Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Máis de vinte convidadas na xornada Mulleres e Música o sábado 19 de maio no Teatro Colón da Coruña
Páxinas suxeridas
Promovida por Cultura da Deputación da Coruña, convida á participación con concertos, mesas redondas e encontros con artistas e profesionais para abordar o traballo das mulleres na música

Máis de vinte convidadas na xornada Mulleres e Música o sábado 19 de maio no Teatro Colón da Coruña

10 de Maio de 2018

Ses, Cora Novoa, Mounqup, Teresa Cuiñas, Guadi Galego, Diana López Varela, MJ Pérez ou Mar Catarina. Son algunhas das participantes na xornada Mulleres e Música, o sábado 19 de maio, promovida pola Deputación da Coruña dentro do programa "A Cultura é un Dereito". O Teatro Colón abrirá as súas portas ás 11h e até a noite para acoller encontros, concertos, mesas redondas e máis, cos que abordar o traballo das mulleres no sector musical. Unha xornada aberta a profesionais e á cidadanía en xeral, para a que xa podes retirar o teu convite na web teatrocolon.es

Artistas, produtoras, deseñadoras, xornalistas, técnicas, managers, etc, estarán no Colón o sábado 19 de maio para reflexionar e, tamén, celebrar o papel das mulleres na música. A primeira xornada monográfica Mulleres e Música no Teatro Colón, promovida pola Deputación da Coruña, ten dous obxectivos xerais. O primeiro deles, visibilizar a calidade e excelencia no traballo que as mulleres desenvolven na industria da música. A diversidade de procesos e tarefas que moven o sector e son desenvolvidos por profesionais mulleres: creación, produción, distribución e comercialización, programación, comunicación. Con ese obxectivo, optouse por unha programación intensa, diversa en formatos, e concibida, na súa maioría, para interese do público xeral, tirando proveito das posibilidades que ofrece o teatro.

Unha xornada, a do sábado 19 de maio, para revisar datos e cuestionar estereotipos acompañadas dunha audiencia interesada en abordar o feito musical hoxe en día desde unha óptica feminista e cun destacado conxunto de profesionais da música coas que percorrer prácticas e estratexias. Máis de vinte persoas convidadas, entre artistas, produtoras, xornalistas, programadoras. Conversas sobre o escenario, mesas redondas, presentacións e música en directo con tres concertos: Mounqup, Naima Acuña Trío e Cora Novoa DJ Set. Unha xornada de celebración e reflexión nun momento no que se abren debates globais até agora inéditos no sector.

Cara as lentes lilás

Tras a inauguración, a xornada do sábado 19 abrirase cunha mesa redonda na participan unha historiadora, Lorena López Cobas, un programador, Julio Gómez co-director do Festival Sinsal, e unha artista ben coñecida como Guadi Galego. Conducidas pola guionista e periodistas Diana López Varela, centraranse na visibilidade e protagonismo da muller no sector. A seguir, e enmarcada na liña de traballo de apoio á creación musical de mulleres que desenvolve a Deputación da Coruña, esta xornada servirá de foro de presentación da proposta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e de Mulleres na Industria da Música (MIM) dirixida a empresas e institucións: "Cara as lentes lilás na música". Un conxunto de medidas que contribúan a rematar coa fenda de xénero na produción de proxectos musicais, lanzadas desde o ámbito profesional na procura do compromiso efectivo daquelas entidades que producen, financian e programan música.

O método Ses

A tarde comeza con Ses, pero non en concerto. A artista subirase ao escenario do Colón para ser interrogada pola xornalista da TVG e colaboradora da revista Rockdelux Teresa Cuiñas. O último fenómeno da música vende discos, enche salas e enfeitiza á súa audiencia. Se hai un método Ses, descubrirémolo nesta xornada. Na sesión da tarde tamén o panel "Cando a vida che dá un martelo" no que participan 5 mulleres novas pero con longa traxectoria no sector musical: Mar Catarina, do selo Prenom, a produtora Cecilia Carballido, a cantante MJ Pérez, a responsable da sala Mardi Grass, Yolanda Villa e a xestora e parte de Mujeres en la Industria de la Música, Tamara Rodríguez Silva. Este percorrido polas diferentes tarefas da música será guiado pola xornalista de El Ideal Gallego Marta García Márquez.

A xornada do sábado rematará con música, por suposto. Ás 20:30 sube ao escenario do Colón a compositora e batería da Coruña. Naima Acuña, un deses nomes contados de muller que sobresaen na paisaxe do jazz en Galicia. Faino co seu trío que completan Paco Charlín (contrabaixo) e Xan Campos (piano). Naima Acuña estuda música desde cativa, licenciase na especialidade de Jazz no Conservatorio Superior de Música da Coruña e fai o mestrado en Valencia. E toca, toca e toca en directo, acompañando a grandes figuras do jazz e formando parte dunha morea de festivais.

O fin de festa vén da man dunha das Djs máis recoñecidas no ámbito intertacional: a ourensá Cora Novoa.Unha DJ no Teatro. Non calquer teatro, o Colón. Non calquera DJ. Cora Novoa (Ourense, 1985) recibiu o pasado ano a consideración de mellor DJ nos Vicious Awards. Unha referencia na música electrónica: dominio tércnico, emoción e enerxía. Traballa desde a honestidade, conta ela. E lévaoo feito en todas as áreas da industria musical (técnica, comercial, creativa), foi técnico de son, é compositora, colaboradora de medios e unha geek confesa, posuídora dun coñecemento tecnolóxico enciclopédico: hardaware, software e programación. Ten selo propio desde hai uns meses, Seeking the velvet (significa "na procura do veludo"), no que editou o seu último disco "Fight Love Faith". Non se nos ocorre mellor peche de xornada no Colón que a sesión de Cora Novoa, nome propio da música electrónica e unha artista cun talento integral que aplica en cada paso da súa carreira.

Escoitar, preguntar, conversar, actuar e, tamén, bailar. A xornada Mulleres e Música o sábado 19 de maio desenvolverase en sesións de mañá e de tarde-noite con descanso a mediodía. O acceso é aberto e hai que retirar convite na billeteira en liña (www.teatrocolon.es) pódese escoller un convite para todas as actividades do día ou para aquela que sexan de interese.

Programa Mulleres e Música sábado 19/05/2018
Sesión mañá. Hall do Teatro Colón

11.h. Acto apertura

11:30. Killing me softly (Matándome suavemente)

Mesa redonda con:
Lorena López Cobas (profesora e investigadora da USC, autora Historia da Música en Galicia),
Julio Gómez (codirector Festival Sinsal Son Estrella Galicia)
Guadi Galego (Artista).
Presenta e modera: Diana López Varela (Periodista e autora de No es país para coños)

12:30. AGPXC e Mujeres en la Industria de la Música (MIM): Cara ás lentes violetas na música.

13:00: Vivir na Coruña. Directo con Mounqup.

Sesión tarde. Sala Teatro Colón

17h. Moita pista por gastar. Encontro aberto con Ses.

Presenta e pregunta:Teresa Cuíñas (xornalista)

18: 15.Cando a vida che dá un martelo
Panal de experiencias

Con:
Tamara Rodríguez (Mujeres en la Industria de la Música MIM).
Cecilia Carballido (Produtora)
Yolanda Villa (xerente Sala de Concertos Mardi Grass)
Mar Catarina (responsable do selo Prenom)
MJ Pérez (Cantante e guitarrista)
Presenta e guía: Marta García Márquez (Xornalista de El Ideal Gallego)

20:30 h. Jazz: estéreo-tipas. Naima Acuña Trío en concerto
Naima Acuña (batería)
Paco Charlín (contrabaixo)
Xan Campos (piano).

21:30. Ábrese o pano...e aparece a DJ! Con Cora Novoa DJ Set
Remate da xornada: 22:30h

Coordinación xornada: Arancha Estévez e Rosa Salgado