Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña acolle a presentación do Festiletras, a gran festa das letras na aldea do Couto
Páxinas suxeridas

A Deputación da Coruña acolle a presentación do Festiletras, a gran festa das letras na aldea do Couto

16 de Maio de 2017

A aldea do Couto, con sesenta casas, convértese un ano máis nun dos máis relevantes centros da conmemoración do Día das Letras Galegas coa celebración do Festiletras que hoxe foi presentado na Deputación da Coruña. Este ano, o programa contempla tamén o centenario da morte de Eduardo Pondal.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, o alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido e o xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela presentaron esta mañá o programa do Festiletras que se desenvolve na aldea do Couto, en Ponteceso, até o vindeiro día 21 de maio.

"Poucos programas culturais son tan ambiciosos como este, que se celebra nunha pequena aldea mais que ofrece un programa de altísima calidade e con implicación tamén de toda a veciñanza", dixo Goretti Sanmartín na súa intervención en que mostrou a satisfacción de poder participar nunha iniciativa en que destacou concertos como os de Guadi Galego, Uxía e Joao Afonso ou Luar na Lubre ademais de actividades literarias e artísticas, como a exposición en homenaxe a Paco Souto de Vicki Rivadulla ou o recoñecemento de Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños, unha figura moi querida na comarca.

Agradeceu Goretti Sanmartín o traballo da Fundación Eduardo Pondal, a A.C. Monte Branco e o Concello de Ponteceso que conseguiron que "a aldea do Couto sexa unha grande referencia cultural, cunha programación con grande repercusión e coñecida en todo o país", dixo, antes de facer un convite para participar nas actividades da iniciativa coa que colabora a Deputación da Coruña colabora a través de distintas iniciativas entre elas o concerto de Luar na Lubre que pecha o programa.

Cultura, motor da economía

O alcalde, Xosé Lois García, destacou a "grande potencialidade económica" da cultura para o concello de Ponteceso e, en concreto, destacou a relevancia da figura de Eduardo Pondal, polo que agradeceu o compromiso da Deputación no seu centenario. "Queremos que o himno de Galicia teña máis presenza nos actos institucionais", dixo Xosé Lois García nunha reclamación que xa adiantou na entrega dos premios Bos e Xenerosos o pasado domingo en Ponteceso.

En canto á relevancia económica da cultura no concello, Xosé Lois García destacou a implicación da Asociación de Empresarios de Ponteceso a través da que, nesta edición, 103 comercios e autónomos celebran tamén o Festiletras e cada establecemento mostra até o día 21 de maio o cartel cuns versos de "Queixumes dos Pinos", ademais de distribuír marcadores de libros, organizar eventos específicos, rutas de pinchos ou distintas promocións. "O obxectivo é que todo o tecido empresarial se implique e se poda beneficiar do atractivo que supón o Festiletras", dixo.

Letras no centenario pondaliano

Pola súa parte, o xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela, destacou que o Couto, con sesenta casas, experimenta unha "transformación" na semana das letras que vai deixando pegada na propia aldea que lembra ter homenaxeado autores vivos como Uxío Novoneyra ou Manuel María que foron logo protagonistas do Día das Letras Galegas.

Destacou, nesta edición, a relevancia da figura de Eduardo Pondal no centenario da súa morte, conmemoración en que se presentará o libro de Manuel Ferreiro da súa cartografía poética que nace con edición da Deputación da Coruña. "Lanzamos a proposta que o centenario tería cen actividades culturais e despois do Festiletras teremos alcanzado xa as setenta", dixo José María Varela ao tempo que convidou a participar no intenso programa do festival.