Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
"Libros para sermos libres" é o lema da campaña que a área de Cultura da Deputación da Coruña organiza para conmemorar o Día Internacional do Libro
Páxinas suxeridas
  • Cultura
    Información sobre premios, rede cultural, bolsas, publicacións, etc.
  • Rede Cultural da Deputación da Coruña
    Programas de música e teatro para grupos non profesionais, de música clásica para intérpretes profesionais e de teatro e marionetas para compañías profesionais.
  • Premios
    Convocatorias de premios e concursos de Cultura
  • Charlas para as familias
  • Salas Municipais
    Relación de salas dos concellos destinadas a actuacións e concertos
  • I Premio “Begoña Caamaño”
    En memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista galega Begoña Caamaño, e coa finalidade de recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura, a Deputación da Coruña convoca o Premio Begoña Caamaño á Mellor Iniciativa Cultural pola de Igualdade de Xénero
  • Fotografía turística "93 destinos por descubrir"

A Deputación da Coruña animará á lectura coa entrega de 5.000 libros en 30 concellos

05 de Abril de 2017

A área de Cultura da Deputación da Coruña repartirá case 5.000 libros en 30 concellos da provincia dentro do programa "Libros para sermos Libres" que se desenvolverá o sábado día 22 de abril, véspera do Día Internacional do Libro. En tres anos completaranse a totalidade dos 93 concellos coa entrega de 15.000 exemplares do fondo da Deputación.

"Libros para sermos libres" é o lema da campaña que a área de Cultura da Deputación da Coruña organiza para conmemorar o Día Internacional do Libro e que se desenvolverá en trinta concellos da provincia. Na xornada, que se celebrará de forma simultánea na totalidade dos concellos, repartiranse arredor de 5.000 libros, nesta primeira edición dunha iniciativa que terá continuidade nos vindeiros anos até completar a totalidade dos concellos da provincia coa entrega de case 15.000 exemplares.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, explicou a actividade como "unha iniciativa pioneira que quere visibilizar o libro e promover a lectura na poboación, aproveitando a celebración dunha data que se conmemora en todo o mundo".

Os libros con que se agasallará á veciñanza dos distintos concellos proveñen dos fondos da Deputación da Coruña e son títulos de edición propia entre os que se encontran as obras gañadoras de premios como o Torrente Ballester, o Rafael Dieste, o Murguía, o Castelao ou o González Garcés, ademais doutros que se refiren ás recentes conmemoracións como o Día das Artes Galegas coa artista Maruxa Mallo como protagonista. Entre a selección de títulos atópanse tamén clásicos como "Cousas" de Castelao, centro dun recente programa literario-teatral que se realizou en diversos concellos.

En xuntanza co persoal responsábel político e técnico dos concellos que participan na actividade, a Deputación da Coruña fixo partícipe dos obxectivos da proposta pola que se fará unha entrega pública e visíbel de libros entre veciñas e veciños. No transcurso da reunión decidiuse, de común acordo coa disponibilidade dos concellos, que o día de agasallo será o sábado 22 de abril, véspera do Día Internacional do Libro, ás 12:00 horas. O acto desenvolverase nun lugar céntrico de cada concello, prazas ou rúas peonís, ou no interior en bibliotecas ou centros culturais, se a climatoloxía non permitir o exterior. "Queremos distribuír libros de calidade e de grande atractivo para a xente co fin de animar á súa lectura e colaborar coa programación dos distintos concellos", explicou Goretti Sanmartín. Os libros irán identificados coa imaxe da campaña "Libros para sermos libres" e os concellos difundirán os lugares públicos en que se fará a entrega que estará sinalada tamén con cartelaría propia.

Nesta primeira fase, que terá continuidade nos dous anos seguintes, incluiranse na distribución obras de narrativa, ensaio ou poesía. Entre os títulos de poesía atópanse obras gañadoras ou finalistas do González Garcés de autores como Ramiro Fonte ou Helena Villar Janeiro. Obras de narrativa gañadoras do Torrente Ballester como A choiva do mundo de Xosé Manuel Pacho Blanco ou teatrais do Rafael Dieste como Final de película de Gustavo Pernas ou A ciencia dos anxos de Inma Antonio xúntanse a outras de ensaio e investigación como o clásico Alfarería tradicional en Buño de Luciano García Alén ou de banda deseñada como Mensaxes de Mariano Casas.

Os concellos que participarán nesta primeira fase de "Libros para sermos libres" son A Pobra, Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boqueixón, Camariñas, Cambre, Cariño, Cerceda, Coirós, Corcubión, Curtis, Fene, Laxe, Mazaricos, Monfero, Mugardos, Muros, Negreira, Padrón Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Ribeira, Sada, Santa Comba, Santiso, Sobrado e Vimianzo.

A campaña súmase a outras iniciativas da área de Cultura da Deputación da Coruña de fomento da lectura como a dotación de libros en bibliotecas e centros públicos municipais ou programas de animación á lectura en distintos concellos.