Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Trinta concellos repartirán este fin de semana 5.000 libros na campaña “Libros para sermos Libres” da Deputación da Coruña
Páxinas suxeridas
  • Cultura
    Información sobre premios, rede cultural, bolsas, publicacións, etc.
  • Rede Cultural da Deputación da Coruña
    Programas de música e teatro para grupos non profesionais, de música clásica para intérpretes profesionais e de teatro e marionetas para compañías profesionais.
  • Premios
    Convocatorias de premios e concursos de Cultura
  • Charlas para as familias
  • Salas Municipais
    Relación de salas dos concellos destinadas a actuacións e concertos
  • I Premio “Begoña Caamaño”
    En memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista galega Begoña Caamaño, e coa finalidade de recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura, a Deputación da Coruña convoca o Premio Begoña Caamaño á Mellor Iniciativa Cultural pola de Igualdade de Xénero
  • Fotografía turística "93 destinos por descubrir"

Trinta concellos repartirán este fin de semana 5.000 libros na campaña “Libros para sermos Libres” da Deputación da Coruña

19 de Abril de 2017

A área de Cultura da Deputación da Coruña animará á lectura coa entrega este fin de semana de 5.000 libros en 30 concellos dentro da campaña "Libros para sermos libres". O reparto público desenvolverase ás 12 horas do sábado, salvo cinco concellos que o farán o domingo á mesma hora. Coa iniciativa conmemórase o Día Internacional do Libro.

En espazos públicos e céntricos dos concellos ás 12 horas de sábado e domingo desenvolveranse actos públicos de reparto gratuíto dentro do programa "Libros para sermos Libres" da área de Cultura da Deputación da Coruña. Os actos terán lugar sábado 22 de abril e domingo 23 de abril, xornada en que se conmemora o Día Internacional do Libro.

Conmemórase así a xornada festiva con esta primeira fase dunha campaña que se prolongará nos vindeiros dous anos até completarse a totalidade dos 93 concellos coa entrega de 15.000 exemplares do fondo da Deputación.

"Trátase dunha iniciativa pioneira que quere visibilizar o libro e promover a lectura na poboación, aproveitando a celebración dunha data que se conmemora en todo o mundo", explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín.

Os libros con que se agasallará á veciñanza dos distintos concellos proveñen dos fondos da Deputación da Coruña e son títulos de edición propia entre os que se encontran as obras gañadoras de premios como o Torrente Ballester, o Rafael Dieste, o Murguía, o Castelao ou o González Garcés, ademais doutros que se refiren ás recentes conmemoracións como o Día das Artes Galegas coa artista Maruxa Mallo como protagonista. Entre a selección de títulos atópanse tamén clásicos como "Cousas" de Castelao, centro dun recente programa literario-teatral que se realizou en diversos concellos.

Goretti Sanmartín agradeceu o compromiso do persoal técnico e responsábeis políticos dos concellos que distribuirán este fin de semana os libros en actos simultáneos que terán lugar en espazos céntricos, prazas e centros culturais.

"Os concellos comprometéronse no reparto dun fondo composto por libros de calidade nunha iniciativa que ten como obxectivo animar os concellos e colaborar coa súa programación para o Día Internacional do Libro", explicou a responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Nesta primeira fase, que terá continuidade nos dous anos seguintes, incluiranse na distribución obras de narrativa, ensaio ou poesía. Entre os títulos de poesía atópanse obras gañadoras ou finalistas do González Garcés de autores como Ramiro Fonte ou Helena Villar Janeiro. Obras de narrativa gañadoras do Torrente Ballester como A choiva do mundo de Xosé Manuel Pacho Blanco ou teatrais do Rafael Dieste como Final de película de Gustavo Pernas ou A ciencia dos anxos de Inma Antonio xúntanse a outras de ensaio e investigación como o clásico Alfarería tradicional en Buño de Luciano García Alén ou de banda deseñada como Mensaxes de Mariano Casas.

 

Os lugares de reparto nas dúas xornadas son os seguintes:

SÁBADO 22 DE ABRIL ÁS 12 HORAS

A Pobra                 Xardíns Valle-Inclán
Ames                     Praza da Maía-Bertamiráns
Arteixo                   Carpa na Rúa do Balneario
Arzúa                     Biblioteca Pública Rosalía de Castro
Betanzos                Biblioteca Municipal Alfonso Castelao
Camariñas            Praza do Mercado
Cambre                Parque da Igrexa
Cariño                   Praza Porta da Pulida
Cerceda               Campo da Feira
Coirós                    Centro Social
Corcubión            Praza de Castelao
Fene                      Praza Verde e Biblioteca Pública Municipal
Laxe                      Praza de Ramón Juega
Mazaricos             Campo da Feira da Picota
Monfero                Colexio Xestal
Mugardos             Praza do Concello
Muros                    Curro da Praza
Padrón                  Rúa Tetuán
Ponteceso            Praza do Campo
Porto do Son        Praza da Biblioteca Pública Municipal
Ribeira                   Biblioteca Pública Municipal
Santa Comba      Praza diante da Casa de Cultura
Santiso                   Axencia de Lectura de Santiso-Agro do Chao
Sobrado                Praza do Concello
Vimianzo               Castelo de Vimianzo

DOMINGO 23 DE ABRIL, ÁS 12 HORAS

Boqueixón        Campo da feira de Lestedo
Curtis                 Recinto Feiral
Negreira           Campo da Feira
Pontedeume   Casa da Cultura-Alameda
Sada                 Praza de San Roque