Mar Vicente
Detalle Caja de reflexiones, 2005
Acrílico sobre madeira enteada. 25x25x10 cm.

Cultura de redes, multimedia e segundas vidas

Fran Pérez Lorenzo
Xornalista cultural de O Correo Galego

Poucos de nós hoxe seriamos quen de formular o noso presente fóra dese espazo integral que é Internet. Nese magma de información e de fluxos, desenvolvemos todas as accións que concirnen á nosa individualidade. En Internet somos, falamos, ollamos e ouvimos; en Internet construímos cada hora das nosas vidas, diluímos fronteiras e articulamos nexos anteriormente inexistentes. E creamos comunidades: grupos funcionais, de interese, unidos por gustos e opcións persoais, non delimitados polo ditado dun lugar, unha imposición horaria ou un contorno laboral concreto.

Esta relectura das relacións sociais ao abeiro da rede é, porén, menos utópica do que, de primeiras, podería parecer. Second life, por exemplo. Millóns de persoas, (entre elas quince mil galegos, segundo as estimacións da firma The Cocktail Analysis) pasean diariamente por ese contorno virtual que é unha recreación en tres dimensións do mundo que habitamos. Avatares de robóticos movementos deambulan por un universo paralelo onde é posíbel mercar un coche, asistir a un concerto ou quedar cuns amigos para tomar algo. As empresas, as universidades e as institucións públicas acudiron xa á chamada desta Segunda Vida. Mais agora, cando esta sociedade limitada se converteu no must informativo-tecnolóxico dos xornais e das televisións, alguén deu xa a voz de alarma: Second Life frea o seu ascenso, as visitas non medran o agardado, o consumo non se estabiliza e o seu futuro inmediato será, pouco menos, o dun páramo desolado.

A capacidade infinita da rede de redes, a contaminación ou disolución das fronteiras entre o virtual e o real e os avances tecnolóxicos que redebuxan a nosa cotianeidade están a producir mudanzas substanciais non só no xeito de nos comunicar, senón na percepción do tempo e do espazo que habitamos. Da mesma maneira, as culturas, integradas como están por procesos de comunicación, mudan ao mesmo ritmo. E, en parte, porque o territorio que vai da realidade ás súas representacións simbólicas é cada día máis borroso, máis difícil de identificar.

A interactividade cultural do multimedia

Habitamos un contexto multimedia en que conviven todos os estímulos, canles e medios; un macroinstrumento de creación, produción, difusión e comunicación do que nós mesmos facemos parte e que está atravesado por un concepto esencial: a interactividade. Ese multimedia dixital interactivo é a nosa auténtica Segunda Vida, o noso contorno simbólico. Así o explica Manuel Castells no primeiro volume da súa triloxía sobre a era da información: “Quizais o trazo máis importante do multimedia, -di Castells- sexa que captura dentro dos seus dominios a maioría das expresións culturais en toda a súa diversidade. A súa aparición equivale á fin da separación e mesmo da distinción, entre medios audiovisuais e impresos, cultura popular e erudita, entretemento e información, educación e persuasión”. “Toda expresión cultural –continúa-, da peor á mellor, da máis elitista á máis popular, se reúne neste universo dixital, que conecta nun supertexto histórico e xigantesco as manifestacións pasadas, presentes e futuras da mente comunicativa. Ao facelo, constrúe un novo contorno simbólico. Fai da virtualidade a nosa realidade”.

As novas tecnoloxías que erguen ese contexto non son simples instrumentos, senón que, cada día máis, nos fan repensar a realidade e, polo tanto, transfigurala. Son un medio, claro, mais tamén un motor do cambio; sobre todo porque as novas tecnoloxías, o novo  contorno virtual, a sociedade rede rompe os lazos con esa realidade que até o de agora coñecemos e pon en crise conceptos tradicionais como o de corpo, espazo, experiencia… A rede está apuntando, ademais, modelos inéditos de coñecemento, formas de tratar a información, de a almacenar.

A finais dos anos trinta do século XX, Maurice Blanchot en Le dernier mot escribía que xa daquela deixara de existir unha biblioteca de referencia que estruturara os coñecementos. Cada persoa debería entón construír os seus propios puntos de referencia. Desapareceu ese corpus de coñecemento organizado, académico, e cada un vese na obriga de afrontar esa construción que é, en gran medida, unha construción cultural. Internet veu, dalgunha maneira, exacerbar ese proceso, atomizando a cultura nun estoupido de datos, textos, imaxes, sons e xeitos de nos comunicarmos. A rede de redes é hoxe a forma cultural privilexiada mais tamén un sistema integral de acceso público que está a provocar unha mudanza das políticas culturais tradicionais, especialmente en áreas como o patrimonio (museos, arquivos…), a lectura pública (bibliotecas, bases de datos…), a literatura ou o cinema.

Unha nova relación cultural

En relación á vida dos produtos culturais, Internet e as novas tecnoloxías veñen modificando substancialmente a nosa percepción quer de produtos quer de servizos e a consideración que deles temos como efémeros ou perdurábeis. Os produtos son cada vez menos puramente produtos e os servizos son menos simplemente servizos. Asistimos a unha globalización das propostas, unha mestizaxe, unha ampliación das marxes que nos permite falar de situacións culturais, un termo que, na miña opinión, cifra a diversidade de factores, públicos, procesos e resultados que inciden na recepción dunha obra de teatro, unha exposición, un concerto ou un ciclo de danza...

A posibilidade de serializar a produción de contidos culturais condúcenos, por outra parte, a un novo paradigma ou, cando menos, a unha forma diferente de nos relacionarmos coa cultura: máis aberta, máis fluída e de acceso gratuíto e universal, con todo o que iso implica. O que permite a tecnoloxía acaba por ocorrer e a industria está a xerar unha tecnoloxía que cuestiona o seu propio negocio. Estámolo vendo-vivindo: descargas de películas, vídeos, música, textos... Sen intermediario. As redes P2P (peer to peer ou entre iguais) son o epicentro dunha interacción cos produtos culturais que resitúa o poder simbólico dos emisores tradicionais. Esas redes (os programas cos que baixamos películas ou discos) están na base do que xa se chama cultura libre, un concepto que toma o seu nome dun libro referencial Free Culture (Como os grandes medios usan a  tecnoloxía e as leis para encerrar a cultura e controlar a creatividade), de Lawrence Lessig, un avogado experto en ciberdereito e creador das licenzas Creative Commons, (CC), un marco normativo alternativo que ampara a creación, produción e distribución de produtos culturais, e que aposta por compartir a propiedade intelectual e certos dereitos como o de copia, difusión, modificación ou creación de obra derivada.

Galiza, situada á cola do Estado nos índices de penetración na rede, non é allea a este proceso se ben parte dunha posición de desvantaxe. Como lembra o mencionado Castells, “a diferenza da televisión, os consumidores de Internet son tamén os seus produtores ao proporcionaren os contidos e configuraren a rede. Así, a gran desigualdade no momento da chegada das sociedades á constelación Internet terá consecuencias perdurábeis para as pautas futuras de comunicación e de cultura mundiais”.

Malia ese desaceleramento de partida, a cultura galega ten hoxe a rede de redes como espazo definitorio das súas situacións. A catástrofe ecolóxica do Prestige e a resposta social de movementos cidadáns como Nunca Máis foi, alén dun revulsivo sen precedentes na historia recente, o punto de partida e a materialización en Galiza dalgúns dos principais presupostos da cultura de redes: a comunicación horizontal e non xerárquica, a creación de estruturas alternativas e a utilización dos novos medios, do multimedia dixital interactivo, como canle privilexiada dunha mensaxe global en que concorreron creatividade, mobilización social e acción política. Portais informativos, blogs e plataformas virtuais ergueron daquela unha visión da cultura como proceso colectivo, na medida en que a cultura supón a afirmación dunha identidade (vinculada ou non a un territorio) e que a identidade, na nosa sociedade, xa non é un pétreo monolito senón unha suma de identidades múltiples, permeábeis, non estáticas, mutábeis...

O influxo dos medios, a globalización, Internet, a flexibilidade do traballo, a debilidade das redes sociais..., fan que cada vez máis esa identidade se vincule ao mercado, ao seu poder e ás súas recompensas. Somos o que representamos nese mercado, como nacións mais, sobre todo como individuos, e ese valor establécese de xeito global. Paradoxalmente esa individualización colectiva, esa falta de soportes, esa soidade, desemboca na procura de referentes comúns, de redes de apoio e nun regreso á cultura (ao idioma propio, ao patrimonio, ao territorio...) para resituarnos no mundo e revalorizarnos, para non estarmos sós, real ou virtualmente, tanto ten. Creo que estamos nese proceso e na batalla por ese equilibrio.

 


 
 

   Atrás       Subir