Inicio

Novas

Diego Calvo, acompañado da deputada Zaira Rodríguez e o secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García Gómez, entregaron esta mañá o premio ao veterinario e inspector en Saúde Pública, nado en Huesca pero afincado no Grove
Pedro Benavente Jareño gaña o III Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura da Deputación
09/05/2012

Pedro Benavente Jareño, licenciado en Veterinaria e nado en Sabiñánigo (Huesca) aínda que criado en León e Valladolid e afincando agora no Grove, onde traballa como inspector de Saúde Pública, é o terceiro gañador do premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura que convoca a Deputación da Coruña.

Esta mañá recibiu o recoñecemento honorífico por parte do presidente da institución provincial, Diego Calvo, a deputada de Normalización Lingüística, Zaira Rodríguez, e o secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García Gómez, nun acto institucional celebrado no salón de plenos e ao que asistiron tamén varios membros do xurado deste premio.

Durante o acto, o presidente provincial subliñou o grande mérito dun home que, trasladado a Galicia por razóns profesionais, é un exemplo de integración tanto na lingua como na cultura galega. Aludiu ademais á importancia do seu traballo na divulgación da lingua, polo que xustificou o premio porque é un home “deses aos que tanto debemos por contribuír decididamente á conservación e dignificación do noso patrimonio lingüístico e cultural”.

Pola súa banda, Pedro Benavente confesouse “sorprendido, emocionado e ilusionado” pola concesión do premio, que definiu como “unha inxección vitamínica para seguir traballando pola cultura gandeira e a cultura galega en xeral”. Tivo unhas palabras de especial recoñecemento para o que definiu como o seu mestre, tamén presente no acto desta mañá, Xesús Ferro Ruibal, xa que nun curso de galego impartido por el foi onde tivo o primeiro contacto coa lingua.

E, finalmente, despois de agradecer á Deputación a súa aposta pola difusión da lingua e a cultura prometeu seguir “á disposición desta terra e de todos vós mentres o corpo aguante”.

Gardián das palabras

O secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García Gómez, quixo destacar a importancia do premio. “Primeiro polo nome que leva e despois pola institución que a convoca, unha Deputación situada nunha cidade moi importante paras a difusión da cultura e a lingua de Galicia”, explicou.

En clara referencia ao agasallo que recibiu por parte do presidente da Deputación, a figura dun gardián do Pazo de Mariñán, García Gómez dixo que “Pedro é un gardián das palabras, un gardián da lingua”, palabras das que se fixo eco na súa despedida Diego Calvo para recalcar que o premiado, a pesar de non ter vinculación ningunha con Galicia, “foi quen de entender que aquí, nesta terra, hai unha cultura e unha lingua propia, un patrimonio que mimar”.

Pechou a súa intervención recalcando que “o galego é patrimonio de todos” e que “todas as administracións teñen o deber de coidalo” e emprazou a todos os presentes a “vernos de novo aquí o ano que vén”.

Nomeamento

O nomeamento de Pedro Benavente Jareño para o premio foi proposto polo propio xurado do premio, convocado desde a institución provincial para “recoñecer iniciativas, traballos recentes ou traxectorias tanto de persoas como de colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico e cultural, ben no ámbito da provincia, autonómico, exterior ou global”.

No caso de Pedro Benavente, valorouse especialmente a súa entrega pola difusión da lingua e a cultura agraria galega, pese a tratarse dun home nado noutra comunidade. Así, todos os membros do xurado coincidiron en salientar “unha traxectoria marcada por investigacións no ámbito agrario e tamén centrada en prácticas de difusión cultural da nosa lingua”. Así, citaron entre as súas obras o “Refraneiro galego da vaca” e “O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún”, ambos os dous escritos en colaboración con Xesús Ferro Ruibal.

Pedro Benavente é un aragonés nacido en Sabiñánigo que chegou a Galicia para desempeñar a súa profesión de veterinario e, posteriormente, inspector de Saúde Pública. O seu traballo especializado e a súa sensibilidade fixéronlle descubrir axiña que aquí había unha lingua e unha cultura propia, e decidiu aprendela e asumila na súa actividade laboral.

Comezou achegando os seus coñecementos veterinarios á depuración da lexicografía galega en distintos artigos: “O dicionario Xerais lido por un veterinario”, “Algunhas achegas ao dicionario na Real Academia Galega-Instituto da Lingua Galega”. Posteriormente participou , xunto con outros especialistas, na redacción do “Dicionario de sinónimos da lingua galega”.

Ademais, é autor dunha das primeiras publicacións do Centro Ramón Piñeiro, a “Guía de alimentación”, un libro pioneiro e que aínda hoxe é un manual de referencia para moitos.

Traballou durante moitos anos en colaboración con Xesús Ferro Ruibal, e froito desa colaboración xurdiu un exhaustivo estudo do gando vacún como fenómeno lingüístico, etnográfico e sociolóxico de Galicia.

Na actualidade colabora coa Real Academia Galega na versión do “Dicionario da Real Academia Galega” (2012) e é o editor da Galipedia.

Antes deste recoñecemento da Deputación, foille concedido o Primeiro Premio Anual da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.