Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña convoca as únicas axudas para distribución audiovisual en lingua galega
A área de Cultura e Normalización Lingüística destina 150.000 € á novidosa acción cultural

A Deputación da Coruña convoca as únicas axudas para distribución audiovisual en lingua galega

28 de Marzo de 2018

A área de Cultura da Deputación da Coruña quere contribuír a poñer fin á dificultade de que os filmes na nosa lingua cheguen ao público e ese é obxectivo da nova liña de axudas destinadas á distribución de contidos audiovisuais en galego. A área de Cultura que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei, promove unha acción única no panorama cultural galego.

Apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega é o obxectivo da nova liña de axudas á que a Deputación da Coruña destina un orzamento de 150.000 euros que sae publicada no BOP deste mércores día 28 de marzo e terá o prazo de presentación aberto até o vindeiro 8 de maio.

"Consideramos que a publicación desta nova liña que une apoio á cultura e á lingua galega é unha moi boa noticia para o sector audiovisual mais tamén para a veciñanza porque facilitará o acceso a contidos audiovisuais na nosa lingua", explica Goretti Sanmartín para quen a novidosa acción cultural busca poñer fin "á anomalía que é a dificultade de asistir á proxección dos contidos audiovisuais de altísima calidade que se están a producir na nosa lingua".

A nova liña de axudas responde á necesidade de difusión de produtos audiovisuais en lingua galega e nace do recoñecemento do campo audiovisual como ámbito estratéxico de creación de contidos culturais. "A produción de filmes, documentais, contidos dixitais e demais formatos audiovisuais para a súa emisión nas diferentes canles existentes (TV, cinemas, internet, cineclubs, redes e programacións públicas...) é unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura, en tanto permite xerar discurso propio cara a si e cara os outros e articular un espazo de referencias propio e recoñecible, cunha dinámica autónoma e beneficiosa no sociocultural e no económico e ao tempo interconectada e aberta ao resto de espazos culturais do planeta", explícase nas bases da propia liña que destacan a "importancia estratéxica da existencia dun espazo de comunicación e cultura propio, vivo e que se desenvolva no noso idioma".

A responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, constata a "dificultade que existe para acceder ás producións audiovisuais na nosa lingua o que crea unha fronteira case insalvable entre o sector que está a producir contidos e o que sería o seu público natural". A tamén responsable da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, lamenta que, nese sentido, "os contidos audiovisuais que nacen na nosa lingua infelizmente están en desvantaxe con respecto a outras culturais sen apoios específicos nun ámbito especialmente complexo como é o da distribución". Neste sentido, a Deputación da Coruña aposta por unha liña que non existe noutras administracións.

A convocatoria da Deputación da Coruña considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc.) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) e outra para a distribución en lingua galega de contidos audiovisuais non galegos.

As bases entenden como distribución, exhibición e comercialización aquelas actividades que teñen por obxecto a promoción e difusión de producións cinematográficas e audiovisuais (ficción, documental e animación), de calquera duración e en calquera dos formatos e medios de difusión. As producións que concorran a esta convocatoria terán que estar en lingua galega e tamén facer a publicidade e promoción na nosa lingua.

A axuda non poderá superar o 80% do orzamento subvencionábel, cunha cantidade máxima por proxecto de 30.000 euros. O orzamento destinado en 2018 a esta liña é de 150.000 euros.

Entre os criterios de valoración atópanse a estrea do contido audiovisual, ter a versión orixinal en galego, a calidade da produción, estar dirixida á infancia e mocidade ou a campaña de distribución e comercialización. A convocatoria incorpora tamén o criterio de xénero, é dicir, valora a porcentaxe de mulleres no equipo técnico da produción, é dicir as persoas xefas e primeiras axudantes das equipas de dirección, produción, fotografía, iluminación, dirección de arte, son, montaxe e posprodución.

A área de Cultura da Deputación da Coruña contribúe tamén á difusión de contidos audiovisuais na nosa lingua a través de "Visións", o novo programa da Rede Cultural que difunde contidos audiovisuais nos concellos da provincia.