Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Bernardo Fernández enxalzou o labor de “salvagarda da cultura” das palilleiras na inauguración da Mostra do Encaixe de Camariñas
Páxinas suxeridas
O deputado provincial destacou o compromiso da Deputación coa feira “desde a primeira edición”, un apoio que o alcalde camariñés agradeceu nomeando o tradicional desfile “Pasarela Deputación da Coruña”

Bernardo Fernández enxalzou o labor de “salvagarda da cultura” das palilleiras na inauguración da Mostra do Encaixe de Camariñas

13 de Abril de 2017

A XXVII edición da Mostra de Encaixe de Camariñas, foi inaugurada hoxe polo deputado provincial Bernardo Fernández, que acudiu en representación da Deputación da Coruña. Ao acto inaugural, tamén asistiron o alcalde camariñés Manuel Valeriano Alonso; a directora de Comercio da Xunta de Galicia, Sol Vázquez, e o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Este ano, a Deputación destinou 120.000 euros para a celebración da Mostra, ademais de prestar apoio material a través da imprenta provincial. Bernardo Fernández destacou que esta colaboración se enmarca na "longa traxectoria de apoio ao evento dende a primeira edición".
"Para nós é unha gran satisfacción seguir contribuíndo ao crecemento desta Mostra que vimos nacer e medrar", afirmou Fernández e engadiu que o evento contribúe á potenciación turística da comarca da Costa da Morte e a "promocionar os nosos produtos artesanais".
Neste sentido, o deputado provincial recoñeceu o "gran traballo das palilleiras, que transmiten de xeración en xeración o seu saber, e son a salvagarda deste arte ligado á tradición e á cultura galega"
"Dicir encaixe é dicir Camariñas" sentenciou o deputado provincial, en alusión ao "merecido prestixio" do que goza este tipo de artesanía "en toda España e incluso máis alá das nosas fronteiras".
Pola súa banda, o alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso, trasladou o seu agradecemento á Deputación da Coruña polo "apoio fundamental" prestado a mostra e o "traballo que día tras día desenvolve o goberno provincial, atendendo ás demandas que serven para mellorar as vidas dos cidadáns".
O rexedor camariñés estendeu este agradecemento ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, pola súa "implicación persoal" tanto na Mostra coma en outras demandas do concello, como o centro de día"


Pasarela Deputación da Coruña

Trala intervención das autoridades, deu comezo a tradicional pasarela de moda con pezas elaboradas a partir de encaixe de Camariñas tanto por deseñadores noveis coma por firmas de recoñecido prestixio internacional. "A partir de agora, o desfile máis importante de Galicia levará o nome Pasarela Deputación da Coruña", sinalou o alcalde de Camariñas, en agradecemento ao compromiso da institución provincial coa feira.
A pasarela Deputación da Coruña será o escaparate de diversas creacións elaboradas por 42 deseñadores, entre os que se atopan a xaponesa Noriko Hashizume e a firma madrileña Devota&Lomba.
Esta pasarela ten tamén unha dimensión cultural, posto que estará acompañada dunha actuación cada día. Hoxe, a cantante Rosa Cedrón e o músico Miguel Arthús foron os encargados de amenizar a mostra interpretando, entre outras pezas, a popular cantiga de Camariñas.
A XXVII Mostra de Encaixe contará con diversos obradoiros, degustacións gastronómicas, e demostracións de artesanía en viva, cunha gran dimensión internacional grazas á asistencia de delegacións de 17 países, entre os que se atopan Xapón, Arxentina, A India, Rusia, Bulgaria, Estonia, Francia, Italia, Inglaterra, Polonia, Portugal, República Checa ou Suíza.