Inicio

Novas

Fernando Llorente gaņa o X Premio Castelao de Banda Deseņada
04/11/2015

O ilustrador e debuxante Fernando Llorente é o gañador da décima edición do Premio Castelao de Banda Deseñada que convoca a Deputación da Coruña. “A carreta do diaño” é o título da obra gañadora que contou coa unanimidade do xurado. 

Un xurado composto por Miguel Anxo Prado, Ana Miralle e Keko Godoy co deputado responsábel da área de Cultura, Xosé Regueira como presidente, sen voto, decidiu por unanimidade premiar coa décima edición do Castelao de Banda Deseñada a obra “A carreta do diaño” do ilustrador e debuxante Fernando Llorente.  

O xurado do premio, que comisaria Miguel Anxo Prado, destacou a “madurez tanto gráfica como do guión, cunha unidade de estilo perfectamente axustada á historia que conta”. O autor amosa, continúa o fallo, “un fino e ocorrente sentido do humor a través de situacións e diálogos divertidos, solidamente estruturados e planificados e cuns personaxes moi eficaces e ben definidos. Fernando Llorente naceu en 1954 en Las Palmas de Gran Canaria mais leva tempo residindo en Galiza. É membro do Estudio Baobab da Coruña e, como ilustrador, traballa de maneira especial no mundo editorial, entre outras actividades. 

Fernando Llorente pasa a formar parte dunha listaxe de gañadores que iniciou David Rubín en 2005 e da que forman parte autores como Antonio Seijas, Jacobo Fernández, Mariano Casas, Daniel Montero, Brais Rodríguez, Iván Suárez e Ignacio Vilariño, Fran Bueno e Kiko Dasilva.