Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña e ABANCA inxectarán un 20% máis de crédito na provincia a través do Plan Activamos
Ambas institucións renovan o "Plan Activamos" que permitirá destinar 87 millóns de euros a financiar iniciativas orientadas ao desenvolvemento económico e social

A Deputación da Coruña e ABANCA inxectarán un 20% máis de crédito na provincia a través do Plan Activamos

09 de Novembro de 2015

A Deputación da Coruña e ABANCA asinaron esta mañá a renovación do ‘Plan Activamos’, un acordo a través do cal a entidade financeira destinará 87 millóns de euros para financiar iniciativas enfocadas ao desenvolvemento económico e social da provincia, un incremento do 20% con respecto ao ano pasado.

O deputado responsable de Economía e Facenda da Deputación, Antonio Leira, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa García, foron os encargados de asinar a renovación deste convenio que, ata o de agora, permitiu apoiar con crédito máis de 3.150 operacións de familias e PEME da Coruña.O director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións de ABANCA foi o encargado de presentar a nova aplicación que a entidade financeira vén de deseñar para que os contribuíntes poidan pagar os impostos locais co teléfono móbil.

A través do ‘Plan Activamos’ ABANCA financia, en condicións preferentes con respecto ás estándar do mercado, proxectos relacionados coa formación, a accesibilidade das vivendas, a extensión das novas tecnoloxías, a eficiencia enerxética, o emprendimento e a creación de emprego.

Os produtos de financiamento do ‘Plan Activamos’ contan con tipos de xuro bonificados en relación á oferta bancaria actual e sen bandas de flutuación. Ademais carecen de comisións de apertura, estudo, amortización ou cancelación anticipada, dispoñen de amplos prazos de amortización, e contan con carencias naquelas modalidades nos que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.

Máis de 3.150 operacións de financiamento na provincia

Peme, micropeme, comerciantes e autónomos foron os principais beneficiarios dos créditos do ‘Plan Activamos’. En total, tramitáronse con estes segmentos 2.652 operacións, que concentran máis do 90% do financiamento concedido na provincia no marco do ‘Plan Activamos’. En canto a familias, preto de 200 familias da Coruña aproveitaron ata o momento tamén as boas condicións deste programa de créditos, principalmente, para financiar obras de mellora enerxética no fogar e actividades formativas. En total, ABANCA tramitou a través do ‘Plan Activamos’ préstamos a familias por un importe global de 2,2 millóns euros na provincia coruñesa..

App para facilitar o pago de impostos

Outra das novidades incluídas no marco de colaboración entre a Deputación da Coruña e ABANCA é a presentación dunha aplicación que lles permitirá aos contribuíntes o pago dos impostos locais a través do teléfono móbil. A App, deseñada por ABANCA, está xa dispoñible tanto para dispositivos androide como iOS co nome de ‘Deputacion da Coruña’.                                                                                                                           

Esta iniciativa pretende facer máis fácil e accesible o pago dos impostos aos cidadáns co uso das novas tecnoloxías, poñendo para iso á súa disposición canles cunha operatividade de 24 horas ao día os 7 días da semana.

A aplicación de móbil permite o pago de impostos locais de forma rápida e sinxela en dous cómodos pasos. Primeiro elíxese como se introducen os datos do recibo (facendo unha foto coa cámara do móbil ao código de barras, introducindo os números do código de barras ou escribindo os datos do recibo) e, despois, hai que teclear os datos da tarxeta de crédito para efectuar o pago. Para axilizar a introdución de datos, tanto da tarxeta como do recibo, a ferramenta permite engadilos facéndolles unha foto coa cámara do móbil. A aplicación conta, ademais, cun asistente que axuda ao usuario a formalizar o pago de recibos guiándoo en todo o proceso. O pago de recibos a través da aplicación de móbil é gratuíto, sen ningún tipo de comisión.

O deseño desta aplicación móbil enmárcase dentro da estratexia de ABANCA de facilitar o desenvolvemento tecnolóxico no seu ámbito de actuación para poder ofrecer un servizo omnicanal, innovador e con altos niveis de calidade.

Os clientes de ABANCA teñen a posibilidade de pagar os impostos e taxas de distintos concellos, deputacións, universidades galegas e Xunta de Galicia, entre outros organismos e institucións, a través da Banca a Distancia e da rede de caixeiros da entidade galega con toda comodidade, sen horarios e sen custo adicional.