Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O Festival Rosalía remata con éxito a súa primeira edición en que música, teatro, poesía e centos de produtos rosalianos se deron cita para homenaxear á escritora
Páxinas suxeridas
A Deputación da Coruña organizou o Festival en colaboración co Concello de Santiago, a AELG e a Fundación Rosalía

O Festival Rosalía remata con éxito a súa primeira edición en que música, teatro, poesía e centos de produtos rosalianos se deron cita para homenaxear á escritora

02 de Outubro de 2017

Rosalía foi a protagonista deste festival que durante os días 29 e 30 de setembro reuniu en Santiago de Compostela espectáculos de música, poesía, teatro e centos de produtos rosalianos. A imaxe dunha Rosalía superheroína, con capa e máscara, presidiu o cartel do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e a Fundación Rosalía de Castro.

Foron dúas xornadas de homenaxe a unha Rosalía "moderna, reivindicativa, enérxica, revolucionaria, con mensaxes contundentes e defensora dos dereitos da Galiza e das mulleres" como dixo a vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín.

O festival, que conmemora o centenario da inauguración do monumento da Alameda á escritora, comezou o venres pola tarde cunha gala poético-musical no Teatro Principal compostelá cuxas entradas levaban días esgotadas. A gala contou coas actuacións de Abe Rábade xunto con Natasia Zürcher, Najla Shami, Uxía Senlle con Serxio Tannus e Sérgio Tannus e Santi Cribeiro e Xiana Lastra con Andrea Porto. Anxo Angueira, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta Dacosta e Rosalía Fernández Rial foron as encargadas de pórlle voz á poesía.

Na gala, presentada pola poeta e actriz Lorena Conde e dirixida por Avelino González, participou tamén Sara Maroto, galega que coñeceu a obra de Rosalía durante a emigración na Arxentina, e que recitou un poema.

Durante a súa segunda xornada, o Festival celebrou a Feira Rosalía na que se deron cita 17 produtores e produtoras que, como indicou Goretti Sanmartín, "levan anos espallando os versos, a imaxe e a figura" da poeta nas súas creacións (camisolas, pandeiretas, chaveiros, cadros, cerámicas, libros, cuncas, cervexa...)

Os e as produtoras que participaron foron: Animosa. Alma y Coraje, As galegas. Cervexa ecolóxica, BOH Galicia, Cerámica Regal, Deica! Creacións, Imprime 3D, Irene Silva (Galiestampa), Libraría Pedreira, Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Libraría Couceiro, Nikis Galicia Style, Obradoiro A Candelaria, OZOCOgz, Rei Zentolo, Rosalianas, Son Humanita e Studio Variopinto.

Ademais de produtos rosalianos, a Feira estivo amenizada coas actuacións musicais de Habelas Hainas e da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, "a mesma que hai 100 anos acompañou o cortexo para a inauguración da estatua de Rosalía da Alameda", lembrou Goretti Sanmartín.

O teatro tamén tivo un oco no Festival Rosalía e veu da man de Larraitz Urruzola, co seu espectáculo "A viaxe de Rosalía".

O obxectivo destes dous días de celebración do Festival Rosalía é "espallar e difundir a imaxe dunha Rosalía comprometida, ligada á terra" xa considerada como "a nosa imaxe, símbolo nacional", concluíu Goretti Sanmartín.