Páxinas
Novas

Regulamento Orgánico da Excma Deputación Provincial de A Coruña

Índice

 

Disposicións xerais

Artigo 1

A Deputación Provincial da Coruña, no exercicio da potestade regulamentaria e de autoorganización que lle recoñece a Lei 7/85 do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e con suxeición a esta, promove polo presente regulamento, a súa organización e réxime de funcionamento.

Artigo 2

A organización e o funcionamento interno da Deputación Provincial da Coruña, axustaranse á seguinte orde xerárquica de fontes normativas:

a) A Lei reguladora das bases do réxime local en canto á normativa básica.

b) Regulamento orgánico provincial.

c) Leis das Comunidades Autónomas sobre réxime local e transitoriamente e mentres non entra en vigor a lexislación autonómica, o texto refundido aprobado polo real decreto 718/1986, do 18 de abril.

d) O Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado polo real decreto 2.568/86, do 28 de novembro para aquelas materias reguladas polo regulamento orgánico, nas que resulte insuficiente a dita normativa.

Artigo 3

Corresponde ó presidente dictar instruccións interpretativas e aclaratorias da normativa descrita no artigo anterior, para a súa aplicación na deputación.

Artigo 4

Corresponde ó pleno o control e fiscalización de tódolos órganos de goberno.

 

Volver al índice
Estatuto dos membros das corporacións locais

Adquisición, suspensión e perda da condición de membro da corporación. Dereitos e deberes.

Artigo 5

1. A determinación do número de membros da Deputación provincial, o procedemento para a súa elección, a duración do seu mandato e os supostos de inelexibilidade e incompatibilidade son os regulados na lexislación xeral electoral.

2. Os presidentes e membros da deputación gozan, logo de tomar posesión do seu cargo, dos honores, prerrogativas e distincións propios do mesmo que estean establecidos na Lei do Estado ou das Comunidades Autónomas, e están obrigados ó cumprimento estricto dos deberes e obrigas inherentes a aquel.

Artigo 6

O deputado que resulte proclamado electo, deberá presentar a credencial ante a Secretaría Xeral.

Artigo 7

1. Quen desempeñe a condición de deputado quedará, non obstante, suspendido nos seus dereitos, prerrogativas e deberes cando unha resolución xudicial firme condenatoria o comporte.

Artigo 8

Os deputados provinciais perderán a súa condición de tales, polas seguintes causas:

1. Por decisión xudicial firme, que anule a elección ou proclamación.

2. Por falecemento ou incapacitación, declarada esta por decisión xudicial firme.

3. Por extinción do mandato ó expirar o seu prazo, sen prexuízo de que continúe nas súas funcións soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión dos seus sucesores.

4. Por renuncia, que deberá facerse efectiva por escrito ante o pleno da corporción.

5. Por incompatibilidade, nos supostos e condicións establecidos na lexislación electoral.

6. Por perda da nacionalidade española.

Artigo 9

1. Os deputados deberán observar en todo momento as normas sobre incompatibilidade e deberán poñer en coñecemento da corporación calquera feito que puidese constituír causa desta.

2. Producida unha causa de incompatibilidade e declarada polo pleno corporativo, o afectado por tal declaración deberá optar, no prazo dos dez días seguintes a aquel en que reciba a notificación da súa incompatibilidade, entre a renuncia á condición de deputado ou o abandono da situación que dea orixe á referida incompatibilidade.

3. Transcorrido o prazo sinalado no número anterior sen terse exercitado a opción, entenderase que o afectado renunciou ó seu posto de deputado, debendo declararse polo pleno corporativo a vacante correspondente e poñer o feito en coñecemento da administración electoral para os efectos previstos nos artigos 182 e 208 da Lei orgánica 5/1985 do 19 de xuño,do réxime electoral xeral.

Artigo l0

Son dereitos e deberes dos membros da Corporación provincial os recoñecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril e os regulados no seu desenvolvemento e aplicación polas disposicións estatais alí mencionadas, no real decreto lexislativo 781/1986 do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, e polas leis da Comunidade Autónoma correspondente sobre réxime local. En defecto destas últimas aplicaranse as normas dos artigos seguintes.

Artigo 11

1. Os membros da Corporación provincial teñen o dereito e o deber de asistir, con voz e voto ás sesións do pleno e ás daqueles outros órganos colexiados que formen parte, salvo xusta causa que llo impida, que deberán comunicar coa antelación necesaria ó presidente da corporación.

2. As ausencias dos membros da corporación fóra da provincia, que excedan de oito días deberán ser postas en coñecemento do presidente, facéndoo por escrito, ben persoalmente ou a través do voceiro do grupo político, concretándose en todo caso a duración previsible destas.

Artigo 12

1. Os membros da Corporación provincial terán dereito a percibir con cargo ó orzamento da Deputación provincial, as retribucións e indemnizacións que correspondan, nos termos que se determinan nos parágrafos seguintes.

2. Ccnforme ó establecido no artigo 75.1 da Lei 7/1985 do 2 de abril, terán dereito a percibir retribucións e a ser dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social os membros da Corporación provincial que desenvolvan responsabilidades corporativas en réxime de dedicación exclusiva.

No suposto de tales retribucións, a súa percepción será incompatible coa de calquera outra retribución con cargo ós orzamentos das Administracións públicas e dos entes, organismos e empresas delas dependentes.

3. O recoñecemento da dedicación exclusiva a un membro da corporación esixirá a dedicación preferente do mesmo, ás tarefas propias do seu cargo, sen prexuízo doutras ocupacións marxinais que, en calquera caso, non poderán causar detrimento á súa dedicación na corporación. No caso de que tales ocupacións sexan remuneradas, requerirase unha declaración formal de compatibilidade por parte do pleno da entidade local.

4. O pleno corporativo, a proposta do presidente, determinará, dentro da consignación global, contida a tal fin no orzamento, a relación de cargos da corporación que poderán desempeñarse en réxime de dedicación exclusiva e, polo tanto, con dereito a retribución, así como as contías que correspondan a cada un deles en atención ó seu grao de responsabilidade. O nomeamento dun membro da corporación para un destes cargos, só suporá a aplicación do réxime de dedicación exclusiva se é aceptado expresamente por aquel, nese caso esta circunstancia será comunicada ó pleno na seguinte sesión ordinaria.

5. Ademais dos deputados que desenvolven as súas responsabilidades baixo a modalidade de "dedicación exclusiva" recoñécese que determinados deputados ós que se encomenden funcións delegadas, poidan exercelas en réxime de xornada reducida ou a tempo parcial.

Tal recoñecemento dará dereito ós que se lles faga esa encomenda, a percibir, co carácter de indemnización, unha cantidade fixa e periódica que compense os prexuízos que lles irrogue a dedicación a aquela.

6. A diversidade e complexidade das tarefas, que compoñen o feixe de funcións delegadas, servirá para definir os distintos tipos de deputados-delegados, a partir das que se modulará a contía da indemnización a percibir.

A tipoloxía de delegacións para os efectos indemnizatorios clasificarase en tres niveis:

Nivel A, ou con dedicación plena a tempo parcial.

Nivel B, ou de dedicación normal a tempo parcial.

Nivel C, ou de mínima dedicación.

7. Tódolos membros da corporación, incluídos os que desempeñan cargos en réxime de dedicación exclusiva, terán dereito a recibir indemnizacións polos gastos ocasionados no exercicio do seu cargo, cando sexan efectivos, e logo da xustificación documental, segundo as normas de aplicación xeral nas Administracións públicas e as que neste sentido aprobe o pleno corporativo.

Non obstante o anterior, para facer frente ós gastos de difícil xustificación documental que a actividade corporativa produce, recoñécese a tódolos deputados, de acordo coa responsabilidade que se lles atribúa, o dereito a percibir, en concepto de gastos de representación, unha cantidade fixa a aboar por doceavas partes.

8. Só os membros da corporación que non teñan dedicación exclusiva, percibirán asistencias pola concorrencia efectiva ás sesións dos órganos colexiados de que formen parte, na contía que sinale o pleno da mesma. Non obstante, todos poderán percibir esta clase de indemnizacións cando se trate de órganos rectores de organismos dependentes da Deputación provincial que teñan personalidade xurídica independente, de Consellos de Administración de Empresas con capital ou control da deputación ou de tribunais de probas para selección de persoal.

Artigo 13

O pleno da Excma. Deputación fixará cada ano a contía das retribucións e indemnizacións ó presidente e deputados e as súas modalidades, dentro das correspondentes consignacións orzamentarias e cos límites que, con carácter xeral, se establezan.

Artigo 14

1. Tódolos deputados teñen dereito a obter do presidente e da Comisión de Goberno o acceso a tódolos antecedentes, datos e informacións que, obrando en poder dos Servicios provinciais, resulten precisos para o desenvolvemento da súa función.

2. Este dereito só poderá ser limitado, total ou parcialmente, nos seguintes casos:

a) Cando o coñecemento ou difusión dos documentos ou antecedentes poida vulnerar o dereito constitucional ó honor,á intimidade persoal ou familiar e á propia imaxe das persoas.

b) Se se trata de materias relativas á seguridade cidadá con publicidade que puidese incidir negativamente nela.

c) Se se trata de materias clasificadas nos termos da Lei 9/1968, do 5 de abril, modificada pola Lei 48/1978, do 7 de outubro, sobre secretos oficiais.

d) En caso de tratar materias amparadas por secreto estadístico ou que incidan no ámbito protexido pola lexislación que limita o acceso ós bancos de datos informativos.

e) Cando se trate de antecedentes incorporados a un proceso xudicial penal, mentres permanezan baixo segredo sumarial.

3. A petición de acceso ás informacións entenderase concedida por silencio administrativo en caso de que o presidente ou a Comisión de Goberno non dicten resolución ou acordo de denegación no prazo de cinco días, a contar desde a data da solicitude.

4. En todo caso, a denegación do acceso á documentación informativa terá que facerse a través de resolución ou acordo motivado.

Artigo 15

Non obstante o disposto no número 1 do artigo anterior, os servicios administrativos locais estarán obrigados a facilitar a información sen necesidade de que o membro da corporación acredite estar autorizado, nos seguintes casos:

a) Cando se trate do acceso dos membros da corporación que teñan delegacións ou responsabilidades de xestión, á información propia das mesmas.

b) Cando se trate do acceso de calquera membro da corporación á información e documentación correspondente ós asuntos que vaian ser tratados polos órganos colexiados de que formen parte, así como ás resolucións ou acordos adoptados por calquera órgano provincial.

c) Cando se trate do acceso dos membros da corporación á información ou documentación da entidade local que sexa de libre acceso para os cidadáns.

Artigo 16

1. A consulta e exame concreto dos expedientes, libros e documentación en xeral, rexerase polas seguintes normas:

a) A consulta xeral de calquera expediente ou antecedentes documentais poderá realizarse, ben no arquivo xeral ou na dependencia onde se encontre, ben mediante a entrega dos mesmos ou de copia ó membro da corporación interesado para que poida examinalos no despacho ou salas reservadas ós membros da corporación. O libramento de copias limitarase ós casos citados de acceso libre dos deputados á información e ós casos en que iso sexa expresamente autorizado polo presidente.

b) En ningún caso os expedientes, libros ou documentación poderán saír do pazo provincial, ou das correspondentes dependencias e oficinas provinciais.

c) A consulta dos libros de actas e os libros de resolucións do presidente deberán efectuarse no Arquivo ou na Secretaría Xeral.

d) O exame de expedientes sometidos a sesión poderá facerse unicamente no lugar en que se encontren de manifesto a partir da convocatoria.

2. O suposto de entrega previsto no apartado a) do número anterior, e papa os efectos do oportuno control administrativo, o interesado deberá asinar unha notificación de recepción e terá a obriga de devolver o expediente ou documentación nun prazo máximo de corenta e oito horas, ou antes, en función das necesidades do trámite do expediente en cuestión.

3. Os membros da corporación teñen o deber de gardar reserva en relación coas informacións que se lles facilite para facer posible o desenvolvemento da súa función, singularmente das que han de servir de antecedente para decisións que aínda se encontren pendentes de adopción, así como para evitar a reproducción da documentación que poida serlles facilitada en orixinal ou copia para o seu estudio.

Artigo 17

As sancións que de acordo co artigo 78.4 da Lei 7/1985, do 2 de abril, pode impoñer o presidente da deputación ós membros da corporación por falta non xustificada de asistencia ás sesións ou incumprimento reiterado das súas obrigas, rexeranse polo disposto no artigo 73, do real decreto lexislativo 781/1986 do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local.

Artigo 18

Se a causa da sanción puidese ser, a xuízo da corporación, constitutiva de delito, o presidente pasará o tanto de culpa ó órgano xudicial competente, absténdose de continuar o procedemento sancionador ata o pronunciamento do órgano xudicial.

Artigo 19

Os membros da Deputación provincial non poderán invocar ou facer uso da súa condición para o exercicio de calquera actividade mercantil, industrial ou profesional.

Artigo 20

Sen prexuízo das causas de incompatibilidade establecidas pola lei, os membros da Corporación provincial deberán absterse de participar na deliberación, votación, decisión e execución de todo asunto cando concorran algunha das causas ás que se refire a lexislación de procedemento administrativo e contratos das Administracións públicas.

Artigo 21

1. Os membros da Corporación provincial están suxeitos a responsabilidade civil e penal polos actos e omisións realizados no exercicio do seu cargo.

2. Dos acordos dos órganos colexiados da Deputación provincial serán responsables aqueles dos seus membros que os votasen favorablemente.

3. A responsabilidade dos membros da Corporación provincial esixirase ante os tribunais de xustiza competentes e tramitarase polo procedemento ordinario aplicable.

Volver al índice
Grupos políticos

Artigo 22

1. Os membros das corporacións locais, para os efectos da súa actuación corporativa, constituiranse en grupos.

2. Ninguén pode pertencer simultaneamente a máis dun grupo.

Artigo 23

1. Os grupos políticos constituiranse mediante escrito dirixido ó presidente e suscrito por tódolos seus integrantes que se presentará na Secretaría Xeral da corporación dentro dos cinco días hábiles seguintes á constitución da corporación. ,

2. No mesmo escrito de constitución farase constar a designación de voceiro do grupo, podendo designarse tamén suplentes.

Artigo 24

Da constitución dos grupos políticos e dos seus integrantes e voceiros, o presidente dará conta ó pleno na primeira sesión que se celebre tras cumprirse o prazo previsto no número 1 do artigo anterior.

Artigo 25

Os membros da corporación que adquiran a súa condición con posterioridade á sesión constitutiva desta, deberán incorporarse ós grupos conforme ás regras acordadas pola corporación.

Artigo 26

Na medida das posibilidades funcionais da organización administrativa da Deputación provincial, os diversos grupos políticos disporán na sede da mesma dun despacho ou local para reunirse de maneira independente e recibir visitas de cidadáns, e o presidente ou o membro da corporación responsable da área de réxime interior poñerá á súa disposición unha infraestructura mínima de medios materiais e persoais.

Artigo 27

1. Os grupos políticos poderán facer uso dos locais da corporación para celebrar reunións ou sesións de traballo con asociacións para a defensa dos intereses colectivos, xerais ou sectoriais da poboación.

2. O presidente ou o membro corporativo responsable da área de réxime interior, establecerá o réxime concreto de utilización dos locais por parte dos grupos da corporación, tendo en conta a necesaria coordinación funcional e de acordo cos niveis de representación política de cada un deles.

3. Non se permitirá este tipo de reunións coincidindo con sesións do pleno ou da Comisión de Goberno.

Artigo 28

Corresponde ós grupos políticos designar, mediante escrito do seu voceiro dirixido ó presidente e nos termos previstos en cada caso no presente regulamento, a aqueles dos seus compoñentes que teñan de representalos en tódolos órganos colexiados integrados por membros da corporación pertencentes ós diversos grupos.

 

Volver al índice
Rexistro de intereses

Artigo 29

1. De acordo co disposto no artigo 75.5 da Lei 7/1985, do 2 de abril, constituirase na Secretaría da corporación o rexistro de intereses dos membros da mesma.

A custodia e dirección do rexistro corresponde ó secretario.

2. Tódolos membros da corporación teñen o deber de formular, ante o rexistro, declaración das circunstancias a que se refiere a Lei:

a) Antes de tomar posesión do seu cargo.

b) Cando se produzan variacións ó longo do mandato. Neste caso, a finalización para comunicar as variacións será dun mes a contar desde o día en que se teñan producido.

Artigo 30

1. A declaración de intereses poderá instrumentarse en calquera clase de documento no que se dea fe da data e a identidade do declarante e do seu contido, no que, en todo caso, terán que constar os seguintes extremos:

a) Identificación dos bens mobles e inmobles integrantes do patrimonio persoal, con designación, no seu caso, da súa inscrición rexistral e data de adquisición de cada un.

b) Relación de actividades e ocupacións profesionais, mercantís ou industriais, traballos por conta allea e outras fontes de ingresos privados, con especificación do seu ámbito e carácter e dos empregos ou cargos que se desempeñen en entidades privadas, así como o nome ou razón social das mesmas.

c) Outros intereses ou actividades privadas que, aínda non sendo susceptibles de proporcionar ingresos, afecten ou estean en relación co ámbito de competencias da corporación.

2. No suposto de que a declaración se formule en formato normalizado aprobado polo pleno corporativo, será asinado polo interesado e polo secretario xeral na súa calidade de fedatario público principal.

Artigo 31

Para o acceso ós datos contidos no rexistro de intereses será preciso acreditar a condición legal de interesado lexítimo directo, conforme á lexislación autonómica ou estatal aplicable.

En calquera caso as declaracións de intereses, serán custodiadas polo secretario, sendo de aplicación o disposto no artigo 16.1.b, deste regulamento.

Volver al índice
Constitución, vixencia e fin do mandato corporativo

Artigo 32

1. A deputación é o órgano de goberno e administración da provincia, como entidade local, con carácter de corporación de dereito público.

2. Son órganos necesarios da deputación:

a) O presidente.

b) Os vicepresidentes.

c) O pleno.

d) A comisión de goberno.

e) A comisión especial de contas.

Artigo 33

1. O terceiro día anterior ó sinalado pola lexislación electoral para a sesión constitutiva da deputación, os membros da mesma que deban cesar, tanto do pleno como da comisión de goberno, reuniranse en sesión convocada só para o efecto de aprobar a acta da última sesión celebrada.

2. Os secretarios e interventores tomarán as medidas precisas para que o día da constitución da nova corporación se efectúe un arqueo e estean preparados e actualizados tódolos xustificantes das existencias en metálico ou valores propios da corporación, depositados na Caixa Provincial ou en entidades bancarias, así como a documentación relativa ó inventario do patrimonio da corporación e dos seus organismos autónomos.

Artigo 34

1. A sesión constitutiva da Deputación provincial celebrarase no quinto día posterior á proclamación dos deputados electos, ás doce horas, na sede da dita corporación, trala entrega das credenciais respectivas ó secretario da corporación.

2. Se na hora e data sinaladas para celebrar a sesión constitutiva da Deputación provincial concorrese á mesma un número inferior á maioría absoluta de deputados electos, estes entenderanse convocados automaticamente para celebrar a sesión constitutiva, dous días despois, que terá que celebrarse no mesmo local e á mesma hora. Na dita sesión a corporación constituirase, calquera que fose o número de deputados que concorresen.

3. A sesión constitutiva, á hora sinalada a este obxecto, presidirase por unha Mesa de Idade, integrada polos deputados de maior e menor idade presentes no acto, e actuando de secretario o que o sexa da corporación.

A Mesa comprobará as credenciais presentadas ou acreditacións da personalidade dos electos, con base ás certificacións que tivese remitido a Xunta Electoral de Zona, e declarará constituída a corporación. Acto seguido procederase a elixir ó presidente de entre os seus membros, conforme ó disposto na lexislación electoral.

Artigo 35

Dentro dos trinta días seguintes ó da sesión constitutiva, o presidente convocará a sesión ou sesións extraordinarias do pleno da corporación que sexan precisas, co fin de resolver os seguintes puntos:

a) Réxime das sesións do pleno e da comisión de goberno.

b) Creación e composición das Comisións informativas permanentes.

c) Nomeamento de representantes da corporación en toda clase de órganos colexiados en que deba estar presentada.

d) Coñecemento das resolucións da presidencia en materia de nomeamento de vicepresidentes e membros da Comisión de Goberno, e presidentes das Comisións Informativas, así como das delegacións que o presidente considere oportuno conferir.

Artigo 36

1. O mandato dos membros da deputación é de catro anos, contados a partir da data da elección.

2. Unha vez rematado o seu mandato, os membros das corporacións cesantes continuarán nas súas funcións soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión dos seus sucesores, e en ningún caso poderán adoptar acordos para os que legalmente se requira unha maioría cualificada. .

Volver al índice
Do presidente da Deputación provincial

Artigo 37

1. A elección e destitución do presidente da deputación réxese polo disposto na lexislación electoral, sen prexuízo da aplicación das normas relativas ó réxime de sesións plenarias da deputación.

2. Quen resulte proclamado presidente tomará posesión ante o pleno da corporación, de acordo coa forma xeral establecida para a toma de posesión dos cargos públicos.

3. Se non estivese presente na sesión de constitución, será requerido para tomar posesión no prazo de corenta e oito horas, igualmente ante o pleno corporativo, coa advertencia de que, caso de non facelo sen causa xustificada, estarase ó disposto na lexislación electoral para os casos de vacantes na presidencia.

4. O presidente poderá renunciar ó seu cargo sen perder por iso a súa condición de deputado. A renuncia deberá facerse efectiva por escrito ante o pleno da deputación, que deberá adoptar acordo de coñecemento dentro dos dez días seguintes.

En tal caso, a vacante cubrirase na forma establecida na lexislación electoral.

5. Vacante a presidencia por renuncia do seu titular, falecemento ou sentencia firme, a sesión extraordinaria para a elección de novo presidente celebrarase, cos requisitos establecidos na lexislación electoral, dentro dos dez días seguintes á aceptación da renuncia polo pleno, ó momento do falecemento ou á notificación da sentencia, segundo os casos.

6. No suposto de que prospere unha moción de censura contra o presidente, este cesará no seu cargo no momento da adopción do acordo. Quen resulte proclamado como presidente deberá tomar posesión do cargo na forma establecida nos apartados 2 e 3 deste artigo.

Artigo 38

O presidente da Deputación provincial preside a corporación e ten as seguintes atribucións:

1. Representar á deputación e presidir tódolos actos públicos de carácter provincial, sen prexuízo do disposto no regulamento de protocolo.

2. Dirixir o goberno e administración provincial e, no marco do regulamento orgánico, a organización dos servicios administrativos da corporación.

3. Nomear e cesar ós vicepresidentes e ós membros da Comisión de Goberno.

4. Convocar e presidir as sesións do pleno, da Comisión de Goberno e de calquera outros órganos provinciais, así como decidir os empates con voto de calidade.

5. Facer cumprir as ordenanzas e regulamentos provinciais.

6. Dirixir, impulsar e inspeccionar as obras e servicios dos que a execución ou realización se acordase, solicitando os asesoramentos técnicos necesarios.

7. Coidar de que se presten os servicios e se cumpran as cargas que impoñan as leis á Administración provincial.

8. Presidir poxas e concursos para ventas, arrendamentos, obras, servicios e subministracións e adxudicar definitivamente, conforme as leis, os que sexan da súa competencia e provisionalmente aqueles en que teña de decidir a corporación.

9.1) A contratación e concesión de obras, servicios e subministración cunha contía que non exceda do 5 por 100 dos recursos ordinarios do seu orzamento, nin do 50 por 100 do límite xeral aplicable á contratación directa, así como de todos aqueles outros que excedendo da citada contía, teñan unha duración non superior a un ano ou non esixan créditos superiores ó consignado no orzamento anual.

2) A preparación e adxudicación de tales contratos suxeitarase ó previsto no procedemento legalmente establecido en cada caso.

10. Subscribir escrituras, documentos e pólizas.

11. Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal da corporación e como xefe directo desta, exercer tódalas atribucións en materia de persoal que non sexan da competencia do pleno nin da administración do Estado e, en particular. as seguintes:

a) Efectuar as convocatorias derivadas da oferta anual de emprego público, de conformidade coas bases aprobadas polo pleno da corporación, e nomear funcionarios de carreira da corporación, a proposta do tribunal, ós que superen as correspondentes probas.

b) Resolver as convocatorias para a provisión dos postos de traballo de libre designación.

c) Contratar e despedir ó persoal laboral da corporación e asignalo ós distintos postos de carácter laboral previsto nas correspondentes relacións aprobadas pola corporación, de acordo coa lexislación laboral.

d) Nomear e cesar ó persoal interino e eventual nos termos previstos na lexislación vixente.

e) Ordenar a instrucción de expedientes disciplinarios e apercibir e suspender preventivamente a toda clase de persoal.

f) Premiar e sancionar a todo o persoal da corporación, salvo que a sanción consista na separación do servicio ou despido do persoal laboral. Para os funcionarios de habilitación nacional estarase ó disposto nos artigos 99.4 da Lei 7/1985, do 2 de abril, e 151 do real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local.

g) A declaración de situacións administrativas, así como a xubilación de todo o persoal.

h) A asignación individualizada do complemento de productividade e das gratificacións, conforme ás normas estatais reguladoras das retribucións do persoal ó servicio das corporacións locais.

12. Elaborar os proxectos dos orzamentos coa antelación necesaria para que poidan ser aprobados pola deputación dentro do prazo sinalado.

13. Dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, e os expresamente previstos nas bases de execución do orzamento; ordenar tódolos pagamentos que se efectúen con fondos provinciais e autorizar os documentos que impliquen formalización de ingresos en Depositaría.

14. Desenvolver a xestión económica provincial conforme ó orzamento aprobado e rendir contas á corporación das operacións efectuadas en cada exercicio económico.

15. Organizar os Servicios de Recadación e Tesourería, sen prexuízo da facultade do pleno para aprobar as normas de xestión destes servicios.

16. Conservar no seu poder unha das tres chaves da arca de caudais e asistir ós arqueos ordinarios e extraordinarios.

17. Aprobar as facturas que correspondan ó desenvolvemento normal do orzamento e que fosen recibidas polos Servicios de Intervención.

18. Exercitar accións xudiciais e administrativas en caso de urxencia, dando conta ó pleno na primeira sesión que celebre.

19. Sancionar as faltas de obediencia á súa autoridade ou por infracción das ordenanzas provinciais, así como sancionar as infraccións tributarias, salvo nos casos en que tal facultade estea atribuída a outros órganos.

20. Publicar, executar e facer cumprir os acordos da deputación.

21. Aprobar os expedientes de ingreso de persoas en establecementos provinciais.

22 Administrar, conservar e mellorar o patrimonio provincial e soster e desenvolver os servicios provinciais.

23. Asegurar a xestión dos servicios propios da Comunidade Autónoma con xestión ordinaria encomendada por esta á deputación.

24. O exercicio daquelas outras atribucións que a lexislación do Estado ou a das Comunidades Autónomas asignen á deputación e non estean expresamente atribuídas a outros órganos, así como as demais que expresamente lle atribúan as leis.

Artigo 39

O presidente dará conta sucinta á corporación en cada sesión ordinaria do pleno das resolucións que adoptase desde a última sesión plenaria ordinaria para que os deputados coñezan o desenvolvemento da administración provincial para os efectos do control e fiscalización da xestión dos órganos de goberno a que se refire o artigo 33.2, e) da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Artigo 40

1. O presidente poderá delegar as súas atribucións, salvo as mencionadas no artigo 34.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, nos termos previstos neste artigo e nos seguintes:

2. O presidente pode efectuar delegacións en favor da Comisión de Goberno, como órgano colexiado. En tal caso, os acordos adoptados por esta en relación coas materias delegadas terán o mesmo valor que as resolucións que non delegase, sen prexuízo da súa adopción conforme ás regras de funcionamento da comisión.

3. O presidente pode delegar o exercicio de determinadas atribucións nos membros da Comisión de Goberno, sen prexuízo das delegacións especiais que para cometidos específicos poida realizar en favor de calquera deputado, aínda que non pertencese a aquela comisión.

As delegacións xenéricas referiranse a unha ou varias áreas ou materias determinadas, e poderán abarcar tanto a facultade de dirixir os servicios correspondentes como a de xestionalos en xeral, incluída a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.

4. Así mesmo o presidente poderá efectuar delegacións especiais en calquera deputado, para a dirección e xestión de asuntos determinados incluídos nas citadas áreas. Neste caso, o deputado que desempeñe unha delegación xenérica, terá a facultade de supervisar a actuación dos deputados con delegacións especiais, para cometidos específicos incluídos na súa área.

5. As delegacións especiais poderán ser de dous tipos:

a) Relativas a un determinado servicio. Neste caso a delegación comprenderá a dirección interna e a xestión dos servicios correspondentes pero non poderá incluír a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.

b) Relativas a un proxecto ou asunto determinado. Neste caso a eficacia da delegación, que poderá conter tódalas facultades delegables do presidente, incluída a de emitir actos que afecten a terceiros, limitarase ó tempo de xestión ou execución do proxecto.

Artigo 41

1. Tódalas delegacións a que se refire o artigo anterior serán realizadas mediante decreto do presidente que conterá o ámbito dos asuntos a que se refire a delegación, as facultades que se deleguen, así como as condicións específicas do exercicio destes, na medida en que se concreten ou aparten do réxime xeral previsto neste regulamento.

2. A delegación de atribucións do presidente producirá efectos desde o día seguinte ó da data do decreto, salvo que nela se dispoña outra cousa, sen prexuízo da súa preceptiva publicación no Boletín Oficial da Provincia.

3. As normas dos apartados anteriores, serán aplicables a calquera modificación posterior das delegacións.

4. De tódalas delegacións e das súas modificacións darase conta ó pleno na primeira sesión que este celebre con posterioridade ás mesmas.

Artigo 42

As delegacións que pode outorgar o presidente a teor do disposto no artigo 40, parágrafo 3, deste regulamento, deberán adaptarse ás grandes áreas en que se organicen os servicios administrativos da deputación.

Volver al índice
Dos vicepresidentes

Artigo 43

1. Os vicepresidentes serán libremente nomeados e cesados polo presidente, de entre os membros da Comisión de Goberno.

Os nomeamentos e os cesamentos faranse mediante resolución do presidente, da que dará conta ó pleno na primeira sesión que se celebre, e publicaranse no Boletín Oficial da Provincia, sen prexuízo da súa efectividade desde o día seguinte ó da sinatura da resolución polo presidente, se nela non se dispón outra cosa.

2. A condición de vicepresidente pérdese, ademais de polo cesamento, por renuncia expresa manifestada por escrito e por pérdeda da condición de membro da Comisión de Goberno.

Artigo 44

1. Corresponde ós vicepresidentes, en canto tales, substituír na totalidade das súas funcións e pola orde do seu nomeamento, ó presidente, nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que imposibilite a este para o exercicio das súas atribucións, así como desempeñar as funcións do presidente nos supostos de vacante na presidencia ata que tome posesión o novo presidente.

2. Cando durante a celebración dunha sesión, abstense de intervir o presidente, en relación a algún punto concreto da mesma, conforme ó previsto no artigo 76 da Lei 7/1985, do 2 de abril, substituirao automaticamente na presidencia da mesma, o vicepresidente a quen corresponda.

Artigo 45

Nos supostos de substitución do presidente, por razóns de ausencia ou enfermidade, o vicepresidente que asuma as súas funcións, non poderá revogar as delegacións que tivese outorgado o primeiro, en virtude do disposto no artigo 40 deste regulamento.

Volver al índice
De pleno

Artigo 46

O pleno da deputación está integrado por tódolos deputados, e é presidido polo seu presidente.

Artigo 47

Corresponden ó pleno, unha vez constituído conforme ó disposto na lexislación electoral xeral, as seguintes atribucións:

1.º. Elixir e destituír ó presidente do seu cargo conforme ás regras establecidas na lexislación electoral.

2.º. Controlar e fiscalizar os órganos de goberno provinciais.

3.º. A organización da deputación.

4.º. A aprobación do regulamento orgánico e das ordenanzas e demais disposicións de carácter xeral que sexan da competencia provincial.

5.º. Aprobar o cadro de persoal e a relación de postos de traballo da corporación, conforme ás normas estatais previstas no artigo 90.2 a Lei 7/1985, do 2 de abril, e determinar o número e características do persoal eventual así como aprobar a oferta anual de emprego público.

6.º. A fixación da contía global das retribucións complementarias, dentro dos límites máximos e mínimos e demais prescricións establecidas nas normas estatais de desenvolvemento do artigo 93 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

7.º. Aprobar as bases das probas para a selección de persoal, con suxeición ás normas regulamentarias que dicte o Estado en aplicación da autorización conferida polo artigo 100.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

8.º. Aprobar as bases que teñan de rexer nos concursos de provisión de postos de traballo, con suxeición ás normas básicas que dicte o Estado, segundo o previsto no artigo 90.2 e no 101 da Lei 7/1985, do 2 de abril, e resolver motivadamente os concursos a que se refire o artigo 102.2 da mesma Lei.

9.º. A autorización ou denegación de compatibilidade do persoal ó servicio da entidade local para un segundo posto ou actividade no sector público. así como a resolución motivada recoñecendo a compatibilidade ou declarando a incompatibilidade do citado persoal para o exercicio de actividades profesionais, laborais, mercantís ou industriais fóra da entidade local, a que se refiren os artigos 9 e 14 da Lei 5311984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servicio das Administracións públicas.

10. Separar do servicio ós funcionarios da corporación, ratificar o despedimento do persoal laboral e impoñer sancións por faltas graves ou moi graves ós funcionarios con habilitación de carácter nacional que non supoñan a destitución do cargo nin a separación definitiva do servicio.

11. A determinación dos recursos propios de carácter tributario, a aprobación e modificación dos orzamentos, a disposición de gastos nos asuntos da súa competencia e a aprobación das contas.

12. Acordar as operacións de crédito ou garantía e conceder perdóns e esperas, así como o recoñecemento extraxudicial de créditos.

13. A alteración da cualificación xurídica dos bens da provincia, despois do expediente no que se acredite a súa oportunidade e legalidade.

14. A adquisición de bens e a transacción sobre estes, así como o seu alleamento ou calquera outro acto de disposición incluíndo a cesión gratuíta a outras administracións ou institucións públicas e ás institucións privadas de interese público sen ánimo de lucro.

15. A concesión, arrendamento ou cesión de uso de bens por máis de cinco anos, sempre que a súa contía exceda do 10 por 100 dos recursos ordinarios do seu orzamento.

16. O exercicio de accións administrativas e xudiciais e a defensa nos procedmentos incoados contra a deputación.

17. A exposición de conflictos de competencias a outras entidades locais e demais administracións públicas.

18. A aceptación da delegación de competencias feita por outras administracións públicas.

19. A transferencia de funcións e actividades a outras administracións públicas ou a aceptación das transferidas.

20. A aprobación do Plan anual provincia¡ de cooperación ás obras e servicios de competencia municipal e dos demais plans que corresponda establecer á Deputación provincial de acordo coa lexislación, vixente.

21. A aprobación de plans xerais de estradas e o establecemento de servicios de comunicacións provinciais e de abastecemento de enerxía eléctrica.

22. A aprobación da forma de xestión dos servicios e dos expedientes de provincialización.

23. A creación, modificación e disolución de organismos e establecementos provinciais.

24. A contratación de obras, servicios e subministracións cunha duración de máis dun ano ou esixan créditos superiores ós consignados no orzamento anual da corporación e a aprobación dos pregos de condicións gerais a que deban suxeitarse os contratos da orporación.

25. A aprobación dos proxectos de obras cando a contratación da súa execución sexa da súa competencia conforme ó disposto no apartado anterior.

26. Informar dos expedientes de creación ou supresión de concellos da provincia, cando corresponda; os de alteración de termos municipais, cando afecten á delimitación provincial, así como os de constitución de mancomunidades en relación ó proxecto de Estatutos e os de creación de comarcas e áreas metropolitanas.

27. A aprobacion da adopción e modificación da bandeira, insignia, escudo ou brasón da provincia.

28. A concesión de medallas, emblemas, condecoracións ou outros distintivos honoríficos e conferir títulos de fillos predilectos ou adoptivos ou de membros honorarios da corporación.

29. Aquelas outras que deban corresponder ó pleno por esixir a súa aprobación unha maioría especial, conforme ó disposto no artigo 47 da Lei 711985, do 2 de abril, e as demais que expresamente lle outorguen as leis.

Artigo 48

1. O pleno da Deputación provincial pode delegar en todo, ou en parte, calquera das súas atribucións no presidente e na Comisión de Goberno, coa excepción das enumeradas nos artigos 35 b), segundo inciso, da Lei 7/1985, do 2 de abril e 28.2 do real decreto legislativo 781/1986, do 18 de abril.

2. O acordo plenario polo que se produza a delegación, que se adoptará por maioría simple, producirá efectos desde o día seguinte ó da súa adopción, sen prexuízo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Estas regras tamén serán de aplicación ás modificacións posteriores do dito acordo.

3. O acordo de delegación conterá o ámbito dos asuntos a que a mesma se refira e as facultades concretas que se delegan, así como as condicións específicas de exercicio das mesmas na medida en que se concreten ou aparten do réxime xeral previsto neste regulamento.

4. As delegacións do pleno en materia de xestión financeira poderán así mesmo conferirse, a través das bases de execución do orzamento.

 

Volver al índice
Da Comisión de Goberno

Artigo 49

1. A Comisión de Goberno está integrada polo presidente, que a preside, e os deputados nomeados libremente por el como membros desta.

2. O número de deputados ós que o presidente pode nomear membros da Comisión de Goberno, non poderá ser superior ó tercio do número legal de membros da corporación. Para os efectos do cómputo, non se terán en conta os decimais que resulten de dividir por tres o número total de deputados.

3. O presidente pode destituír libremente, en todo momento, a calquera dos membros da Comisión de Goberno.

4. Os nomeamentos e cesamentos serán adoptados coas formalidades prescritas no número 1 do artigo 43 deste regulamento.

5. Poderán ser obxecto dunha soa resolución do presidente o nomeamento como membro da Comisión de Goberno e a delegación de atribucións a que se refire o artigo 40 deste regulamento.

Artigo 50

1. É atribución propia e indelegable da Comisión de Goberno a asistencia permanente ó presidente no exercicio das súas atribucións. A tal fin, a Comisión de Goberno será informada de tódalas decisións do presidente. Esta información terá carácter previo á adopción da decisión, sempre que a importancia así o requira.

2. Así mesmo, a Comisión de Goberno exercerá as atribucións que lle deleguen, en virtude do disposto nos artigos 40 e 48, o presidente ou o pleno, e tamén aquelas atribucións que expresamente lle asignen as leis.

3. O réxime das delegacións do presidente e do pleno na Comisión de Goberno, rexerase polo disposto nos artigos 40, 41 e 48 deste regulamento.

 

Volver al índice
Dos requisitos de celebración das sesións

Artigo 51

As sesións do pleno poden ser de tres tipos:

a) Ordinarias.

b) Extraordinarias.

c) Extraordinarias de carácter urxente.

Artigo 52

1. Son sesións ordinarias aquelas que teñen unha periodicidade preestablecida. A dita periodicidade será fixada por acordo do propio pleno adoptado en sesión extraordinaria, que terá que convocar o presidente dentro dos trinta días seguintes ó da sesión constitutiva da corporación e non poderá exceder do límite trimestral a que se refiere o artigo 46.2.a) da Lei 7/1985, do 2 de abril.

2. Son sesións extraordinarias aquelas que convoque o presidente con tal carácter, por iniciativa propia ou a solicitude da cuarta parte, cando menos, do número legal de membros da corporación. Tal solicitude terá que facerse por escrito no que se razoe o asunto ou asuntos que a motiven, asinado persoalmente por todos os que a subscriben. A relación de asuntos incluídos no escrito non enerva a facultade do presidente para determinar os puntos da orde do día, se ben a exclusión por este dalgún dos asuntos propostos deberá ser motivada.

3. A convocatoria da sesión extraordinaria por instancia de membros da corporación deberá efectuarse dentro dos catro días seguintes á petición e non poderá demorarse a súa celebración por máis de dous meses desde que o escrito tivese entrada no Rexistro Xeral.

4. Contra a denegación expresa ou presunta da solicitude a que se refire o parágrafo anterior, poderán interpoñerse polos interesados os correspondentes recursos, sen prexuízo de que a Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma respectiva poida facer uso das facultades a que se refire o artigo 65 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Artigo 53

Son sesións extraordinarias urxentes as convocadas polo presidente cando a urxencia do asunto ou asuntos a tratar non permite convocar a sesión extraordinaria coa antelación mínima de dous días hábiles esixida pola Lei 7/1985, do 2 de abril.

Neste caso debe incluírse como primeiro punto da orde do día o pronunciamento do pleno sobre a urxencia. Se esta non resulta apreciada polo pleno, levantarase acto seguido a sesión.

Artigo 54

1. Corresponde ó presidente convocar tódalas sesións do pleno. A convocatoria das sesións extraordinarias terá que ser motivada.

2. Á convocatoria das sesións acompañarase a orde do día comprensivo dos asuntos a tratar co suficiente detalle, e os borradores de actas de sesións anteriores que deban ser aprobados en cada sesión.

3. A convocatoria, orde do día e borradores de actas deberán ser notificados ós deputados no seu domicilio.

4. Entre a convocatoria e a celebración da sesión non poderán transcorrer menos de dous días hábiles, excepto no caso das sesións extraordinarias urxentes.

Artigo 55

1. A convocatoria para unha sesión, ordinaria ou extraordinaria, dará lugar á apertura do correspondente expediente, no que deberá constar:

a) Relación de expedientes conclusos que a secretaría prepare e poña a disposición da presidencia.

b) A fixación da orde do día polo presidente.

c) As copias das notificacións cursadas ós membros da corporación.

d) Copia do anuncio no taboleiro de edictos da deputación e, no seu caso, prensa local.

e) Minuta da acta.

f) Copias dos oficios de remisión dos acordos adoptados ás Administracións do Estado e Comunidade Autónoma.

g) Publicación dos acordos no taboleiro de edictos.

2. É preceptiva a notificación ós membros das corporacións locais das correspondentes ordes do día, na Secretaría Xeral deberá quedar debidamente acreditado o cumprimento deste requisito.

Artigo 56

1. A orde do día das sesións será fixado polo presidente que para tal efecto poderá reclamar a asistencia do secretario. Así mesmo, poderá solicitar a asistencia dos membros da Comisión de Goberno, e consultar se o considera oportuno ós voceiros dos grupos existentes na corporación.

2. Na orde do día só poden incluírse os asuntos que fosen previamente dictaminados, informados ou sometidos a consulta da Comisión Informativa que corresponda.

3. O presidente, por razóns de urxencia debidamente motivada, poderá incluír na orde do día, por iniciativa propia ou a proposta dalgún dos voceiros, asuntos que non fosen previamente informados pola respectiva Comisión Informativa, pero neste suposto non poderá adoptarse acordo algún sobre estes asuntos sen que o pleno ratifique a súa inclusión na orde do día.

4. Na orde do día das sesións ordinarias incluirase sempre o punto de rogos e preguntas.

Artigo 57

Serán nulos os acordos adoptados en sesións extraordinarias sobre asuntos non comprendidos na súa convocatoria, así como os que se adopten en sesións ordinarias sobre materias non incluídas na respectiva orde do día, agás especial e despois da declaración de urxencia feita polo órgano correspondente, co voto favorable da maioría prevista no artigo 47.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Artigo 58

Toda a documentación dos asuntos incluídos na orde do día que debe servir de base ó debate e, no seu caso, votación, deberá estar a disposición dos membros da Corporación desde o mesmo día da convocatoria na Secretaría desta.

Calquera membro da corporación poderá, en consecuencia, examinala e incluso obter copias de documentos concretos que a integre, pero os orixinais non poderán saír do lugar en que se encontren postos de manifesto.

O horario para exame dos expedientes será o correspondente ó normal de oficinas.

Excepcionalmente cando o número ou a importancia dos asuntos así o requira, poderá ser ampliado pola presidencia mediante resolución motivada que deberá ser posta en coñecemento dos señores deputados e da Secretaría Xeral.

Artigo 59

1. O pleno celebrará as súas sesións no pazo provincial ou sede da corporación de que se trate, excepto nos supostos de forza maior nos que, a través da convocatoria ou dunha resolución do presidente dictada previamente e notificada a tódolos membros da corporación, poderá habilitarse outro edificio ou local para tal efecto. En todo caso, farase constar en acta esta circunstancia.

2. En lugar preferente do salón de sesións estará colocada a efixie da S.M. El-Rei.

Artigo 60

1. As convocatorias das sesións, as ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo e dictames das Comisións Informativas redactaranse, en todo caso, en lingua castelá.

Utilizarase, así mesmo, a lingua galega nos termos establecidos na lexislación da Comunidade Autónoma.

2. Nos debates poderán utilizarse, indistintamente, a lingua castelá ou a galega.

Artigo 61

Toda sesión, sexa ordinaria ou extraordinaria, haberá de respectar o principio de unidade de acto e procurarase que remate no mesmo día do seu comezo. Se esta acabase sen que se tivesen debatido e resolto tódolos asuntos incluídos na orde do día, o presidente poderá levantar a sesión. Neste caso os asuntos non debatidos terán que incluírse na orde do día da seguinte sesión.

Durante o transcurso da sesión, o presidente poderá acordar interrupcións ó seu prudente arbitrio, para permitir as deliberacións dos grupos, por separado, sobre a cuestión debatida, ou para descanso nos debates.

Artigo 62

1. Serán públicas as sesións do pleno. Non obstante, poderá ser secreto o debate e a votación daqueles asuntos que poidan afectar ó dereito fundamental dos cidadáns a que se refire o artigo 18.1 da Constitución Española, cando así se acorde por maioría absoluta.

2. Para ampliar a difusión auditiva ou visual do desenvolvemento das sesións poderán instalarse sistemas megafónicos ou circuítos cerrados de televisión.

3. O público asistente ás sesións non poderá intervir nestas, nin tampouco poderán permitirse manifestacións de agrado ou desagrado, podendo o presidente proceder, en casos extremos, á expulsión do asistente que por calquera causa impida o normal desenvolvemento da sesión.

Artigo 63

Os membros da corporación tomarán asento no salón de sesións unidos ó seu grupo. A orde de colocación dos grupos determinaraa o presidente, oídos os voceiros, tendo preferencia o grupo formado polos membros da lista que obtivese maior número de votos. En calquera caso, a colocación dos membros da corporación tenderá a facilitar a emisión e reconto de votos.

Artigo 64

1. Para a válida constitución do pleno requírese a asistencia dun tercio do número legal de membros da corporación, que nunca poderá ser inferior a tres. Este quórum deberá manterse durante toda a sesión. En todo caso requírese a asistencia do presidente e do secretario da corporación ou de quen legalmente os sustitúan.

2. Se en primeira convocatoria non existise o quórum necesario segundo o disposto no número anterior, entenderase convocada a sesión automaticamente á mesma hora, dous días despois. Se tampouco daquela se acadase o quórum necesario, a presidencia deixará sen efecto a convocatoria pospoñendo o estudio dos asuntos incluídos na orde do día para a primeira sesión que se celebre con posterioridade, sexa ordinaria ou extraordinaria.

 

Volver al índice
Dos debates

Artigo 65

1. As sesións comezarán preguntando o presidente se algún membro da corporación ten que formular algunha observación á acta da sesión anterior que se distribuiu coa convocatoria. Se as houbese debatiranse e decidirán as rectificacións que procedan.

En ningún caso poderá mortificarse o fondo dos acordos adoptados e só caberá corrixir os meros erros materiais ou de feito.

Ó revisar, en cada acta, a lectura e aprobación da anterior consignaranse as observacións e rectificacións practicadas.

2. Tódolos asuntos debatiranse e votaranse pola orde en que estivesen relacionados na orde do día.

3. Non obstante o disposto no número anterior, o presidente pode alterar a orde dos temas, ou retirar un asunto cando a súa aprobación esixise unha maioría especial e esta non se puidese obter no momento previsto inicialmente na orde do día.

4. Nas sesións ordinarias, concluído o exame dos asuntos incluídos na orde do día e antes de pasar á quenda de rogos e preguntas, o presidente preguntará se algún grupo político desexa someter á consideración do pleno, por razóns de urxencia, algún asunto non comprendido na orde do día. que acompañaba á convocatoria, e que non teña cabida no punto de rogos e preguntas.

Se así fose, o voceiro do grupo propoñente xustificará a urxencia da moción e o pleno votará, acto seguido, sobre a procedencia do seu debate. Se o resultado da votación fose positivo seguirase o procedemento previsto no artigo 67 e seguintes deste regulamento.

O disposto neste apartado non será de aplicación, en ningún caso, ás mocións de censura das que a tramitación, debate e votación se rexerán polo establecido no artigo 81 deste regulamento.

Artigo 66

1. Calquera deputado poderá pedir, durante o debate, a retirada dalgún expediente incluído na orde do día, para o efecto de que se incorporen a este documentos ou informes, e tamén que o expediente quede sobre a mesa, aprazándose a súa discusión para a seguinte sesión. En ambos casos o pedimento será votado, logo de rematar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto. Se a maioría simple votase a favor da petición non haberá lugar a votar a proposta de acordo.

2. No suposto de que se trate de asuntos non incluídos na orde do día que requiran informe preceptivo da secretaría ou da intervención, se non puidesen emitilo no acto, deberán solicitar do presidente que se aprace o seu estudio quedando sobre a mesa ata a próxima sesión.

Cando a dita petición non fose atendida o secretario farao constar expresamente na acta.

Artigo 67

A consideración de cada punto incluído na orde do día comezará coa lectura, íntegra ou en extracto, polo secretario, do dictame formulado pola Comisión Informativa correspondente ou, se se trata dun asunto urxente, non dictaminado pola mesma, da proposición que se somete ó pleno. A solicitude de calquera grupo deberá darse lectura íntegra a aquelas partes do expediente ou do informe ou dictame da Comisión que se considere conveniente para mellor comprensión.

Se ninguén solicitase a palabra trala lectura, o asunto someterase directamente a votación.

Artigo 68

1. Se se promove o debate, as intervencións serán ordenadas polo presidente conforme ás seguintes regras:

a) Só poderá facerse uso da palabra logo da autorización do presidente.

b) O debate iniciarase cunha exposición e xustificación da proposta, a cargo dalgún membro da Comisión Informativa que a dictaminase nos demais casos, dalgún dos membros da corporación que subscriban a proposición ou moción, en nome propio ou do colectivo ou órgano municipal propoñente desta.

c) A continuación, os diversos grupos consumirán unha primeira quenda. O presidente velará para que tódalas intervencións teñan unha duración igual.

d) Quen se considere aludido por unha intervención poderá solicitar do presidente que se conceda unha quenda por alusións, que será breve e concisa.

e) Se o solicitase algún grupo, procederase a unha segunda quenda. Consumida esta, o presidente pode dar por rematada a discusión que se cerrará cunha intervención do relator na que brevemente ratificará ou modificará a súa proposta.

f) Non se admitirán outras interrupcións que as do presidente para chamar á orde ou á cuestión debatida.

2. Os membros da corporación poderán en calquera momento do debate pedir a palabra para formular unha cuestión de orde, invocando para o efecto a norma da que reclama aplicación. O presidente resolverá o que proceda, sen que por este motivo se emprenda debate algún.

3. Os funcionarios responsables da Secretaría e da Intervención poderán intervir cando fosen requeridos polo presidente por razóns de asesoramento técnico ou aclaración de conceptos. Cando os ditos funcionarios entendan que no debate se formulou algunha cuestión sobre a que poida dubidarse sobre a legalidade ou repercusións orzamentarias do punto debatido poderán solicitar ó presidente o uso da palabra para asesorar á corporación.

Artigo 69

1. O presidente poderá chamar á orde a calquera membro da corporación que:

a) Profira palabras ou verta conceptos ofensivos ó decoro da corporación ou dos seus membros, das institucións públicas, ou de calquera outra persoa ou entidade.

b) Produza interrupcións ou, de calquera outra forma, altere a orde das sesións.

c) Pretenda facer uso da palabra sen que se lle teña sido concedida ou unha vez que lle fose retirada.

2. Tras tres chamadas á orde na mesma sesión, con advertencia na segunda das consecuencias dunha terceira chamada, o presidente poderá obrigalo a que abandone o local en que se estea celebrando a reunión, adoptando as medidas que considere oportunas para facer efectiva a expulsión.

Artigo 70

Nos supostos en que, de conformidade co establecido no artigo 76 da Lei 7/1985, algún membro da corporación deba absterse de participar na deliberación e votación, deberá abandonar o salón mentres se discuta e vote o asunto, excepto cando se trate de debater a súa actuación como corporativo, en que terá dereito a permanecer e defenderse.

Artigo 71

Para os efectos do desenvolvemento das sesións e para definir o carácter das intervencións dos membros da corporación, utilizarase a seguinte terminoloxía:

1. Dictame, é a proposta sometida ó pleno tralo estudio do expediente pola Comisión Informativa. Contén unha parte expositiva e un acordo a adoptar.

2. Proposición, é a proposta que se somete ó pleno relativa a un asunto incluído na orde do día, que acompaña á convocatoria, en virtude do disposto no artigo 54.2 deste regulamento. Conterá unha parte expositiva ou xustificación e un acordo, así mesmo, a adoptar. Non procederá entrar a debater nin votar unha proposición sen que previamente se teña ratificado, de acordo co disposto no referido artigo 56.3 a inclusión do asunto na orde do día.

3. Moción, é a proposta que se somete directamente a coñecemento do pleno ó abeiro do previsto no artigo 65.4 deste regulamento. Poderá formularse por escrito ou oralmente.

Entregarase con anterioridade ós grupos políticos e, en caso de ser necesario dictame da comisión, os termos da súa aprobación referiranse só a ese trámite.

4. Voto particular, é a proposta de modificación dun dictame formulada por un membro que forma parte da Comisión Informativa. Deberá acompañar ó dictame desde o día seguinte á súa aprobación pola comisión.

5. Emenda, é a proposta de modificación dun dictame ou proposición presentada por calquera membro, mediante escrito presentado ó presidente antes de iniciarse a deliberación do asunto.

6. Rogo, é a formulación dunha proposta de actuación dirixida a algúns dos órganos de goberno. Os rogos formulados no seo do pleno poderán ser debatidos, pero en ningún caso sometidos a votación.

Poden presentar rogos tódolos membros da corporación, ou os grupos a través dos seus voceiros.

Os rogos poderán ser efectuados oralmente ou por escrito e serán debatidos xeralmente na sesión seguinte, sen prexuízo de que o poidan ser na mesma sesión en que se formulen se o presidente o considera conveniente.

7. Pregunta, é calquera cuestión presentada ós organismos de goberno no seo do pleno. Poden formular preguntas tódolos membros da corporación, ou os grupos a través dos seus voceiros.

As preguntas formuladas oralmente no transcurso dunha sesión serán xeralmente contestadas polo seu destinatario na sesión seguinte, sen prexuízo de que o preguntado queira darlle resposta inmediata.

As preguntas formuladas por escrito serán contestadas polo seu destinatario na sesión seguinte, sen prexuízo de que o preguntado queira darlle resposta inmediata.

As preguntas formuladas por escrito con vintecatro horas de antelación, serán contestadas ordinariamente na sesión ou, por causas debidamente motivadas, na seguinte.

 

Volver al índice
Das votacións

Artigo 72

1. Rematado o debate dun asunto, procederase á súa votación.

2. Antes de comezar a votación o presidente formulará clara e concisamente os termos da mesma e a forma de emitir o voto.

3. Unha vez iniciada a votación non pode interromperse por ningún motivo. Durante o desenvolvemento da votación o presidente non concederá o uso da palabra e ningún membro corporativo poderá entrar no salón ou abandonalo.

4. Rematada a votación ordinaria, o presidente declarará o acordado.

5. Inmediatamente despois de concluír a votación nominal, o secretario computará os sufraxios emitidos e anunciará en voz alta o seu resultado, en vista do cal o presidente proclamará o acordo adoptado.

Artigo 73

1. O pleno da corporación adopta, os seus acordos, como regra xeral, por maioría simple dos membros presentes. Existe maioría simple cando os votos afirmativos son máis que os negativos.

2. Entenderase por maioría absoluta cando os votos afirmativos son máis da metade do número legal de membros da corporación.

3. Entenderase que existe a maioría requerida nos artigos 47.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, cando os votos afirmativos igualen ou superen ós dous tercios do número de feito de membros que integran a corporación e, en todo caso, maioría absoluta do seu número legal.

Só no suposto do artigo 29.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, a maioría de dous tercios se refiere ó número legal de membros da corporación.

4. No caso de que, de acordo co procedemento establecido no parágrafo primeiro do artigo 182 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, non quedasen máis posibles candidatos ou suplentes a nomear, os quórum de asistencia e votación previstos na lexislación vixente entenderanse automaticamente referidos o número de feito de membros da corporación subsistente, de conformidade co disposto no citado precepto electoral.

5. O voto dos deputados é persoal e indelegable.

Artigo 74

1. O voto pode emitirse en sentido afirmativo ou negativo, podendo os membros da corporación absterse de votar.

Para os efectos da votación correspondente considerarase que se absteñen os membros da corporación que se ausentasen do salón de sesións unha vez iniciada a deliberacion dun asunto e non estivesen presentes no momento da votación. No suposto de que se reintegrasen ó salón de sesións antes da votación poderán, desde logo, tomar parte na mesma.

2. No caso de votacións con resultados de empate efectuarase unha nova votación, e se persistise o empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 75

As votacións poden ser ordinarias, nominais e secretas.

Son ordinarias as que se manifestan por signos convencionais de asentimento, disentimento ou abstención.

Son nominais aquelas votacións que se realizan mediante chamamento por orde alfabética de apelido e sempre en último lugar o presidente e na que cada membro da corporación, ó ser chamado, responde en voz alta "si" "non" "abstéñome".

Son secretas as que se realizan por papeleta que cada membro da corporación vai depositando nunha furna ou bolsa.

Artigo 76

1. O sistema normal de votación será a votación ordinaria.

2. A votación nominal requerirá a solicitude dun grupo municipal aprobada polo pleno por unha maioría simple en votacion ordinaria.

3. A votación secreta só poderá utilizarse para elección ou destitución de persoas.

Artigo 77

Proclamado o acordo, os grupos que non interviñesen no debate ou que, logo deste, cambiasen o sentido do seu voto, poderán solicitar do presidente unha quenda de explicación de voto.

Volver al índice
Do control e fiscalización polo pleno da actuación dos demais órganos de goberno

Artigo 78

1. O control e fiscalización polo pleno da actuación dos demais órganos de goberno, exercerase a través dos seguintes medios:

a) Requerimento de presencia e información de membros corporativos que desempeñen delegación.

b) Debate sobre a actuación da Comisión de Goberno.

c) Moción de censura ó presidente.

Artigo 79

1. Todo membro da corporación que por delegación do presidente teña a responsabilidade dunha área de xestión, estará obrigado a comparecer ante o pleno, cando este así o acorde, co obxecto de responder ás preguntas que se lle formulen sobre a súa actuación.

2. Acordada por pleno a comparecencia mencionada no apartado anterior, o presidente incluirá o asunto na orde do día da próxima sesión ordinaria ou extraordinaria a celebrar pola corporación, notificando ó interesado o acordo adoptado e a data en que se celebrará a sesión en que deberá comparecer. Entre esta notificación e a celebración da sesión deberán transcorrer, polo menos, tres días.

3. No desenvolvemento da comparecencia seguirase a orde das intervencións establecidas no artigo 68 deste regulamento, intervindo o informante para dar resposta ás preguntas que formulen os diversos grupos políticos da corporación. En ningún caso, desta comparecencia, poderá derivar a adopción de acordos sen cumprir os requisitos establecidos no artigo 57 deste regulamento.

Artigo 80

1. O pleno, a proposta do presidente ou mediante solicitude da cuarta parte, polo menos, do número legal de membros corporativos, poderá acordar a celebración de sesión extraordinaria co obxecto de someter a debate a xestión da Comisión de Goberno.

2. O desenvolvemento da sesión a que fai referencia o apartado anterior suxeitarase ó establecido con carácter xeral, intervindo en primeiro lugar o autor da proposta para explicar o significado da mesma. Contestará un membro da Comisión de Goberno designado por esta e, despois de senllas quendas de réplica, poderán intervir os demais grupos políticos da corporación para formular preguntas á Comisión de Goberno, que serán contestadas por un membro da mesma.

3. Como consecuencia do debate poderá presentarse unha moción co obxecto de que o pleno manifeste a súa posición sobre a xestión da Comisión de Goberno. Se o pleno admite debater a moción, esta incluirase na orde do día na seguinte sesión plenaria, ordinaria ou extraordinaria.

Artigo 81

As mocións de censura ó presidente axustaranse ó disposto na lexislación xeral electoral.

 

Volver al índice
Das actas

Artigo 82

1. De cada sesión o secretario levantará acta na que terá que constar:

a) Lugar da reunión con expresión do nome da provincia, concello e local en que se celebra.

b) Día, mes e ano.

c) Hora en que comeza.

d) Nome e apelidos do presidente, dos membros da corporación presentes, dos ausentes que se desculpasen e dos que falten sen escusa.

e) Carácter ordinario ou extraordinario da sesión, e se se celebra en primeira ou en segunda convocatoria.

f) Asistencia do secretario, ou de quen legalmente o sustitúa, e presencia do funcionario responsable da intervención, cando concorra.

g) Asuntos que examinen, opinións sintetizadas dos grupos ou membros da corporación que interviñesen nas deliberacións e incidencias destas.

h) Votacións que se verifiquen e no caso das nominais o sentido en que cada membro emita o seu voto. Nas votacións ordinarias farase constar o número de votos afirmativos, dos negativos e das abstencións. Farase constar nominalmente o sentido do voto cando así o pidan os interesados.

i) Parte dispositiva dos acordos que se adopten.

j) Hora en que o presidente levante a sesión.

2. De non celebrarse sesión por falta de asistentes, ou outro motivo, o secretario suplirá a acta cunha dilixencia autorizada coa súa sinatura, na que consigne a causa e nomes dos concorrentes e dos que desculpasen a súa asistencia.

Artigo 83

1. Será aplicable á redacción das actas o disposto no artigo 60 en canto á utilización das linguas.

2. Se o secretario non coñecese a lingua cooficial da Comunidade Autónoma á que pertencese a entidade local, a redaccion do texto da acta na lingua cooficial será realizada por unha persoa idónea designada pola corporación, quen asinará a traducción.

A acta será aprobada na súa versión bilingüe e da mesma certificará o secretario coa salvedade, polo que se refire á versión traducida, de que así resulta da súa traducción.

3. A acta, unha vez aprobada polo pleno, transcribirase no Libro de Actas autorizándoa coas sinaturas do presidente e do secretario.

Volver al índice
Funcionamento da Comisión de Goberno

Artigo 84

1. A Comisión de Goberno celebrará sesión constitutiva convocada polo presidente, dentro dos dez días seguintes a aquel en que fosen designados os membros que a integran.

2. En defecto de previsión expresa a Comisión de Goberno celebrará sesión ordinaria cada quince días como mínimo.

3. Corresponde ó presidente fixar, mediante decreto, o día e hora en que deba celebrarse a sesión ordinaria.

4. As sesións extraordinarias e as urxentes terán lugar cando, con tal carácter sexan convocadas polo presidente.

5. O presidente poderá en calquera momento reunir á Comisión de Goberno cando considere necesario coñecer o seu parecer ou pedir a súa asistencia con anterioridade a dictar resolucións, en exercicio das atribucións que lle correspondan.

6. As sesións celebraranse no pazo provincial ou edificio que sexa sede da entidade, agás nos supostos de forza maior.

Artigo 85

1. As sesións da Comisión de Goberno axustaranse ó establecido para o pleno nos artigos anteriores coas modificacións seguintes:

a) Entre a convocatoria e a celebración da sesión non poderán transcorrer menos de vintecatro horas, excepto no caso das sesións extraordinarias e urxentes nas que, antes de entrar a coñecer os asuntos incluídos na orde do día, deberá ser declarada a urxencia por acordo favorable da maioría dos membros.

b) As sesións da Comisión de Goberno non serán públicas, sen prexuízo da publicidade e comunicación ás Administracións Estatal e Autonómica dos acordos adoptados. Ademais no prazo de dez días deberá enviarse a tódolos membros da corporación copia da acta.

c) Para a válida constitución da Comisión de Goberno requírese a asistencia dun tercio dos seus compoñentes. Se non existise quórum, constituirase en segunda convocatoria, unha hora despois da sinalada para a primeira.

d) O presidente dirixe e ordena, ó seu prudente arbitrio, os debates no seo da Comisión.

e) Nos casos en que a Comisión de Goberno exerza competencias delegadas polo pleno, será preceptivo o informe previo da Comisión informativa correspondente.

f) As actas das sesións da Comisión de Goberno, transcribiranse en libro distinto do das sesións do pleno.

2. A Comisión de Goberno nas súas reunións deliberantes non poderá adoptar ningún acordo, formalizándose o resultado das deliberacións, no seu caso, en forma de dictames, nos termos do artigo 71.1 deste regulamento.

3. Tanto nas sesións como nas reunións da Comisión de Goberno, o presidente poderá requirir a presencia de membros da corporación non pertencentes á Comisión de Goberno, ou de persoal ó servicio da entidade, co obxecto de informar no relativo ó ámbito das súas actividades.

4. Cando a Comisión de Goberno exerza competencias delegadas polo pleno ou que lle foran asignadas polas leis, adoptará os seus acordos mediante votación formal, segundo as normas establecidas no presente regulamento.

Volver al índice
Réxime xeral das delegacións entre os órganos necesarios

Artigo 86

1. A delegación de atribucións requirirá, para ser eficaz, a súa aceptación por parte do delegado. A delegación entenderase aceptada tacitamente se no prazo de tres días hábiles contados desde a notificación do acordo o membro ou órgano destinatario da delegación non fai manifestación expresa ante o órgano delegante, de que non acepta a delegación.

2. As delegacións do pleno no presidente ou na Comisión de Goberno e as do residente nesta última, como órgano colexiado, non quedarán revogadas polo simple feito de producirse un cambio na titularidade da presidencia ou na composición concreta da Comisión de Goberno.

3. A revogación ou modificación das delegacións terá que adaptarse coas mesmas formalidades que as esixidas para o seu outorgamento.

Artigo 87

Se non se dispón outra cousa, o órgano delegante conservará as seguintes facultades en relación coa competencia delegada:

a) A de recibir información detallada da xestión da competencia delegada e dos actos ou disposicións emanados en virtude da delegación.

b) A de ser informado previamente á adopción de decisións de trascendencia.

c) Os actos dictados polo órgano delegado no exercicio das atribucións delegadas enténdense dictados polo órgano delegante, correspondendo, en consecuencia, a este a resolución dos recursos de reposición que poidan interpoñerse, salvo que no decreto ou acordo de delegación expresamente se confira a resolución dos recursos de reposición contra os actos dictados polo órgano delegado.

Artigo 88

O órgano delegante poderá revogar en calquera momento a competencia delegada conforme á lexislación vixente sobre procedemento administrativo común.

No caso de revogar a delegación, o órgano que teña a competencia orixinaria, poderá revisar as resolucións tomadas polo órgano ou autoridade delegada nos mesmos casos e condicións establecidas para a revisión de oficio dos actos administrativos.

Artigo 89

Ningún órgano poderá delegar nun terceiro as atribucións ou potestades recibidas por delegación doutro órgano.

Artigo 90

A delegación de atribucións entenderase indefinida, salvo que a resolución ou acordo da delegación dispoña outra cousa, ou a temporalidade desta se derive da propia natureza da delegación.

 

Volver al índice
Órganos complementarios: composición e atribucións

Artigo 91

Son órganos complementarios da Deputación provincial.

a) Os deputados delegados.

b) As Comisións Informativas.

c) A Comisión Especial de Contas.

d) Os Consellos Sectoriais.

e) Os órganos desconcentrados e descentralizados para a xestión de servicios.

 

Volver al índice
Dos deputados-delegados

Artigo 92

1. Os deputados-delegados son aqueles deputados que posúen algunhas das delegacións de atribucións do presidente, previstas nos números 3, 4 e 5 do artigo 40 deste regulamento.

2. Pérdese a condición de deputado-delegado:

a) Por renuncia expresa, que deberá de ser formalizada por escrito ante a presidencia.

b) Por revogación da delegación, adoptada polo presidente coas mesmas formalidades previstas para outorgala.

Artigo 93

1. Os deputados-delegados terán as atribucións que se especifiquen no respectivo decreto de delegación, e exercerannas de acordo co que nel se prevexa, en función dos distintos tipos contemplados no artigo 40 deste regulamento e no marco das regras que alí se establecen.

2. Se a resolución ou acordo de delegación se refire xenericamente a unha materia ou sector de actividade sen especificación de potestades, entenderase que comprende todas aquelas facultades, dereitos e deberes referidos á materia delegada, que corresponden ó órgano que ten asignadas orixinariamente as atribucións, coa soa excepción das que segundo a Lei 7/1985, do 2 de abril, non sexan delegables.

3. No non previsto na presente sección serán de aplicación as normas xerais establecidas nos artigos 86 a 90 deste regulamento.

 

Volver al índice
Das Comisións Informativas

Artigo 94

1. As Comisións Informativas, integradas exclusivamente por membros da corporación, son órganos sen atribucións resolutorias que teñen por función o estudio, informe ou consulta dos asuntos que deban ser sometidos á decisión do pleno e da Comisión de Goberno cando esta actúe con competencias delegadas polo pleno, salvo cando teñan que adaptarse acordos declarados urxentes.

2. Igualmente informarán daqueles asuntos de competencia propia da Comisión de Goberno, e do presidente, que lles sexan sometidos ó seu coñecemento por expresa decisión daqueles.

Artigo 95

1. As Comisións Informativas poden ser permanentes e especiais.

2. Son Comisións Informativas permanentes as que se constitúen con carácter xeral, distribuíndo entre elas as materias que deban de someterse ó pleno. O seu número e denominación iniciais, así como calquera variación das mesmas durante o mandato corporativo, decidirase mediante acordo adoptado polo pleno a proposta do presidente, procurando no posible, a súa correspondencia co número e denominación das grandes áreas en que se estructuran os servicios corporativos.

3. Son Comisións Informativas Especiais as que o pleno acorde constituír para un asunto concreto, en consideración ás súas características especiais de calquera tipo.

Estas comisións extínguense automaticamente unha vez que dictaminen ou informen sobre o asunto que constitúe o seu obxecto, excepto que o acordo plenario que as creou, dispuxese outra cousa.

Artigo 96

No acordo de creación das Comisións Informativas determinarase a composición concreta das mesmas, tendo en conta as seguintes regras:

a) O presidente da corporación, é o presidente nato de todas elas; sen embargo, a presidencia efectiva poderá delegala en calquera membro da corporación.

b) Cada comisión estará integrada de forma que a súa composición se axeite á proporcionalidade existente entre os distintos grupos políticos representados na corporación.

c) A adscrición concreta a cada comisión dos membros da corporación que deban formar parte desta en representación de cada grupo, realizarase mediante escrito do voceiro do mesmo dirixido ó presidente, e do que se dará conta ó pleno. Poderá designarse, de igual forma, un suplente por cada titular.

Artigo 97

1. Os dictames das Comisións Informativas teñen carácter preceptivo e non vinculante.

2. En supostos de urxencia, o pleno ou a Comisión de Goberno, poderá adoptar acordos sobre asuntos non dictaminados pola correspondente Comisión Informativa, pero, nestes casos, do acordo adoptado deberá darse conta á Comisión Informativa na primeira sesión que se celebre. A proposta de calquera dos membros da Comisión Informativa, o asunto deberá ser incluído na orde do día do seguinte pleno con obxecto de que este delibere sobre a urxencia acordada, en exercicio das súas atribucións de control e fiscalización.

Artigo 98

1. A Comisión Especial de Contas é de existencia preceptiva segundo dispón o artigo 116 da Lei 7/1985, do 2 de abril, e a súa constitución, composición e integración e funcionamento axústase ó establecido para as demais Comisións Informativas.

2. Corresponde á Comisión Especial de Contas o exame, estudio e informe de tódalas contas presupostarias e extrapresupostarias que deba aprobar o pleno da corporación, de acordo co establecido na lexislación reguladora da contabilidade das entidades locais.

3. A Comisión Especial de Contas poderá actuar como Comisión Informativa permanente, para os asuntos relacionados coa economía e facenda da entidade.

 

Volver al índice
Regras especiais de funcionamento das Comisións Informativas

Artigo 99

1. As Comisións Informativas celebrarán sesións ordinarias coa periodicidade que acorde o pleno no momento de constituílas, nos días e horas que estableza o presidente da corporación, ou o seu respectivo presidente, quen poderán así mesmo, convocar, sesións extraordinarías ou urxentes destas. O presidente da corporacón ou o presidente da comisión, estará obrigado a convocar sesión extraordinaria cando o solicite a cuarta parte, polo menos, dos membros da comisión. Neste caso, e polo que respecta á orde do día. aplicarase o disposto no artigo 56 deste regulamento.

2. As sesións poden celebrarse na sede da entidade respectiva ou noutras dependencias desta.

3. As convocatorias corresponden ó presidente da corporación ou ó presidente da comisión e deberán ser notificadas ós membros da comisión, ou, no seu caso, ós grupos municipais cunha antelación de dous días hábiles, excepto as urxentes. En todo caso, acompañarase a orde do día.

Artigo 100

1. A válida celebración das sesións require a presencia dun tercio dos componentes da comisión, xa sexan titulares ou suplentes, en primeira convocatoria ou en segunda convocatoria que terá lugar unha hora máis tarde.

2. O presidente dirixe e ordena, ó seu prudente arbitrio, respectando os principios xerais que rexen os debates plenarios, os debates da comisión.

3. Os dictames aprobaranse sempre por maioría simple dos presentes, decidindo os empates o presidente con voto de calidade.

Artigo 101

1. Ningunha comisión poderá deliberar sobre asuntos que non son da súa competencia, a menos que se trate de problemas comúns, nese caso o presidente da corporación poderá convocar, a proposta dos das respectivas comisóns, unha sesión conxunta.

2. O dictame da comisión poderá limitarse a amosar a súa conformidade coa proposta que lle sexa sometida polos servicios administrativos competentes ou ben formular unha alternativa.

3. Os membros da comisión que disintan do dictame aprobado por esta, poderán pedir que conste o seu voto en contra ou formular voto particular para a súa defensa ante o pleno.

Artigo 102

1. O presidente de cada comisión poderá requirir a presencia, nas súas sesións, de persoal ou membros da corporación para efectos informativos.

Ás sesións da Comisión de Facenda asistirá, en todo caso, o funcionario responsable da Intervención.

2. De cada sesión das Comisións Informativas levantarase acta á que se acompañarán os dictames que fosen aprobados e os votos particulares que fosen formulados a aqueles.

Artigo 103

En todo o non previsto nesta sección serán de aplicación as disposicións sobre funcionamento do pleno.

 

Volver al índice
Disposición final

Este regulamento entrará en vigor ó día seguinte do prazo establecido no artigo 70.2 en relación ó 65.2 da Lei 7/85 do 2 de abril.

A Coruña, 14 de marzo de 1989.-O presidente, José Manuel Romay Beccaría.-O secretario xeral, Julián L. Alonso Fontúrbel.