Páxinas
Novas

Novas de deportes

Image Slider
A área de Igualdade da Deputación impulsa o deporte feminino co programa “Conquista os Elementos”
Páxinas suxeridas
23 concellos da Coruña acollerán os Vídeo Forums artellados pola Deputación

A área de Igualdade da Deputación impulsa o deporte feminino co programa “Conquista os Elementos”

15 de Decembro de 2017

A deputada e responsable da área de Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, presentou está mañá o programa "Conquista os Elementos", unha nova iniciativa da institución que ten por obxecto incrementar a visibilidade do deporte feminino na sociedade.

O acto de presentación serviu para expor as principais características dun programa que afondará na divulgación, sensibilización e visualización do deporte feminino na provincia da Coruña

A través do programa "Conquista os Elementos", a Deputación persegue unha serie de obxectivos entre os que se atopan: fomentar á participación da muller no deporte, promover cambios nos medios de comunicación á hora de abordar a información deportiva feminina –tanto no tempo que lle adica como na linguaxe escrita e icónica que emprega-, coeducar en valores como a igualdade de oportunidades, eliminar estereotipos ou promocionar a equiparación entre o deporte feminino e masculino.

Durante a súa intervención, Ánxela Franco subliñou a necesidade de darlle "unha maior visibilidade ao deporte feminino", á vez que lamentou a "pouca presencia social e nos medios de comunicación" que se lle está a dar na actualidade, pese a contar con grandes campioas en diferentes modalidades deportivas."Parece que o que no sae nos medios no existe", sinalou a deputada provincial.

Así mesmo, Ánxela Franco instou as diferentes administracións, asociacións e federacións deportivas a traballar en prol da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no mundo do deporte, avogando por unha feminización do eido.

"Non se pode falar de deportes de homes e de mulleres porque as mulleres están xa en todas as modalidades deportivas, o que acontece é que non se ven" reivindicou a responsable de Igualdade..

A campaña "Conquista os Elementos", cuxo nome deriva do documental "Contra os elementos", elaborado pola mesmo departamento da Deputación, rotará polas 18 comarcas da provincia da Coruña durante os vindeiros 12 meses, e serán un total de 23 concellos os que acollan a realización de outros tantos Vídeo Forums, nos que ademais da visualización do documental, levaranse a cabo relatorios e debates en torno ao deporte feminino. Uns encontros no que participarán mulleres deportistas e diferentes persoas representativas do deporte galego.

Neste sentido, o Concello de Santiago de Compostela albergará o primeiro destes forums o vindeiro día 19 de xaneiro. Un evento no que participarán a docente das Ciencias do Deporte da UDC, Cristina López Villar, a xornalista María Obelleiro, e o vogal da agrupación Deportiva de Baloncesto feminino As Fontiñas, Adrián Dios.

A listaxe de concellos que acollerán os encontros "Conquista os elementos" complétana: Arzúa, Ribeira, Negreira, Carballo, Betanzos, A Coruña, Oleiros, Cambre. Arteixo, As Pontes, Ferrol, Narón, Cee, Muros, Porto do Son, Ordes, Ortigueira, Ames, Padrón, Melide, Vimianzo e Santa Comba.