Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Na sesión de hoxe aprobouse tamén un investimento de 120.000 euros para a creación dun novo itinerario peonil na rúa Juán Flórez, que mellorará a accesibilidade a pé entre as rúas José Cornide e Maestro Clavé
A institución provincial destina 1.160.580 euros ao carril bici que unirá A Marina e a Ponte da Pasaxe, e que se suma aos 34 quilómetros da Rede Ciclista xa aprobados en Cambre, Culleredo e Oleiros

O Pleno da Deputación dá luz verde á primeira fase do tramo coruñés da Rede Ciclista Metropolitana

31 de Marzo de 2017

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe o convenio de colaboración co Concello da Coruña para levar a cabo as obras de construción do carril bici entre a Mariña e a Ponte da Pasaxe. A institución provincial investirá un total de 1.160.580 euros, o cal supón o 80% do custo total das obras. O resto, ata chegar a 1.490.857 euros, será achegado polo concello.

O novo carril bici contará cunha lonxitude de 5,3 quilómetros e permitirá conectar a Cala de Bens coa ría do Burgo, aproveitando as vías ciclistas existentes para percorrer todo o litoral do municipio da Coruña. O itinerario prolongará o carril bici que discorre polo borde costeiro desde O Portiño ata a Avenida da Mariña, cun novo tramo desde o Teatro Colón ata a Delegación de Goberno polos Cantóns e pola rúa Sánchez Bregua.

O carril discorrerá pegado aos xardíns de Méndez Núñez e posteriormente continuará pola rúa Linares Rivas e pola AC-12 ata enlazar co tramo de carril bici de San Diego. Ao remate do parque, a senda ciclista compartirá espazo ben coa beirarrúa, ben coa estrada, que se ampliarán e adecuarán a este novo uso. Os ciclistas circularán polas Xubias de Arriba, fronte ao hospital de Oza, e pola Avenida da Pasaxe ata o paseo de Culleredo.

Os traballos terán unha duración estimada de seis meses e consistirán na remodelación de varias beirarrúas, coas correspondentes actuacións previas de demolición e repavimentación; a formación de vaos nos itinerarios ciclistas; a variación de illotes e medianas, e a colocación de mapas de rede e de indicacións.

Coma elemento delimitador e de defensa das vías ciclistas, colocaranse separadores de caucho reciclado no interior da cidade, e barreiras prefabricadas de formigón para maior protección naquelas estradas onde hai unha maior velocidade de tráfico.
Así mesmo, repintarase a sinalización horizontal na rede viaria, reordenada ao novo espazo dispoñible, e colocaranse sinais verticais para indicar as interseccións e dos cambios de tipoloxía da vía ciclista.

O carril bici da cidade da Coruña completarase cunha segunda fase, na que se unirá a Cala de Bens ata o límite co termo municipal de Arteixo. Para a execución deste tramo, a Deputación prevé un investimento de máis de 35.000 euros.

78 quilómetros de rede ciclista desde Barrañán ata Mera

O carril bici da Coruña enmárcase nun ambicioso proxecto para construír unha rede ciclista de 78 quilómetros que posibilitará percorrer todo o litoral coruñés desde Barrañán ata Mera, no que a Deputación investirá un total de 3,6 millóns de euros.

A institución provincial xa asinou convenios cos concellos de Culleredo, Oleiros e Cambre, nos que inviste 1,5 millóns de euros para construír 34,3 quilómetros de rede ciclista, que enlazarán co novo carril bici da cidade herculina a través da ría do Burgo. Só está pendente pendente a incorporación de Arteixo, onde a Deputación prevé investir preto de 896.000 euros.

A través deste proxecto, a Deputación quere mellorar a seguridade dos ciclista e pór en valor os espazos naturais da área metropolitana da Coruña, xa que os itinerarios contarán con diversas sinalizacións que axudarán a difundir os puntos de interese dos concellos.

Novo itinerario peonil entre as rúas José Cornide e Mestre Clavé

O pleno provincial aprobou tamén na sesión de hoxe a creación dun novo cruce na rúa Juan Flórez que permitirá o acceso a pé entre as rúas José Cornide e Mestre Clavé. Este proxecto realizarase a través dun convenio co Concello da Coruña, e terá un custo total de 149.933 euros, dos cales o 80%, 120.000 euros, serán achegados pola institución provincial.

Na actualidade, existe un desnivel nese tramo da rúa Juan Flórez resolto mediante un muro de contención que separa en dúas partes a estrada, impedindo o tránsito dos peóns entre ambas marxes da rúa.

Esta situación é especialmente conflitiva debido a que o itinerario alternativo sitúase a uns 200 metros e só conta cunha escaleira, sen rampla accesible, para salvar o desnivel. Debido a isto, moitos peóns cruzan a estrada dun lado a outro sen respectar as regras de tráfico co que ocasionan problemas para a seguridade viaria.

Co obxectivo de crear un novo itinerario peonil seguro e accesible para persoas con mobilidade reducida, o proxecto financiado pola Deputación contempla a execución dunha rampla e unha escaleira. Para construílas, utilizarase o espazo actualmente utilizado pola zona ORA, onde se construirá un muro de contención e unha plataforma de 10 metros de longo e 4,5 de ancho.

O itinerario peonil completarase coa creación de tres novos pasos de cebra na rúa Juan Flórez, un con semáforo no nivel superior, e dous no inferior, que unirán a rúa José Cornide coas escaleiras de Mestre Clavé.

Doutra banda, tamén se actuará no tramo final da Rúa Castiñeiras, que une a Renda de Nelle con Juan Flórez, para incrementar a seguridade viaria. A actuación consistirá no derribo de parte do muro e na ampliación da beirarrúa, para aliñala coa existente en Juan Flórez, e permitir así o tránsito dos viandantes con total seguridade.