Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña anima a participar no “Quero cantar”
Páxinas suxeridas

A Deputación da Coruña anima a participar no “Quero cantar”

02 de Xuño de 2017

O único concurso de música infantil e xuvenil feita por rapazas e rapaces chega nesta segunda edición aos institutos. O prazo remata o día 20 de xuño.

Cando quedan apenas tres semanas para rematar o prazo de presentación, a área de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación anima ás crianzas e á mocidade a participar no "Quero cantar", o único concurso de música infantil e xuvenil feita por rapazas e rapaces.

Nesta segunda edición, o "Quero cantar" chega aos centros e ensino secundario ao contemplar dúas categorías de participación, unha infantil para nenas e nenos de ata 12 anos e outra xuvenil para unha idade comprendida entre os 13 e os 16 anos.

A vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei, anima á participación nunha iniciativa que ten como obxectivo a normalización lingüística a través da música e que quere converterse en "referencia no mundo da nova música non só para público infantil e xuvenil senón tamén feita desde esas idades".

Os dez grupos finalistas gravarán un CD coas súas cancións do que se fará unha edición de 1.000 exemplares e tamén se distribuirá na rede. A nova edición rexistra tamén un aumento da contía dos premios que consistirán en 1500, 1000 e 500 € en material escolar ou produtos culturais en galego para 1º, 2º e 3º de ambas as categorías, respectivamente.

Desta volta concorrerán grupos cun máximo de 12 compoñentes con composicións con letra e música orixinais e inéditas, formados por rapaces e rapazas aínda que na categoría infantil poden participar dúas persoas que superen o límite de idade e, na xuvenil, permítese que tamén dúas persoas saian tanto do límite superior como do inferior da idade do grupo. En todo caso, o número de integrantes que excedan a marxe establecida ten que ser menos da metade dos membros totais e as persoas exentas nunca poden ser as voces solistas, nin formar parte do coro se este fose o intérprete principal do tema. O proceso rematará coa gala final no Teatro Colón que, na edición anterior se converteu nunha gran festa coa participación dos grupos finalistas e a elección da banda gañadora que foi recaer en "Colaxe" de

Os grupos deben presentar a solicitude no modelo normalizado que se obtén nas web www.dacoruna.gal e www.querocantar.gal, ou no Rexistro Xeral da Deputación achegando a maqueta da composición, a relación de compoñentes do grupo, a descrición das necesidades técnicas e de escenario, a breve biografía do grupo e o documento de aceptación das bases do concurso. O prazo remata o 20 de xuño e as bases completas pódense consultar na seguinte ligazón: https://www.dicoruna.es/cultura/premios/premio-quero-cantar