Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Goretti Sanmartín subliña que a cultura “é un motor de dinamización económica fundamental que sufriu especialmente as etapas máis duras da crise”
Páxinas suxeridas
  • Cultura
    Información sobre premios, rede cultural, bolsas, publicacións, etc.
  • Rede Cultural da Deputación da Coruña
    Programas de música e teatro para grupos non profesionais, de música clásica para intérpretes profesionais e de teatro e marionetas para compañías profesionais.
  • Premios
    Convocatorias de premios e concursos de Cultura
  • Charlas para as familias
  • Salas Municipais
    Relación de salas dos concellos destinadas a actuacións e concertos
  • I Premio “Begoña Caamaño”
    En memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista galega Begoña Caamaño, e coa finalidade de recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura, a Deputación da Coruña convoca o Premio Begoña Caamaño á Mellor Iniciativa Cultural pola de Igualdade de Xénero
  • Fotografía turística "93 destinos por descubrir"
González Formoso afirma que a Rede Cultural, con 3 millóns de euros de orzamento, é “o maior circuíto estable de actuacións de Galicia” e sostén que levará unha programación cultural de calidade a cada concello coruñés

A Deputación da Coruña activa a Rede Cultural 2017, que levará 1.170 actuacións aos concellos da provincia

15 de Maio de 2017

Alcaldes e alcaldesas da provincia participaron hoxe no acto de sinatura dos convenios da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que levará 1.170 actuacións aos concellos coruñeses e moverá arredor de tres millóns de euros no sector. O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, participaron no acto que tivo lugar na sede da institución.

Case tres millóns de euros move este ano a Rede Cultural, dos que 2.261.234 irán destinados á programación dos concellos da provincia. A esta cantidade aínda haberá que sumar o que a Deputación destina ás solicitudes das entidades sen ánimo de lucro, que ascenderá a 457.724 €.

Alcaldes e alcaldesas, ademais de responsables da área de Cultura dos distintos concellos participaron na mañá deste luns no acto de sinatura dos convenios que activarán a programación da Rede Cultural. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que, nesta edición o orzamento "contempla a aceptación de todas as solicitudes realizadas" no que significa que "en paralelo co Plan Único dos Concellos, estase a desenvolver unha clara aposta polo mundo da cultura e por achegar a programación ao conxunto dos concellos".

González Formoso subliñou que a Rede Cultural, "o maior circuíto estable de actuacións culturais de Galicia", contará este ano cun investimento de preto de 3 millóns de euros para a realización de 1.170 actuacións, unha cifra récord que levará unha programación cultural de calidade a todos os recunchos da provincia.

"Optamos por aceptar todas as propostas dos concellos coa intención de reforzar un sector que é un motor de dinamización económica fundamental e que sufriu especialmente as etapas máis duras da crise", sinalou a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, para quen a Rede Cultural supón "a ferramenta para que a veciñanza poida gozar dun número tan grande de espectáculos de altísima calidade sen saír dos seus propios concellos".

Os datos da Rede Cultural, que comezará agora a desenvolverse a través dos concellos, contemplan a realización de actuacións de teatro, monicreques, música, danza e producións audiovisuais, 240 máis que o ano 2016 e 394 máis que no 2015. O Orzamento da achega da Deputación da Coruña á Rede para os concellos experimentou un incremento de 307.420, 03 con respecto ao 2016 e de 553.040,94 € con respecto ao de 2015, é dicir, arredor do 25% máis.

As propostas dividíanse en varios programas, en primeiro lugar, "Escena ao Vivo", con teatro e títeres, música e danza de compañías profesionais, que supoñen 738 actuacións; de entre elas, o grupo máis numeroso é o de teatro e títeres con 415 actuacións, seguida da música con 248 e, finalmente, a danza con 75; "Alicerces" espectáculos de compañías non profesionais, que supoñen 235 desas 1170 actuacións e, de recente creación, o programa "Visións", de contidos audiovisuais, que vai supor 197 actuacións, 117 de produción propia e 80 de producións xerais.

Corresponsabilidade Concellos-Deputación

Goretti Sanmartín, destacou a "corresponsabilidade" entre concellos e deputación e a necesidade de reforzar a profesionalización e as boas prácticas para o que pediu a contribución dos gobernos municipais. Anunciou tamén que desde a área de Cultura da Deputación se promoverán accións formativas dirixidas a persoas técnicas e animadoras culturais para garantir as condicións do desenvolvemento dos espectáculos.

Nesa "corresponsabilidade", tamén económica, Deputación dá unha achega do 75% para concellos de menos de 5.000 habitantes, dun 60% para os que están entre os 5.000 e os 10.000, dun 50% aos que están entre 10 e 20 000, dun 40% aos que están entre 20 e 50 000 e dun 30% aos de máis de 50 000. "Estamos a falar dun balón de osíxeno necesario para o sector e un motor na creación e mantemento do emprego tanto no ámbito artístico como no de produción. Supón ademais facer realidade unha presenza moi ampla da oferta cultural máis actual e de maior calidade en todos os concellos", sinalou Goretti Sanmartín.

A responsable da área de Cultura da Deputación mostrou a súa especial satisfacción pola importante acollida do programa "Visións", que levará as producións audiovisuais galegas aos concellos máis pequenos con propostas como Maimiño e o espello máxico, A Praia dos afogados, A Esmorga, Encallados, Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde ou Esquece Monelos. Compañías consolidadas do ámbito teatral como Talía Teatro, Chévere ou a Panadería, maxia con o Mago Antón ou Mago Romarís, música con nomes da primeira liña do noso panorama cultural como Xabier Díaz, Susana Seivane, Guadi Galego, Sés ou Herdeiros da Crus e danza con grupos como Pisando Ovos ou Henrique Peón e Xacarandaina son algunhas das propostas que se moverán este ano por medio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.