Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A vicepresidenta, Goretti Sanmartín, anuncia a difusión nos concellos desta guía poética que percorre o patrimonio monumental e natural
Páxinas suxeridas
O investigador Manuel Ferreiro escolma a obra que percorre as terras de Bergantiños, Xallas, Soneira e a Costa da Morte

A Deputación da Coruña presenta unha antoloxía de Pondal que visita 14 concellos a través da poesía

16 de Xuño de 2017

Ao pé do busto a Eduardo Pondal situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín e alcaldes e representantes institucionais dos concellos visitados pola obra de Eduardo Pondal participaron na presentación do libro "Esta é a terra dos eidos amigos. Escolma xeográfica da poesía pondaliana", elaborado polo investigador Manuel Ferreiro e editado pola Deputación da Coruña. No acto participou tamén o secretario da Fundación Pondal, José María Varela.

A través de 84 poemas a obra "Esta é a terra dos eidos amigos", elaborada polo profesor e especialista no autor Manuel Ferreiro e editada pola Deputación da Coruña ofrece unha escolma xeográfica da poesía pondaliana que percorre por medio das súas composicións algúns dos espazos de referencia de catorce concellos da provincia, en especial, das terras de Bergantiños, Xallas, Soneira e a Costa da Morte.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei e o autor Manuel Ferreiro interviron no acto de presentación ao que asistiron, entre outros responsábeis institucionais, o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, o alcalde de Mazaricos, Xoán Xosé Blanco, o alcalde de Zas e deputado, Manuel Muíño, o tenente alcalde da Laracha, José Ramón Martínez, o concelleiro de Carballo e deputado, Xosé Regueira, a concelleira de Cultura de Tordoia, Manuela González Pallas e o concelleiro de Educación de Ponteceso, Carlos Penedo, ademais do secretario da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela.

"Na escolma noméanse os lugares amados polo autor nun traballo que encargamos ao gran especialista na súa obra que é Manuel Ferreiro. Queriamos que a obra fose divulgativa e que se espallase por centros sociais e bibliotecas, de maneira especial nos catorce concellos citados mais que se distribuirán tamén por todo o país", explicou na súa intervención Goretti Sanmartín ao tempo que amosaba os dous mapas pregados que inclúe a publicación, un do territorio de Ponteceso e outro coa toponimia pondaliana.

"Xunto con Rosalía e Curros son os tres nomes principais aos que lles debemos a recuperación da lingua e a literatura a comezos do século XIX e, nesta obra, apréciase o seu amor pola lingua e polo noso patrimonio", engadiu a vicepresidenta da Deputación. Nese sentido, considerou que a publicación desta obra vai supor "un achegamento da xente á obra de Pondal mais tamén aos territorios que el tripou e ao noso patrimonio e por iso decidimos enviar os libros a todos os concellos para contribuír a súa difusión". "Cen anos despois da súa morte vemos que a súa palabra fica, a súa mensaxe visual que vén en forma de xeografía da terra, dos lugares queridos", rematou Goretti Sanmartín.

"Así como non se pode entender a Terra Chá sen a obra de Manuel María nin o Courel sen Novoneyra, este territorio recollido no libro é o trasunto do propio Pondal", dixo o autor da obra Manuel Ferreiro no acto de presentación que se desenvolveu na Coruña diante do busto de Pondal, nos xardíns de Méndez Núñez.

"Esta é unha antoloxía dos poemas en que Eduardo Pondal fai presente o seu territorio, nomeando os topónimos de ríos, montes e outros espazos e destacando o patrimonio natural e histórico", comentou Manuel Ferreiro na súa intervención en que citou todos os concellos polos que transcorre a poesía pondaliana.

"Pondal é un dos piares fundamentais do noso Rexurdimento que, xunto con Curros e Rosalía ademais de outros, decidiron apostar pola nosa lingua e a nosa nación. Pondal elaborou unha obra en defensa da súa patria e dos seus compatriotas e centrou o foco en Bergantiños, Xallas, Soneira e parte da Costa da Morte, escollendo as súas terras nativas como metonimia de Galiza enteira", defendeu Manuel Ferreiro na súa intervención que agradeceu a conmemoración do centenario por parte da Deputación da Coruña e a Fundación Pondal.

Os concellos das terras pondalianas citados na escolma son, ademais de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Carballo, Laxe, Malpica, Coristanco, A Laracha, Mazaricos, Santa Comba, Zas, Camariñas, Muxía, Tordoia e Dumbría.

A antoloxía artéllase cun primeiro apartado dedicado aos poemas que falan do espazo xeográfico pondaliano, os lugares, os ríos, os montes ou a costa. A seguir, a obra detense nas composicións centradas en monumentos megalíticos da "nazón de Breogán" para pasar no seguinte capítulo a recoller textos que glosan figuras con nomes que se basean en topónimos da mesma zona. O libro remata con poemas con dúas cidades que teñen presenza no universo do poeta, Santiago de Compostela e A Coruña.