Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Este ano, o concello de Cerceda recibe un total de 780.694 euros do Plan Único da Deputación
Páxinas suxeridas
Os proxectos financiados pola institución provincial inclúen a construción de beirarrúas na contorna do colexio da Silva e a pavimentación do acceso ao campo de fútbol de Rodís e do aparcadoiro do polideportivo municipal

Cerceda licita por preto de 440.000 euros as obras do Plan único da Deputación

25 de Setembro de 2017

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación dos catro proxectos que financia o Plan único da Deputación da Coruña no Concello de Cerceda. A institución provincial destina un total de 437.821 euros a estas obras, que inclúen a pavimentación de vías, a execución de gabias ou a acometida de redes de saneamento.

Este ano, o Concello de Cerceda recibe un total de 780.694 euros do Plan único da Deputación, que ademais de financiar os proxectos que saen hoxe a licitación, achega 342.872 euros ao gasto corrente municipal, importe que servirá para custear a iluminación pública, e outros 15.469 euros para liquidar débedas con entidades financeiras.

Melloras nos vías e camiños rurais

Un total de 120.839 euros destinaranse a acometer melloras en máis de 3,1 quilómetros de camiños de rurais. Os traballos, que afectarán ao camiño de Belir a Gosende, da estrada da Laracha ao Moucho, de Sexas a Ouriño, Brazal de Arriba e os accesos a Recegulfe, consistirán na mellora da capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma, ademais de reparar as fochas, perfilar as mordentes, limpar as gabias e salvagabias e repintar as liñas de sinalización viaria nos casos nos que sexa necesario. No caso dos accesos ao núcleo de Recegulfe, tamén se ampliará a superficie pavimentada en 0,50 metros de cada lado.

Asemade, no camiño de Santa Comba a Fontán, na parroquia de Xesteda, executaranse gabias de seguridade nun treito de 160 metros, que estarán revestidas de formigón.

Doutra banda, outro proxecto dotado con 90.159 euros permitirá mellorar tamén a capa de rodaxe do acceso ao polígono industrial desde a DP2402. Estas obras, que afectarán a un treito de 800 metros de lonxitude e 5 de ancho, consistirán na reparación dos fochas, a ampliación da superficie pavimentada en 1 metro e a repavimentación mediante aglomerado en quente.

Paralelamente, na DP2402, tamén chamada estrada da Laracha, construiranse 130 metros lineais de beirarrúa de 1,80 metros de ancho, con bordo de formigón prefabricado e baldosa hidráulica. Previamente, instalarase a canalización para a iluminación pública e a recollida de augas pluviais, así como 4 pozos de sumidoiro.

As vías das parroquias das Encrobas, Rodís e A Silva son obxecto doutro proxecto financiado polo Plan único da Deputación, cun total de 105.010 euros. Actuarase en 14 camiños co obxectivo de construír gabias, reparar a capa de rodaxe ou acondicionar as gabias, entre outras medidas para mellorar as condicións de circulación e a seguridade viaria.

Na parroquia de Rodís, construiranse novas gabias revestidas de formigón no camiño de Ouriño a Barreiro e no contorno de Atrio, repavimentaranse e acondicionaranse as gabias do camiño de Sandián ao Piñeiro e o das Cabadas, e acondicionarase a entrada ao campo de fútbol, mediante a aplicación de dez centímetros de grava, tratamento asfáltico e seis centímetros de aglomerado en quente.

Dentro deste proxecto, inclúese a pavimentación do aparcamento do polideportivo municipal e a construción de 143 metros de beirarrúas no contorno do colexio público da Silva, que terán 1,80 metros de ancho e estarán construídas en baldosa hidráulica sobre dez centímetros de pedregullo e dez de formigón. As actuacións na Silva completaranse coa construción dun muro de contención de terras de 32 metros de lonxitude e 2,5 de alto.

Na parroquia das Encrobas, actuarase nas vías de Enfesta a Lousa, de Croeda a Francelos, o camiño de servizo en Enfesta e os acceso a Croeda e a Belsar. En todos eles acometeranse medidas de conservación e mantemento, incluíndo a repavimentación da capa de rodaxe, a eliminación de fochas e a limpeza de gabias para facilitar a drenaxe.

Redes de saneamento en Queixas

O Plan único da Deputación financia con 106.343 euros un proxecto para mellorar e ampliar as redes de saneamento da parroquia de Queixas.

Dada a orografía do terreo, para poder continuar coa rede de saneamento en Pao de Lobo, será necesaria a instalación dun pozo de bombeo, incluíndo as bombas, o cadro de mando, a canalización e todos os elementos necesarios para o seu correcto funcionamento. Unha vez instalada a bomba, procederase a continuar a rede municipal coa canalización de 776 metros de tubaxe de PVC, así coma a execución de 19 pozos de rexistro e 16 arquetas.

Así mesmo, instalaranse preto de 500 metros de canalizacións no núcleo de Barroso, previamente escavarase a gabia e posteriormente o seu recheo compactado.