreiro de 2016

Máis de 70 emprendedores da provincia participaron esta mañá na sede da Deputación da Coruña nun curso incluído no programa europeo Startup Europe Week, destinado á formación e orientación das persoas interesadas en promover novos proxectos empresariais.

A inauguración da xornada correu a cargo do presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que animou os mozos e mozas asistentes a pór en marcha a súas ideas de negocio e comprometeu o apoio da Deputación para iso.

"Os emprendedores sodes o futuro económico do continente", afirmou Valentín González, que considerou imprescindible "reaccionar" e prestar apoio dende as institucións a "iniciativas novas e dinámicas" que contribúan a devolver a Europa á senda da recuperación económica.

Neste sentido, afirmou que "a Deputación ten que estar onde lle preocupa á xente, e a principal preocupación da sociedade actualmente é o paro, a falta de actividade económica e de expectativas laborais" polo que se comprometeu a que a promoción do emprego será, xunto co apoio aos concellos, "a nosa idea transversal por enriba de calquera outra" durante o presente mandato.

González Formoso detallou ante a mocidade asistente algunhas das liñas fundamentais do Plan de Emprego que prepara a institución provincial, "que multiplicará por seis os recursos que viñamos destinando a esta área ata agora", e que contemplará o apoio a iniciativas emprendedoras como un dos seus eixes principais. "Queremos asesorar e titorizar os proxectos, non só subvencionalos, porque os cartos públicos deben servir para cumprir un obxectivo e a Deputación debe servir de panca, non de freo", engadiu.

A Coruña, unha provincia de emprendedores

O presidente provincial afirmou que A Coruña "é unha provincia dinámica", que se sitúa como a quinta de España por achega empresarial ao PIB e lembrou que conta con "grandes empresas multinacionais, líderes en distintos sectores, que no seu día foron iniciativas emprendedoras nun entorno moi distinto ao actual, sen teléfonos intelixentes, sen subvencións e moitas veces sen estradas".

Así, citou algúns exemplos de iniciativas empresariais coruñesas que comezaron de xeito moi modesto e hoxe son líderes nos seus sectores ou desenvolven a súa actividade empresarial a nivel global. "Ese espírito emprendedor mantense vivo hoxe", afirmou González Formoso, que destacou que o percibe nas visitas a empresas de diversos sectores que está realizando na provincia.

"Cando imos aos concellos visitamos tamén polígonos industriais, factorías, pequenas empresas, granxas... xente que está a facer cousas novas dende a nosa provincia e en moitas destas visitas vexo emprendedores con ideas novas e interesantes que mañá poden chegar a ser grandes empresas", afirmou o presidente coruñés, que instou a xuventude a traballar nos seus proxectos a pesar das numerosas dificultades que atoparán no seu camiño.

Na xornada de hoxe participan diferentes expertos relacionados co mundo do emprendemento, da administración local e da empresa privada. Emprendedores como Frankie Gómez (ConfirmSign.com), David Bello (IPGlobal) , Víctor Salgado (Bufete Pintos & Salgado) ou Broder Fernández Obanza (The BioFactory) relataron as súas experiencias, ao tempo que representantes de ABANCA, a Confederación de Empresarios, o IGAPE e a propia Deputación orientaron aos asistentes sobre os recursos económicos e técnicos existentes para apoiar a creación de novos proxectos empresariais na provincia da Coruña.

Durante esta primeira semana de febreiro, diversos países europeos celebrarán máis de 200 actos dentro do programa Startup Europe Week, promovido pola Comisión Europea. O de hoxe será o único acto incluído nesta iniciativa que se desenvolverá na provincia da Coruña.