Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña levará a música clásica da Orquestra Sinfónica de Galicia aos concellos da provincia
Páxinas suxeridas
  • Cultura
    Información sobre premios, rede cultural, bolsas, publicacións, etc.
  • Rede Cultural da Deputación da Coruña
    Programas de música e teatro para grupos non profesionais, de música clásica para intérpretes profesionais e de teatro e marionetas para compañías profesionais.
  • Premios
    Convocatorias de premios e concursos de Cultura
  • Charlas para as familias
  • Salas Municipais
    Relación de salas dos concellos destinadas a actuacións e concertos
  • I Premio “Begoña Caamaño”
    En memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista galega Begoña Caamaño, e coa finalidade de recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura, a Deputación da Coruña convoca o Premio Begoña Caamaño á Mellor Iniciativa Cultural pola de Igualdade de Xénero
  • Fotografía turística "93 destinos por descubrir"

A Deputación da Coruña levará a música clásica da Orquestra Sinfónica de Galicia aos concellos da provincia

10 de Maio de 2017

A Deputación da Coruña achega 1.500.000 € ao programa de actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia e promove que a programación se estenda a distintos concellos da provincia. Concello e Deputación asinaron o convenio nun acto en que participaron o presidente provincial, Valentín González Formoso, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.

Un millón e medio de euros é a achega que a Deputación da Coruña incorpora ao orzamento da programación da Orquestra Sinfónica de Galicia, o que supón o 70,75% do total, que ascende a 2.120.000 €. Unhas cantidades que foron rubricadas nun convenio que recolle levar os concertos aos distintos concellos da Coruña.

González Formoso subliñou que con esta importante achega económica, a Deputación pretende achegar a mellor música clásica interpretada pola prestixiosa formación orquestal coruñesa a todos os públicos e aos concellos da provincia.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña aproveitou a sinatura do convenio para incidir no reforzo da "deslocalización" da programación da Orquestra Sinfónica de Galicia nas súas distintas agrupacións que, como se inclúe no convenio, está a buscar a posibilidade de colaborar cos concellos de Narón, Carballo, Melide, Culleredo, Rianxo, Betanzos, Arteixo, Sada e Vimianzo.

"O obxectivo é que a Orquestra Sinfónica e todas as súas agrupacións ofrezan unha programación deslocalizada e distintos concellos teñan a posibilidade de ofrecer concertos das distintas agrupacións musicais, coñecidas pola súa excelencia e prestixio", sinalou Goretti Sanmartín na súa intervención en que defendeu o seu labor como "motor de formación musical que pode ser fundamental á hora de conseguir que a música clásica chegue a distintos públicos, con espazos que faciliten os concertos tamén noutros concellos da provincia nun proceso de difusión que promovemos desde a Deputación da Coruña".

"O convenio quere, pois, apoiar a actividade da Orquestra Sinfónica nas súas múltiples vertentes, nos concertos mais tamén nos programas formativos e educativos que son relevantes para o conxunto da provincia e do país", sinalou Goretti Sanmartín que debullou as distintas iniciativas pedagóxicas promovidas ademais das agrupacións como a Orquestra de nenos e Orquestra Xove ou os Nenos Cantores e o Coro Xove.

Destacou así o papel dos programas formativos que están a dar "oportunidade a moitos nenos e nenas para se iniciaren na música e logo integrarse nas distintas agrupacións o que, xunto co abano de iniciativas didácticas, supón un interesante achegamento da música a distintos públicos e unha excelente posibilidade de formación".

Pola súa parte, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recoñeceu o "compromiso da Deputación a través deste convenio no que se financian as actividades". "É importante que esta colaboración continúe xa que o Consorcio e a Orquestra non é só do concello senón ten vocación metropolitana e provincial, irradiando o nome da cidade onde vai co seu prestixio e excelencia", dixo Xulio Ferreiro que destacou tamén a novidade do convenio de incluír a itinerancia por distintos concellos da provincia. "Será un retorno a toda a provincia como o é a formación de nenos e nenas co programa de bolsas ou as distintas actividades nas diversas localidades", engadiu o alcalde.

Concertos e outras actividades

O convenio recolle a participación da Deputación da Coruña no 70,75% do orzamento dunha programación que inclúe actividades como a Temporada da Orquestra Sinfónica na Coruña con 20 concertos de abono venres, 9 concertos de abono sábado e concertos extraordinarios.

A Orquestra Sinfónica de Galicia protagonizará tamén un concerto en Santiago, sete en Ferrol e un en Narón e a Orquestra Nova ten xa pechados catro concertos en Ferrol e están por determinar as actuacións noutros concellos da provincia da Orquestra de Nenos. Os Coros da OSG ofrecerán 7 concertos e haberá tamén catorce actividades didácticas entre concertos en familia e concertos extraordinarios en diversos colexios da provincia da Coruña. Grupos de cámara actuarán tamén tanto na Coruña como en distintos concellos en datas aínda por determinar.

O pasado día 8 de abril, a igrexa de Santiago de Betanzos acolleu o primeiro dos concertos da itinerancia promovida pola Deputación coa Orquestra de Nenos e o Coro Xove e está previsto que o día 3 de xuño a orquestra infantil actúe Conservatorio superior de Música de Culleredo. O 24 de xuño os Nenos Cantores e o Coro Xove estarán en Rianxo e o 28 de xuño a Orquestra Sinfónica actuará por vez primeira en Arteixo.