Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Goretti Sanmartín destaca a presenza galega e a vontade de “internacionalizar as nosas producións”
Páxinas suxeridas
Goretti Sanmartín destaca a presenza galega e a vontade de “internacionalizar as nosas producións”

A Deputación da Coruña apoia a Mostra de Cinema Periférico S8 e destaca a súa “singularidade e identidade propia”

18 de Maio de 2017

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, destacou a "singularidade e personalidade diferenciada" do festival no acto de presentación do S8 que se desenvolverá do 31 de maio ao 4 de xuño.

"Trátase xa dun referente único non só a nivel galego senón con recoñecemento internacional", dixo Goretti Sanmartín na presentación do Festival S8 ao que a Deputación da Coruña apoia a través da liña de axuda a festivais que "quere por en valor de maneira especial aquelas iniciativas que están consolidadas e conseguiron crear un público fiel especializado, como esta que nos ocupa e merece todas as felicitacións".

"O S8 encaixa plenamente nesa aposta que facemos desde a área de Cultura da Deputación no apoio aos festivais, coa liña que puxemos en marcha o ano pasado, que este anos se consolidou, e que procurarmos contrastar e mellorar para facela cada vez máis útil e valiosa na achega de estabilidade, oportunidades e profesionalización dos traballos precisos para pór en marcha un evento deste tipo", sinalou Goretti Sanmartín.

A responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, destacou a importante presenza internacional na Mostra á que hai que acrecentarlle a Sección de Sinais, "centrada na presenza galega e no intento de internacionalizar as nosas producións". Ademais de Carla Andrade, Helena Girón, Marcos Flórez ou Samuel Delgado, o S8 dedicará especial atención á cineasta Diana Toucedo, destacou Goretti Sanmartín ao tempo que sinalou como de especial interese que o S8 abra as súas portas a novos valores como Lara e Noa Castro que presentaron recentemente o seu "O ollo cobizoso no Chanfaina Lab de San Sadurniño.

"Se a todos estes nomes lle acrecentamos a presenza de Xisela Franco podemos concluír que a presenza galega ten un potente atractivo e deixará un pouso importante nesta rede de experiencias partilladas e vivencias nos días do festival que é tamén unha das marcas do S8", afirmou Goretti Sanmartín na súa intervención en que valorou o "selo orixinal" da Mostra de Cinema Periférico que é a "creación de espazos de diálogo e de encontro".

A Mostra, que leva como título "Obxectos e aparicións", chega a seu oitavo aniversario cun programa que se desenvolverá do 31 de maio ao 4 de xuño. No acto de presentación, ademais de Goretti Sanmartín, participou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, a coordinadora da sede de Afundación A Coruña, Beatriz Aler e o director do S8, Ángel Rueda, quen destacou a dimensión da mostra na que se van exhibir 150 películas de máis de corenta países.

Máis información: www.s8cinema.com