Páxinas
Novas

Novas de deportes

Image Slider
As probas, que combinan natación e obstáculos, recaudarán fondos para promover o acceso ao deporte das persoas con discapacidade
Páxinas suxeridas
  • Deportes
    Información relacionada coa promoción do deporte na provincia
  • Calendario
    Axenda de actividades deportivas
  • Bolsas
    Bolsas de investigación, estudos artísticos, deportistas, danza, etc.
  • Contacto
    Información de contacto do área de Deportes da Deputación
  • Características
  • Teléfonos
    Listado de teléfonos de interés da Deputación Provincial
  • Difusión
Co seu apoio á iniciativa, a Deputación aposta pola integración das persoas con diversidade funcional a través do deporte

A praia de Sabón, en Arteixo, acolle mañá a última proba do Circuíto de Travesías ENKI Pro, patrocinado pola Deputación

08 de Setembro de 2017

A Praia de Sabón, en Arteixo, acollerá na tarde de mañá, sábado 9 de setembro, a derradeira proba do Circuíto de Travesías a nado ENKI Pro, unha serie de probas deportivas inclusivas aberta a todos os públicos que combina natación e obstáculos e que ten como obxectivo recadar fondos para promover o acceso ao deporte de nenos e nenas con diversidade funcional, así como axudar ao adestramento de deportistas con discapacidade.

Baixo o lema "Os soños entrénanse", a proba de Arteixo clausurará o circuíto, cuxas tres primeiras etapas xa se disputaron durante este verán nas Pontes, Laxe e A Pobra do Caramiñal.

Unha aposta pola integración

A Deputación colabora co Proxecto ENKI na organización deste evento deportivo, como "unha aposta pola integración das persoas con diversidade funcional a través do deporte", segundo destacou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso.

As probas contan coa participación de Ángel López, nadador profesional que sofre dunha tetraplexía dende o ano 2003 a causa dun accidente de tráfico, o que non lle impediu seguir practicando natación e ser subcampión de España en 150 metros estilos en dúas ocasións.

Ángel foi elixido como protagonista da campaña #TeReto pola súa condición de deportista de alto nivel e non por ser un atleta con diversidade funcional. Fiel ao espírito de ENKI, que busca levar a integración ao seu máximo expoñente tratando de igual a igual a todas as persoas que gocen da práctica do deporte, o presidente da entidade invitou ao público a participar xunto a el neste esixente pero divertido circuíto de travesías a nado con obstáculos.

A Travesías ENKI de Arteixo contará con catro categorías: Pezqueñines (que se desenvolverá na beira), Kids ( 300 metros e 7 obstáculos), Travesía Pro curta (1.150 metros e 10 obstáculos) e Travesía Pro (2.000 metros e 15 obstáculos). Haberá agasallos para todos os participantes e premios para os tres primeiros de cada categoría (masculina e feminina). Ademais, ao finalizar esta etapa coñecerase aos vencedores do Circuíto Open de ENKI Pro, que serán os que máis puntos acumulen tras completar as catro travesías.

Todos os fondos recadados con este circuíto provincial de travesías destinaranse ao Club ENKI para a promoción do deporte entre as persoas con diversidade funcional, especialmente entre os máis pequenos.

Xogos pola integración

En paralelo á celebración da Travesías ENKI Pro, desenvolveranse durante toda a xornada unha serie de xogos abertos a todos os públicos que permiten reproducir a experiencia que vive un deportista con diversidade funcional cando adestra ou participa nunha proba deportiva.

Tenis e atletismo en cadeira de rodas, fútbol a cegas, handbikes, goalball e outros deportes adaptados poderán ser xogados nun espazo de máis de 100 metros cadrados aberto á participación do público, co que se pretende dar a coñecer cómo é práctica do deporte para unha persoa con diversidade funcional.