Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A área de Cultura da Deputación financia o Banco Dixital de Boas Prácticas Culturais

A área de Cultura da Deputación financia o Banco Dixital de Boas Prácticas Culturais

06 de Marzo de 2017

A Área de Cultura da Deputación da Coruña financiará a creación dun Banco Dixital de Boas Prácticas Culturais que elaborará a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. A iniciativa dará a coñecer o traballo de profesionais e iniciativas de interese.
Nunha xuntanza na que participaron a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura, Goretti Sanmartín e o asesor da área, Xavier Campos por parte da Deputación da Coruña e o presidente, Alberte García e vicepresidente, Carlos Lorenzo, por parte da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural acordouse botar a andar a elaboración do Banco Dixital de Boas Prácticas Culturais, unha iniciativa pioneira que porá ao dispor do sector cultural o traballo de profesionais e as máis destacadas iniciativas de interese.
O Banco Dixital de Boas Prácticas consistirá nun repositorio web en que se identifican e se achega información e contidos materiais de toda unha serie de experiencias desenvolvidas en Galiza ademais de se recolleren algunhas que poden ser de interese para a realidade cultural galega que se desenvolveron fóra do noso territorio.
O proxecto promovido pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural desenvolverase ao longo dos dous próximos anos e contará, segundo se acordou na xuntanza, co financiamento da Área de Cultura da Deputación da Coruña. "Valoramos de forma moi positiva a iniciativa, entre outras cousas, porque dará a coñecer dentro do propio ámbito da cultura galega o traballo de profesionais e iniciativas de grande interese que se desenvolven en diferentes escalas, desde concellos a asociacións sen ánimo de lucro, pasando por empresas ou entidades de maior dimensión", sinalou a responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.
Na xuntanza, abordouse tamén a reformulación levada a cabo pola Área de Cultura da Deputación da Coruña da liña de apoio á contratación por parte dos concellos de persoal técnico en animación sociocultural e xestión cultural. A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural valorou moi positivamente o novo enfoque desta liña e tamén o período transitorio que ofrece aos concellos beneficiarios para a adaptación aos requisitos da convocatoria. En especial, a asociación representante do sector destacou o paso andado con esta modificación da liña de cara á regulación e a definición do perfil profesional das persoas que traballan no ámbito cultural nos concellos e administracións públicas.
Finalmente, a Área de Cultura da Deputación da Coruña e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural acordaron manter de forma estable a interlocución e colaboración para avanzar na definición e mellora dos procesos culturais da administración provincial tamén de cara a que o sector poida tirar beneficios destas actuacións.