Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña levará a exposición “Os mundos de Casares” a Compostela, Ribeira, A Coruña e Arzúa
Páxinas suxeridas

A Deputación da Coruña levará a exposición “Os mundos de Casares” a Compostela, Ribeira, A Coruña e Arzúa

12 de Maio de 2017

A área de Cultura da Deputación da Coruña levará a exposición "Os mundos de Casares", producida pola Fundación Carlos Casares, aos concellos da Coruña, Ribeira, Arzúa e Compostela. Trátase dunha iniciativa para difundir, a través de libros, obxectos, imaxes e documentos, a obra e a biografía do autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Producida pola Fundación Carlos Casares, a exposición "Os mundos de Carlos Casares" é unha mostra que ten como obxectivo presentar a vida e a obra do escritor ao que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas.

A mostra, comisariada por Adolfo Garrido e Chus Martínez, conta cun deseño expositivo modular a cargo do estudo de arquitectura Creus&Carrasco e recolle pezas e documentos que relatan o percurso persoal do escritor ademais de pezas audiovisuais elaboradas por Andrea Vázquez.

"A exposición é unha iniciativa que permitirá achegar ao público a figura de Carlos Casares en todas as súas dimensións polo que quixemos apoiar que tivera unha itinerancia por distintos concellos da Coruña neste ano en que se conmemora o escritor", sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

A través de cinco espazos, a mostra permite coñecer as distintas etapas e facetas de Carlos Casares, desde a súa rica produción literaria, á faceta xornalística ou de dinamización cultural e traxectoria política e institucional. "A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, que nos permitirá revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares, que aspira conectar coas xeracións máis novas", sinalan Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez, que se encargaron do comisariado da mostra producida pola Fundación Carlos Casares.

"Os mundos de Carlos Casares" visitará, co apoio da Deputación da Coruña, nos concellos de Santiago de Compostela, que estará aberta o vindeiro 30 de maio, Arzúa, Ribeira e A Coruña.

"A Fundación Carlos Casares ten ao seu coidado o legado do escritor e unha gran cantidade de documentos, fotografías e obxectos, que fan desta exposición unha montaxe única que quixemos apoiar para que unha parte importante do seu arquivo estea ao dispor do público neste ano que suporá un chanzo importante no recoñecemento da súa obra", afirma Goretti Sanmartín.

A exposición inicia o percorrido co espazo "Paisaxes" que mostra os primeiros anos en Xinzo, os lugares da infancia e a primeira relación coa ambiente cultural con figuras como Antón Tovar, Vicente Risco ou Xaime Quesada, continúa con "Luzadas" presentando a etapa universitaria do escritor en Santiago de Compostela, co contacto con Ramón Piñeiro e os seus inicios como profesor, sigue con "A Viaxe", en que se narra a relación con Kristina Berg e as viaxes a Europa ademais dos inicios no xornalismo e a entrada na Real Academia Galega para adentrarse logo no seu compromiso político no Parlamento Galego, a súa faceta de editor e mediador cultural para, finalmente, concluír coa súa última etapa como un novelista consolidado e presidente do Consello da Cultura Galega.