Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Siro López foi o creador da Praza do Humor da Coruña, autor de varios libros e ensaios, e as súas exposicións percorreron as principais cidades de España e Europa
Páxinas suxeridas
Valentín González Formoso anunciou hoxe a edición desta obra que pretende ser un “recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional como artista, humorista gráfico e comunicador en radio e televisión”

A Deputación compilará a ampla traxectoria artística de Siro López nun libro de gran formato que verá a luz en 2017

13 de Febreiro de 2017

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou hoxe o compromiso da institución provincial para editar un libro dedicado ao artista ferrolán Siro López.

O presidente mantivo esta mañá, no seu despacho da institución provincial, unha reunión co artista, que amosou o seu agradecemento polo anuncio da publicación que verá a luz durante o ano 2017, e con Pedro Taboada, que se encargará de coordinar unha publicación que contará con prestixiosas colaboracións de figuras do mundo do xornalismo, da arte, do humor e da literatura.

"Amigos e compañeiros de profesión de Siro, que aportarán o seu grao de area co obxectivo de render unha merecida homenaxe a un dos nosos artistas contemporáneos máis versátiles", apuntou González Formoso, que destacou que a Deputación pretende con esta publicación "recoñecer e divulgar a súa dilatada traxectoria profesional como humorista gráfico, pintor e comunicador en radio e televisión".

O libro editarase en gran formato, con tapa dura e cun amplo despregue gráfico, de maneira similar aos volumes que a Deputación dedica dende hai anos á colección de arte "Grandes Pintores".

Siro López, un artista versátil

A través do debuxo satírico, Siro López leva máis de trinta anos invitando a reflexión coa súa crítica sobre a actualidade social e política máis próxima. Aínda que comezou como delineante na empresa metalúrxica Bazán, López axiña desenvolveu a súa faceta artística coa publicación dos seus primeiros debuxos en 1970, na revista Chan . Máis tarde, especializouse na caricatura e o humor colaborando en diferentes xornais galegos, como Ferrol Diario, El Ideal Gallego, La Región, El Norte de Galicia e, especialmente, en La Voz de Galicia, xornal ao que dedicou os últimos trinta anos da súa vida.

En 1990 deseñou a Praza do Humor da Coruña, único recinto urbano destas características, que quere ser un recoñecemento aos grandes humoristas galegos.

De xeito individual amosou os seus traballos máis aló de Galicia. A súa obra percorreu cidades como Madrid, Bilbao, Barcelona, Vila Real ou Lisboa. En 2006 presentou a exposición "Desde Picasso" na Galería Sargadelos de Barcelona e no Palacio Municipal da Coruña.

Os seus retratos, caricaturas e visións percorreron as salas de exposicións de varios centros galegos como por exemplo o Museo Carlos Maside (Sada), o Museo do Humor (Fene), o Museo Municipal de Ferrol ou a Fundación Torrente Ballester de Santiago de Compostela, cunha homenaxe ao escritor Ramón Piñeiro. Parte da súa obra tamén forma parte das coleccións de Caixa Galicia, Caixanova, a Universidade de Santiago de Compostela ou do Congreso dos Deputados, en Madrid.

López tamén realizou numerosos proxectos en radio, televisión, literatura, ensaio e teatro. Coñecido é o seu libro sobre Castelao, os artigos na revista Grial e os seus programas en Cope, Radio Nacional de España ou Radio Voz, debullando a realidade social do momento a través da sátira e o humor. A súa creatividade audiovisual levouno a idear o coñecido espazo radiofónico Corre Carmela, que posteriormente foi levado á TVG, obtendo un gran recoñecemento da audiencia.

O libro, ademais de recoller a biografía de Siro López xunto cos seus principais traballos xornalísticos, fai unha viaxe pola súa extensa e dilatada carreira como un artista polivalente e arriscado. Así o acreditan as innumerables caricaturas, debuxos e ilustracións que foron seleccionadas para esta publicación e que manifestan a grande importancia e relevancia do artista ferrolán.