Páxinas
Novas

Novas de deportes

Image Slider
A praia de Pantín, en Valdoviño, acolleu esta mañá a presentación da trixésima edición do Pull&Bear Pantín Classic
Páxinas suxeridas
  • Deportes
    Información relacionada coa promoción do deporte na provincia
  • Calendario
    Axenda de actividades deportivas
  • Bolsas
    Bolsas de investigación, estudos artísticos, deportistas, danza, etc.
  • Contacto
    Información de contacto do área de Deportes da Deputación
  • Características
  • Teléfonos
    Listado de teléfonos de interés da Deputación Provincial
  • Difusión
O deputado provincial Bernardo Fernández destacou “a gran magnitude” que alcanzou a competición nos seus trinta anos de historia, e que contribuíu a “situar a Valdoviño e a comarca de Ferrol no mapa do surf mundial”

O Pantín Classic chega á súa 30 edición consolidado coma unha proba de referencia no surf mundial

28 de Agosto de 2017

A praia de Pantín, en Valdoviño, acolleu esta mañá a presentación da trixésima edición do Pull&Bear Pantín Classic, o campionato de surf máis antigo e internacional de cantos se celebran en España, na que participaron representantes das diferentes institucións e empresas que colaboran na organización deste evento deportivo que reúne a algúns dos mellores surfistas internacionais.

O acto contou coa asistencia do deputado provincial Bernardo Fernández; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey; a directora xeral de Turismo, Nava Castro; os alcaldes de Valdoviño e Ferrol, Alberto González e Jorge Suárez, entre outras autoridades e representantes das entidades patrocinadoras do evento.

Bernardo Fernández destacou "a gran magnitude" que alcanzou a competición nos seus trinta anos de historia, e que contribuíu a "situar a Valdoviño e a comarca de Ferrol no mapa do surf mundial". Así mesmo, subliñou a contribución da Deputación da Coruña, non só na promoción do Pantín Classic, senón tamén "na mellora das infraestruturas, os accesos e a sinalización das praias da zona", que constitúen un destino único para a práctica do surf.

Neste sentido, Fernández destacou que a competición de Pantín foi unha das pioneiras en "promover a práctica do surf en Galicia, cando era un deporte moito menos coñecido" e contribuíu á súa popularización, achegando ás costas ferrolás competicións de gran magnitude a nivel mundial.

Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, destacou a colaboración entre administracións e patrocinadores privados, que "confiaron neste evento desde 1987", así coma dos veciños e veciñas do municipio e de todos aqueles que "facilitan e poñen o seu grao de area" para a organización do Pantín Classic. "Debemos destacar que todo este traballo se fixo desde un concello pequeno", destacou González e reiterou o seu agradecemento a todos os concellos da comarca ferrolá "que tamén colaboran para que o Pantín Classic siga sendo posible".

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, sostivo que o apoio de patrocinadores e institucións "supón unha garantía de estabilidade e continuidade" do campionato; un punto no que tamén incidiu o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, que destacou que "na comarca de Ferrol, temos que estar orgullosos de ter aquí o evento dedicado ao surf máis importante de Galicia".

A directora xeral de Turismo, Nava Castro, destacou a importante repercusión do evento a nivel turístico, e puxo de relevo a importancia de "coidar e manter o medio ambiente, posto que a natureza é o primeiro motivo polo que os turistas elixen Galicia".
Vicente Irisarei, un dos precursores do Pantín Classic e ex alcalde de Ferrol, destacou o longo traballo realizado ao longo destas tres décadas para consolidar a competición coma unha proba de referencia a nivel mundial. "Nestes anos, pasaron moitas cousas, pero seguen presentes as ondas de sempre", afirmou Irisarei, que apuntou que o Pantín Classic tamén serviu para "unir a mozos de todas as culturas en torno ao mar".