Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Goretti Sanmartín destaca o papel da Casa de Rosalía na "actualización do legado rosaliano"
Páxinas suxeridas

Goretti Sanmartín destaca o papel da Casa de Rosalía na "actualización do legado rosaliano"

16 de Xullo de 2017

Dous óleos de Ovidio Murguía e un crecho de Rosalía, recentemente cedidos pola Deputación da Coruña, ocupan un lugar de privilexio no remodelado sobrado da Casa de Rosalía que este sábado se inaugurou nun acto en que se conmemoraba o aniversario da morte da poeta nese mesmo espazo. A remodelación da parte alta da edificación contou co financiamento da Deputación da Coruña que achegou, mediante un convenio 33.132€, o 80% do orzamento total dun proxecto que incluíu a moblaxe expositiva, a instalación e montaxe das pezas e a realización de pezas audiovisuais para acompañar as visitas con información arredor da poeta.

"Desde a Deputación da Coruña saudamos a reinauguración da Casa de Rosalía, unha obra que decidimos, sen ningunha dúbida, financiar, convencidas e convencidos como estamos de que este espazo de referencia merece continuar a súa traxectoria de modernización e actualización do legado rosaliano, para nos devolver e forxar no imaxinario colectivo esa escritora culta, alegre, rebelde, feminista, comprometida, atrevida, lanzada a defender os seus dereitos como muller escritora e o de todas as mulleres", sinalou Goretti Sanmartín na súa intervención no acto que tivo lugar na tardiña do sábado e que contou coa actuación de Amancio Prada.

Lembrou a vicepresidenta da Deputación que a Casa de Rosalía é dos espazos máis visitados do país e a súa relevancia á hora de transmitir a imaxe real de Rosalía de Castro. "Non sen traballos e múltiplos esforzos esta Casa da matanza converteuse no lugar por excelencia para coñecer, para saber máis de quen foi Rosalía", dixo ao tempo que incluíu a figura de Murguía e os seus fillos e fillas, en especial do pintor Ovidio de quen se expoñen por primeira vez na casa as obras A feira de Santa Susana, Paisaxe de inverno no Sarela e Amor durmido/Retrato de Gala, as tres obras cedidas pola Deputación da Coruña xunto co crecho do cabelo da poeta.

"Que viva por sempre Rosalía nos nosos corazóns e que esta casa continúe a dar conta de quen se esconde de verdade detrás dunha obra tan revolucionaria como a rosaliana", concluíu Goretti Sanmartín a súa intervención nun acto en que tamén participaron o presidente da Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. A parte poética e musical que introduciu Ana Blanco, estivo protagonizada pola presentación do libro de poesía escolar que correu a cargo de Pati Blanco o recitado das persoas gañadoras nas distintas categorías, entrega da distinción Rosalía de Galicia á familia de Camilo Agrasar, a intervención da investigadora Catherine Davies e o concerto de Amancio Prada.