Páxinas
Novas

Novas de deportes

A Deputación da Coruña destina 789.150 euros a financiar actividades deportivas nos concellos da provincia
Páxinas suxeridas

A Deputación da Coruña destina 789.150 euros a financiar actividades deportivas nos concellos da provincia

10 de Maio de 2016

A Deputación da Coruña destina 789.149,99 euros a financiar actividades deportivas en 90 concellos e catro entidades supramunicipais da provincia (Consorcio das Mariñas, e mancomunidades de Ferrol, Ordes e Arousa Norte).

As achegas provinciais oscilan entre os 18.000 euros que percibirán concellos como A Coruña ou Arteixo e os 2.210 que percibirán municipios como Cerdido.

A través desta liña de subvencións, a institución provincial financia numerosas actividades deportivas nos concellos coruñeses, fundamentalmente programadas polas escolas deportivas municipais, pero tamén outros eventos como as carreiras C42, C21 e C10 da Coruña, a campaña de natación do Concello do Pino, os programas Actívate e Noia Saudable dos concellos de Vimianzo e Noia, o trofeo de fútbol "Memorial alcalde Candocia" das Somozas, ou o Rallymix Terra de Xallas de Santa Comba.

O deputado responsable da área de Deportes da institución provincial, José García Liñares, destacou a importancia desta programa para manter o calendario de actividades deportivas que anualmente programan os municipios coruñeses e apuntou que completa a axuda recentemente aprobada polo Goberno provincial para apoiar os concellos na contratación de técnicos deportivos municipais.

"En conxunto, ambas as dúas liñas supoñen case 1,5 millóns de euros de investimento para fomentar o deporte e a actividade física nos concellos", afirmou García Liñares, que subliñou ademais que o goberno provincial traballa tamén na elaboración das bases dun plan de mellora das infraestruturas deportivas ao que poderán optar os municipios da provincia.