Páxinas
Novas

Novas de deportes

Image Slider
A Deputación destina preto dun millón de euros á contratación de técnicos deportivos nos concellos da provincia
Páxinas suxeridas
O ano pasado 75 dos 93 concellos da provincia contaron cun técnico deportivo grazas ao apoio económico da institución provincial

A Deputación destina preto dun millón de euros á contratación de técnicos deportivos nos concellos da provincia

24 de Xaneiro de 2018

A Deputación da Coruña subvencionará a contratación de persoal técnico deportivo nos concellos durante o 2018. Esta liña de axudas, que convoca anualmente a institución provincial, está dotada cun orzamento de 980.000, e está dirixida a todos os concellos e entidades locais da provincia.

Durante o ano 2017, un total de 75 concellos coruñeses contrataron a un técnico de deportes grazas ao apoio da institución provincial. As axudas destínanse a custear as nóminas, a seguridade social e os contratos de servizos, cun importe máximo de 15.000 euros para cada municipio. Os concellos poderán contratar a graduados universitarios en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou a técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas.

O deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, destacou que "con este programa perséguense dous obxectivo". Por unha banda, "contribuír á creación de postos de traballo na provincia", facilitando que os concellos contraten persoal cualificado, e por outra, "fomentar a práctica de actividades deportivas", especialmente entre a mocidade e as persoas maiores.

Asemade, a liña de axudas da Deputación permitirá desenvolver programacións deportivas estables e homoxéneas, durante todo o ano e en todos os concellos da provincia, independentemente do seu tamaño.

Os concellos interesados en concorrer a estas subvencións poden presentar as súas solicitudes ata o día 15 de febreiro, ás 14.00 horas.