Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Área de Cultura da Deputación convoca vinte bolsas para perfeccionamento de estudos artísticos
Páxinas suxeridas
  • Cultura
    Información sobre premios, rede cultural, bolsas, publicacións, etc.
  • Charlas para as familias
  • Salas Municipais
    Relación de salas dos concellos destinadas a actuacións e concertos
  • I Premio “Begoña Caamaño”
    En memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista galega Begoña Caamaño, e coa finalidade de recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura, a Deputación da Coruña convoca o Premio Begoña Caamaño á Mellor Iniciativa Cultural pola de Igualdade de Xénero
  • Bolsas e axudas
    Anuncios de bolsas e axudas para estudos de danza
  • Bolsas
    Bolsas de investigación, estudos artísticos, deportistas, danza, etc.
  • Deportes
    Información relacionada coa promoción do deporte na provincia
Goretti Sanmartín parabeniza ao bolseiro Germán García Flores, Premio Extraordinario de Danza

A Área de Cultura da Deputación convoca vinte bolsas para perfeccionamento de estudos artísticos

24 de Marzo de 2017

Artes plásticas e visuais, danza e artes do movemento, teatro, música, audiovisual e ilustración e banda deseñada son os distintos ámbitos das bolsas coas que a Área de Cultura quere apoiar a formación de creadores e creadoras en centros de referencia das súas disciplinas. Goretti Sanmartín aproveitou para parabenizar a Germán Flores, bolseiro da Deputación, que vén de recibir o Premio Extraordinario de Danza. O pasado ano, o galardón recaera en Sofía Liñares, tamén bolseira da Deputación.

As bolsas da Área de Cultura da Deputación da Coruña permitirán que vinte creadoras e creadores completen a súa formación en centros de referencia de fóra de Galicia nas distintas disciplinas de creación artística que, nesta edición, amplían o seu abano coa incorporación de audiovisual e ilustración e banda deseñada. Por outra parte, o apartado que na anterior convocatoria era só de danza abre a posibilidade a participar con outras artes do movemento.

Cada persoa beneficiaria recibirá un total de 9.000 € co que poderán financiar o gasto da realización de estudos artísticos durante o período 2017-2018. Cada participante poderase presentar só en tres convocatorias das bolsas. En total, a Área de Cultura da Deputación destina este ano 180.000 € para as vinte bolsas que se reparten en seis modalidades, oito para a área de música, tres de teatro e interpretación, tres de artes plásticas e visuais, e dúas nas outras tres especialidades, é dicir, danza e artes do movemento, audiovisual e ilustración e banda deseñada.

"Coas bolsas queremos apoiar a formación artística en ámbitos en que completar os estudos é especialmente custoso e require investimentos que moitas persoas non poden soportar. Para nós, é importante manter este apoio que reverterá no futuro da nosa creación cultural", explica a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Nesta nova edición, fíxose un esforzo por adaptar o mapa das bolsas á realidade cultural do país incluíndo ámbitos como o da ilustración e banda deseñada, diferenciando a especialidade en artes plásticas e visuais de audiovisual e incorporando a modalidade de danza outras artes do movemento. "As modificacións encamíñanse a adecuar as bolsas á realidade actual da nosa cultura. Ninguén dubida de quen en ámbitos como ilustración, banda deseñada ou audiovisual temos unha grande potencialidade creativa e iso ten que ter o seu reflexo no noso apoio a perfeccionamento da formación", explica Goretti Sanmartín.

As persoas solicitantes terán que acreditar residencia en calquera concello da Coruña e non poderán ser titulares doutra bolsa no mesmo período. Tamén é necesario a presentación da carta de aceptación ou aval da persoa responsábel do centro onde se van realizar os estudos e, no seu caso, a aceptación para realizar as probas de acceso. Os tribunais que avaliarán as candidaturas estarán compostos por representantes do mundo da cultura, persoas expertas en cada un dos ámbitos.

O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 horas do día 27 de abril e a tramitación farase de xeito telemático a través da plataforma SUBTEL, na páxina web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal.

Parabéns a Germán Flores

Goretti Sanmartín aproveitou o anuncio da convocatoria das novas bolsas para parabenizar a Germán Flores que este mesmo venres recibe o Premio Extraordinario de Danza e é un dos actuais beneficiarios das bolsas de danza da Deputación da Coruña. Natural de Oleiros, concello no que naceu en 1998, Germán Flores formouse na especialidade de Danza Clásica no Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña e está a perfeccionar na actualidade a súa formación na Escola de Víctor Ullate de Madrid.

O pasado ano o premio recaeu en Sofía Liñares, tamén alumna no Conservatorio da Deputación e bolseira na actualidade na modalidade de danza da Deputación da Coruña. "Promover as traxectorias artísticas de persoas como Germán e Sofía é especialmente gratificante porque sabemos o esforzo que están a facer para completar a súa formación e facerse un oco nun mundo complexo como é o artístico", valorou Goretti Sanmartín.