Páxinas
Novas

Novas de deportes

Image Slider
A Deputación destina máis dun millón de euros ás infraestruturas deportivas da comarca de Ferrol
Páxinas suxeridas
A través do Plan único, a institución provincial financia reparacións e melloras no carril bici de Ferrol e os campos e pavillóns polideportivos de Mugardos, Ortigueira, Pontedeume e As Pontes

A Deputación destina máis dun millón de euros ás infraestruturas deportivas da comarca de Ferrol

19 de Setembro de 2017

A Deputación da Coruña, a través do Plan único, destina este ano un total de 1.092.082 euros ás infraestruturas deportivas da comarca de Ferrol, Eume e Ortegal.

Os concellos que solicitaron os fondos do novo plan provincial para este tipo de obras foron Ferrol, Mugardos, Ortigueira, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, co obxectivo de mellorar as dotacións, a accesibilidade ou o estado de conservación de diversas instalacións municipais.

En Ferrol, a Deputación contribúe con 116.154,43 euros a financiar a reparación do carril bici no paseo marítimo de Caranza. As obras afectarán a un tramo de preto de 1,5 quilómetros de lonxitude, que se atopa moi deteriorado, con irregularidades e desniveis no firme debido ao crecemento das raíces das árbores. Por isto, será preciso cortar as árbores, para posteriormente escavar e sanear o firme, coa colocación dunha lámina de xeotéxtil e unha nova soleira. O novo pavimento será de granito, con acabado pulido en cor. En substitución das árbores, plantaranse arbustos máis adaptados á zona, e tamén se instalarán novas sinalizacións para mellorar a seguridade viaria.

En canto ao Concello de Mugardos, as obras executaranse no campo municipal da Pedreira. A Deputación destina 120.067 euros a estes traballos, que consistirán na construción de novos vestiarios, que estarán dotados de medidas de accesibilidade universal.

A nova edificación substituirá ao módulo prefabricado co que conta na actualidade o campo, fronte á grada principal. A estrutura será de formigón armado e contará cun cerramento de dobre folla e illamento, aproveitando a instalación actual de saneamento, electricidade, fontanería e caldeira de gas. Os novos vestiarios estarán divididos en dúas zonas diferenciadas, e en cada unha delas haberá dúas cabinas accesibles, co obxectivo de garantir que as persoas con mobilidade reducida tamén poidan facer usos das instalacións municipais.

Reparacións nas cubertas e melloras nas dotacións dos polideportivos

No Concello de Ortigueira, o Plan único permitirá, cunha achega de 47.944,99 euros, reformar o pavillón polideportivo do colexio CEIP José M. Lage, situado no núcleo urbano de Santa Marta. Estas instalacións utilízanse tanto para as actividades de educación física do colexio como polo resto de veciños do municipio, xa que se trata do único pavillón do concello.

As actuacións consistirán principalmente en evitar a entrada de auga de choiva, que ocasiona graves desperfectos no inmoble. Para isto, desmontarase parte do cerramento  exterior, levantaranse as carpinterías en mal estado e retiraranse os caleiros, as baixantes e os selados das ventás. Posteriormente, instalaranse novos illamentos, acristalamentos de seguridade nas fiestras e nas portas de emerxencias selaranse as ventás con silicona. En canto á cuberta, repararanse os desperfectos e colocarase unha chapa de aluminio na fachada sur para evitar infiltracións de auga, así coma novos caleiros e baixantes.

Paralelamente, tamén se levarán a cabo obras de conservación no edificio, coma o lavado das pinturas das vigas e piares metálicos, a limpeza do terreo no perímetro do edificio e o repintado exterior e interior.

Tamén no Concello de Pontedeume levarase a cabo a renovación da cuberta do polideportivo municipal da Casqueira. Neste caso, a Deputación destina 158.781,46 euros ás obras, que inclúen a instalación dunha chapa de aceiro prelacada en cor vermello e placas translúcidas para reparar os desperfectos que provocan infiltracións na cuberta.

Así mesmo, substituiranse os caleiros, as baixantes e os remates laterais, co obxectivo de garantir a correcta evacuación das augas pluviais que non se produzan futuros danos a causa da humidade. Neste sentido, instalarase tamén ventilación mecánica nas duchas para evitar na medida do posible a condensación.

Doutra banda, tamén se actuará no interior dos vestiarios, co obxectivo de renovar as instalacións e adaptalos ás normativas vixentes. Así, demoleranse e reporanse os azulexados das duchas, os tabiques e as carpinterías en mal estado. Tamén se renovarán os pavimentos e as losetas, os sumidoiros, as duchas, os lavabos, as encimeiras, as lámpadas, os bancos, os colgadoiros metálicos e outros elementos que se atopen deteriorados.

Para adecuar as instalacións ás necesidades das persoas con mobilidade reducida, instalaranse aparatos sanitarios adaptados e barras de apoio nas duchas.

Novo campo de fútbol e rugby no Poboado das Veigas

Tras o convenio asinado recentemente entre ENDESA e o Concello das Pontes de García Rodríguez, as instalacións deportivas do Poboado das Veigas pasan a ser de propiedade municipal, polo que a corporación local pretende poñelas en valor e melloralas para favorecer a práctica deportiva.

Con este obxectivo, o Plan único da Deputación destina un total de 649.134,57 euros para acometer as obras de demolición e de instalación de céspede artificial nas instalacións que veñen sendo utilizadas polos 200 nenos e nenas do Club Deportivo As Pontes, ademais da práctica doutros deportes coma o rugby, o tiro con arco ou o fútbol gaélico.

As dimensións do novo campo deportivo serán de 111x71 metros, cunha superficie total de 7.881 metros cadrados. Este espazo dividirase para permitir a práctica tanto de fútbol coma de rugby, segundo as medidas homologadas.

Así mesmo, executarase unha beirarrúa perimetral de formigón de 2 metros de ancho en tres dos lados, e de 3,5 metros no outro para permitir o paso da maquinaria que poida ser necesaria para os labores de mantemento e coidado do campo.

As obras inclúen tamén a roza e a limpeza do terreo, a instalación de saneamento, rego, iluminación e todo o equipamento necesario para a práctica deportiva.