Moïse Dikoff
Orden natural - 2005
Óleo sobre lenzo - 78 x 99 cm.
 
Branda
Pulso - 2005
Marquetería e acrílico sobre tea - 35 x 50 cm.
 
 
 
 

A literacidade electrónica:
un novo paradigma comunicacional

Manuel Bragado
Editor e blogueiro, director de Edicións Xerais de Galicia
e responsable de Brétemas
bretemas@gmail.com

 

Este pasado 17 de maio, no que a sociedade galega homenaxeou a Manuel Lugrís Freire, un dos constructores da idea da rexeneración da nación dende a cultura, celebramos, tamén, o “Día de Internet” e o “Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información”. Unha feliz coincidencia que obriga a reflexionar sobre as oportunidades e os retos que as novas tecnoloxías dixitais proporcionan á lingua e á cultura galegas no contexto dunha sociedade globalizada, que queremos diversa e multilingüe. Unha reflexión aínda máis necesaria, nun momento de crise e devalo da celebración do “Día das Letras Galegas” –a nosa segunda festa nacional e a primeira de carácter estritamente cultural– efeméride abondo ritualizada e afastada do interese da maioría da cidadanía que precisa ser renovada e potenciada institucionalmente explorando novos vieiros.

Literacidade electrónica globalizada

A cada tempo correspóndelle unha forma característica de ler e escribir. A lectura e a escritura sendo actividades individuais que requiren esforzo e atención conformáronse, como sinala Paulo Freire, como prácticas sociais e culturais saudables inseridas sempre nunha comunidade e tempos concretos. Ese é o fenómeno social que definimos como “literacidade” ou “cultura escrita”.

As novas tecnoloxías electrónicas propiciaron a consolidación dun novo paradigma comunicacional: o da literacidade electrónica globalizada. Durante a última década, debido aos desenvolvementos imparables e exponenciais dos fenómenos da telefonía móbil, de Internet e das linguaxes (html, stml…), formatos (tiff, jpeg, mpeg, pdf, mp3…) e estándares tecnoló-xicos (especialmente a irrupción do chamado software libre) a eles asociados, foise conformando a cultura escrita dixital, un novo xeito de ler e escribir sobre as pantallas. Un paradigma no que ninguén pode quedar alleo e do que ningunha identidade cultural, se quere existir no futuro inmediato con algunha garantía, pode quedar fóra.

Somos testemuñas e actores, sen telo escollido, da revolución comunicacional máis trascendental que ideou, dende hai cinco séculos, a humanidade, tras a invención da imprenta de tipos móbiles: a da expansión mundial da comunicación electrónica. Este é un fenómeno recentísimo que xa está modificando as nosas formas de vida. Velaí os cambios de costumes que vivimos desde a revolución introducida pola telefonía móbil, da que moi dificilmente somos capaces de subtraernos. Eis a mudanza dos nosos hábitos de comunicación a distancia (por medio de mensaxes sms, do correo electrónico, dos chat ou dos blogs, utilidades cada vez con maior número de usuarios). Outrosí, no acceso a novos produtos dixitais das industrias culturais, sexan os da música (escoitamos cancións en reprodutores de mp3 ou no propio ordenador), os da edición impresa (lemos xornais e revistas electrónicas, baixamos estensos documentos pdfs desde a Rede) ou os do audiovisual (participamos da interactividade que proporcionan as utilidades da televisión dixital terrestre). Hoxe, grazas a estas tecnoloxías electrónicas, unha parte da nosa sociedade xa le, escribe e goza das creacións culturais de forma diferente a como o facía só hai apenas cinco anos.

No seu libro máis recente, Tras las líneas (Anagrama, 2006), o profesor catalán Daniel Cassany argumenta que esta revolución dixital en marcha está provocada pola aparición dun novo discurso social sobre a lectura, a actividade cognitiva central deste proceso, que denomina “literacidade electrónica”. Fronte ao discurso tradicional das tecnoloxías analóxicas impresas, ao xeito de nova vertixe consolídase un novo discurso, un novo tipo de lectura urdida coas utilidades que lle son propias á prosa electrónica das pantallas de teléfonos móbiles e ordenadores. Lemos, escribimos ou accedemos (grazas, sobre todo, a Google, á Wikipedia, Galipedia ou a You Yube) con pasmosa facilidade á enorme cantidade de información textual e audiovisual arquivada en Internet. Facémolo de forma moi diferente a como consultamos unha enciclopedia ou un dicionario en papel, ou como e onde lemos unha novela ou un folleto informativo, porque utilizamos unhas ferramentas (que melloran as súas utilidades á velocidade espantosa) que nos proporcionan posibilidades comunicacionais e culturais poderosas e amigables que, no devir duns poucos anos, mesmo duns poucos meses poden proporcionarnos outras posibilidades hoxe inimaxinables.

A revolución na comunicación cultural provocada por esta nova literacidade non está tanto nos soportes ou na interface das pantallas que actualmente empregamos (sexa a dos teléfonos móbiles, ordenadores persoais, axendas pedeás ou consolas de vídeoxogos) senón no propio contido. Eis, nesa centralidade do contido electrónico sobre o soporte é onde reside realmente o cambio do paradigma comunicacional do que estamos falando. Un contido electrónico enriquecido polas utilidades que, tanto para o autor como o lector, supoñen a súa hipertextualidade, intertextualidade, multimodalidade e multilectura.

A hipertextualidade –a posibilidade de realizar enlaces electrónicos dentro dun mesmo texto– permite ao autor xerarquizar e ordenar a presentación da información ou da creación literaria dunha forma recorrente e esférica e ao lector acceder a ela de forma discontinua. A intertextualidade –a posibilidade de enlazar con outros textos electrónicos externos ao texto, presentes na Rede ou nun entorno dixital pechado (no caso dos libros electrónicos en soporte cederrón ou DVD)– permite ao autor establecer un sistema amplísimo de citación e ao lector acceder a un macrotexto referencial de autoría compartida. A multimodalidade –a presenza unitaria nun texto de palabras, sons e imaxes interactuando entre elas– permite ao autor crear unha nova textura (un xénero discursivo multimedia, ao que compriría atoparlle denominación) que require ao lector o emprego de novas estratexias cognitivas. Por último, a multilectura plurilingüe e intercultural –fenómeno característico do Internet de hoxe, que fai referencia ao comportamento do lector que emprega simultaneamente varias pantallas onde aparecen textos, escritos en idiomas diferentes, procedentes de contextos culturais diversos– crea un novo contexto de linguas e culturas que derruba de facto fronteiras e confronta identidades.

Os soportes analóxicos impresos (o libro e o xornal, especialmente) permaneceron estables durante cinco séculos e o proceso de alfabetización dos seus usuarios, a pesar de terse estendido, á totalidade da poboación, unha conquista democrática da que se ocupan os sistemas educativos dende apenas hai dous centos anos, apenas sufriu modificacións significativas. Non foi este o caso dos soportes dixitais electrónicos que dende a súa creación se caracterizaron pola súa enorme fraxilidade (están permanentemente en obras), sometidos ás modificacións de vertixe ocasionadas polos desenvolvementos e actualizacións constantes das novas utilidades da programación e da capacidade de miniaturización dos seus compoñentes. En menos de dúas décadas os estándares dixitais progresaron e modificaron as súas prestacións moito máis que o fixo a impresión analóxica ao longo de cinco séculos; como sinala José Antonio Millán estamos nun periodo de transición da cultura dos libros a dos bitios (considérase ao bit como unidade da textualidade electrónica) nun proceso irreversible.

Así e concluíndo, ata o que hoxe coñecemos, ao abeiro desta literacidade electrónica globalizada, apareceron novos xéneros discursivos, tanto sincrónicos (chat, sms) como asincrónicos (e-correo, blogs, páxinas web) que mudaron a textualidade, os hábitos de lectura e as formas de acceso dos seus usuarios. Cada un dos xéneros desta textualidade posúe unha configuración particular, determinada polas potencialidades informáticas e pola elección voluntaria dos usuarios. Así, a textualidade das webs adoita caracterizarse por unha prosa elaborada e correcta en base a publicación de textos non moi estensos (que ocupen apenas unha pantalla, xeralmente dúas mil matrices) escritos nun rexistro formal. Pola contra, outros xéneros como o correo electrónico, o chat, as conversas instántaneas ou os blogs empregan unha textualidade onde se vai esvaendo a distinción entre oralidade e escritura; a relaxación e redución ortotipográfica (por desleixo ou como marca de economía comunicacional), o emprego de emoticonas, xogos gráficos, puntuación selectiva ou de rexistros coloquiais son característicos destes xéneros escritos espontáneos onde se escribe e le en base a novas convencións.

Vivimos, pois, inmersos no novo paradigma da comunicación cultural dixital, que propondo retos, ofrecendo oportunidades e suscitando múltiples incertezas e problemas non resoltos introduce moitos cambios na textualidade e focaliza a importancia do contido.

Economía da atención

O primeiro efecto desta nova textualidade electrónica, tecida sobre Internet, é a súa sobreoferta informativa, feito que desorienta ao internauta máis habelencioso e experimentado. Existen hoxe máis de catro centos millóns de páxinas web (aínda que, ollo!, o cincuenta por cento do tráfico se concentra só sobre novecentas), cada día nacen un millón e medio de novas páxinas e a Rede duplica o seu tamaño cada oito meses. Diariamente circulan 20.000 millóns de correos electrónicos (cinco millóns cada minuto, moitos deles non solicitados), aos que habería que engadir as sesións de chats, os intercambios de correos instantáneos (vía msn) empregados por millóns de mozos e mozas, as descargas compartidas das redes P2P ou a actualización de milleiros de blogs persoais.

Este fenómeno de sobrecarga informativa dixital non afecta xa só aos profesionais deste novo entorno electrónico (informáticos ou investigadores), senón tamén ao conxunto dos cidadáns impotentes de xestionar a cantidade inxente de información que reciben, incapaces de metabolizar os nutrientes informativos dispostos na súa caixa de correo electrónico ou nos espazos da rede aos que acuden adoito. Razón pola que se ten definido este fenómeno como diabete informática, metáfora acaída para explicar o fenómeno de desperdicio inxente de información que se produce de forma inevitable neste modelo comunicacional. Que estratexia pode utilizar un usuario convencional, que dispón dun tempo limitado, para moverse en semellante ramallada ao alcance do seu rato?

Foi o economista Michael Goldhaber quen mellor definiu este fenómeno cando pronunciou a súa famosa frase: “vivimos nunha economía onde o ben escaso por excelencia é a atención do público, nunha Economía da Atención”. En Internet o ben máis escaso e valioso é conseguir a atención do público, é dicir atopar persoas que dispoñan “todos os seus sentidos e a mente para ter coñecemento do que se di, do que se fai ou do que está acontecemento” (segundo definición do Gran Diccionario Xerais da Lingua). Fenómeno virtual que ten o seu correlato no funcionamento do mercado globalizado real, onde, case sen excepción, en todos os sectores existe unha sobreoferta de produtos e servizos moi difícil de asimilar polo consumidor.

“Quen consiga atraer a atención do público, gañar a súa confianza e convencelo que os bens que ofrece, son o resultado da mellor escolla entre o amplo abano de todos os existentes, gañarao como cliente, pois a falta de tempo, o seu recurso máis escaso, este desexará aproveitar o traballo de descarte inicial efectuado polo proveedor, reservándose unicamente o dereito de efectuar persoalmente a elección final entre o ofertado polo seu proveedor”.

A cita corresponde ao internauta Juan Manuel Gimeno, quen xustifica así que no contexto da Economía da Atención o poder pasou do fabricante ao vendedor, que é quen decide, a fin de contas, o que pode ou non valorar o consumidor. “Hoxe o gran negocio reside en intermediar, actuando como filtro selector, entre o público e a oferta, de xeito que o usuario escolla entre aquilo que previamente lle foi seleccionado”, conclúe Gimeno (2004) para expresar a importancia dos espazos de intermediación informativa e comercial na sociedade da globalización.

En Internet, que non deixa de ser reflexo do mundo real, emprégase unha estratexia de intermediación para realizar unha escolla e filtrado de contidos e xestión de documentos entre a sobreoferta de textualidade electrónica existente. Papel decisivo que desempeñan os buscadores, sexan os xerais como Google (de feito a Biblioteca de Alexandría do novo milenio); os especializados en marcas de contido (“tags”) como Technorati ou en sindicación de contidos RSSS como Bloglines; os de formatos audiovisuais como You Tube ou Google Video que albergan millóns de vídeos; ou os buscadores monolingües, como o noso portal galego Vieiros ou o catalán Vilaweb. Intermediación comercial que realizan na rede as poderosas tendas virtuais de Amazon e E-bay ou, na minúscula escala do libro galego, Andel virtual; ou filtrado especializado que establecen os servizos de descargas de ficheiros como Emule.

Sendo así as cousas, no contexto desta literacidade electrónica globalizada, o primeiro reto comunicacional para alguén que queira publicar os seus contidos na rede é estar presente e ben posicionado nestes espazos de interme- diación. Só deste xeito poderá conquistarse a difícil atención dos lectores (valorada en termos de audiencia, como sucede nas televisións) e ir tecendo unha rede de influencia hipertextual. Xa non abonda estar en Internet, cómpre facelo posicionándose e singularizándose.

Literacidade crítica

No entorno desta nova cultura dixital é imprescindible, ademais, que cada un dos usuarios (lectores e escritores a un tempo) empregue unha perspectiva de lectura crítica, para saber diferenciar o ouro da palla e non quedar asolagados polo ruído enxordecedor emitido pola selva electrónica. Sempre é imprescindible ler con perspectiva crítica (tamén nos medios analóxicos impresos, que deitan a súa ideoloxía e posúen moita faramallada), pero moito máis o é manexando unha biblioteca electrónica tan enorme como Internet onde nin sequera existe o suposto aval ou a canonización realizada polo editor analóxico dos textos publicados.

A capacidade de buscar, atopar, avaliar e manexar datos en Internet (o que Cassany denomina literacidade informativa) é unha das habilidades máis trascendentais que esixe este novo modelo comunicacional electrónico. De moi pouco servirían os custosos investimentos de conectar todas as escolas e os fogares do país á Rede, se logo os escolares ou os cidadáns non saben atopar os vieiros para orientarse nesa selva tan espesa. Non se pode tratar a información das webs, blogs ou foros coma se fosen libros, revistas ou cartas, sen ter en conta que na Rede non existe o mesmo control que nas publicacións analóxicas impresas. É necesario asumir os riscos desa diversidade e da liberdade de publicación (unha conquista valiosa, sen dúbida, de Internet).

Ler neste novo entorno electrónico require ao usuario tomar moitas máis decisións (desde a elección do motor de busca a empregar á capacidade de diferenciar o tipo de enlaces entre os publicitarios e os hipertextuais…) ca nos soportes analóxicos, razón pola que é imprescindible unha formación máis madura e profunda para poder facelo con independencia e racionalidade. Ler na Rede semella un proceso moi doado, mais esixe dominar técnicas lectoras, informáticas e documentalistas: acertar coas palabras clave de busca, empregar as utilidades avanzadas dos buscadores, interpretar os valores das iconas, identificar webs enganosas ou identidades falsas (un perigoso andazo na Rede), determinar a autoría dos textos, analizar a fiabilidade, credibilidade e actualidade do contido… Ler neste novo entorno comuni-cacional, como sinala Cassany, non é só comprender as liñas ou o que hai detrás elas (como sucede no analóxico), senón tamén navegar, atopar, e avaliar un avultado número de textos (o que require de moito tempo e paciencia abonda) para, finalmente, enfrontarse, se hai sorte, coa información procurada nun sitio electrónico que consideramos crible, fiable e competente. En definitiva, ler neste novo entorno require lectores mellor formados e máis críticos, o que supón un reto complexísimo de alfabeti-zación e formación electrónica para os actuais sistemas educativos.

A lectura no centro do modelo

Desprazada a preeminencia do soporte analóxico sobre o contido, o novo paradigma de comunicación cultural electrónica asume a lectura como o seu elemento central, modificando radicalmente as funcións que desempeñan as industrias e as institucións da cultura analóxica, especialmente o papel dos editores e das bibliotecas. A lectura convértese así na actividade que caracteriza a comunicación cultural, concibida como un elemento transversal entre os soportes impresos e electrónicos.

Deste xeito, xa non é posible definir o libro, como se veu facendo ata agora, como un ben cultural impreso dun determinado número de páxinas encadernadas; senón, como felizmente establece o anteproxecto da nova Lei de Lectura e do Libro, como “a obra científica, literaria ou de calquera outra clase que constitúe unha publicación unitaria, editada nun ou varios volumes e que pode aparecer impresa ou en calquera outro soporte susceptible de lectura. Do mesmo xeito, enténdense incluídos nesta definición os materiais comple-mentarios de carácter impreso, visual, audiovisual ou sonoro que sexan editados conxuntamente co libro e que participen do carácter unitario do mesmo, así como calquera outra manifestación editorial”.

Con esta redefinición, recoñécese que o característico do mundo do libro non reside xa no soporte (sexa analóxico-impreso ou dixital-electrónico) e, si pola contra, na actividade que promove, a lectura. Concibida a edición deste xeito, modifícase o papel dos editores e da industria do libro que no futuro ha de estar centrado sobre a produción e distribución de contidos culturais escritos.

Outrosí sucede coa biblioteca concibida agora como unha institución cultura pública especializada no acceso á lectura dos cidadáns. A biblioteca xa non almacena e pon a disposición da súa comunidade soportes analóxicos impresos (libros, xornais e revistas), senón que debe ofrecer, tamén, todo tipo de soportes susceptibles de ser lidos, escoitados ou visionados (sexan ríxidos ou en liña). A biblioteca, neste novo modelo comunicacional electrónico, transfórmase na primeira institución cultural de cada comunidade local para acceder á nova Sociedade do Coñecemento, especializándose como un punto de acceso público tanto á rede comunicacional dixital como aos fondos documentais analóxicos. A literacidade electrónica supón unha revolución bibliotecaria.

Este modelo de convivencia do impreso e do dixital na comu-nicación cultural escrita obriga a repensar as políticas culturais públicas sobre a lectura e a modificar os usos e costumes da industria editorial e da súa cadea de valor. Aparecen así numerosos interrogantes para os que actualmente existen escasas respostas. No eido da propiedade intelectual o entorno dixital require un modelo de propiedade intelectual máis flexible (como supoñen xa as licenzas Creative Commons) para abordar tanto o feito da autoría compartida como o acceso aos contidos que, a partir de agora, non se realizan só mediante a adquisición do produto. No eido da industria editorial, o novo entorno dixital permite a actualización constante dos contidos, feito extraordinario para as obras de referencia ou educativas, o que conleva modificar o xeito de comercializalos (actividade reservada tradicionalmente ás librarías). No eido bibliotecario, o modelo comunicacional electrónico, require de novas infraestruturas e dun novo perfil profesional para a figura do bibliotecario, profesional do fomento da lectura e da documentación analóxica e dixital.

E o futuro da nosa cultura e da nosa lingua?

Neste novo entorno, cal é o futuro para a nosa lingua e para a nosa cultura minorizadas? A cultura galega, pertencente a ese delicado grupo de nacións sen estado empeñadas en continuar no novo século sen claudicar de si mesmas, instaladas no horizonte difícil da globalización dixitalizada e da nova Europa irremediablemente, digo, a cultura galega (e polo tanto a lectura en galego) deberá facer fronte a non poucos desafíos, dificultades e contradiccións.

Este é o reto da nova modernidade: o salto cualitativo que nos permita non quedar descolgados da trepidante carreira dos tempos, abocados a unha encrucillada histórica de semellante trascendencia á que significou a imprenta no século XV. Entón, o idioma galego quedou fóra da nova tecnoloxía do libro e, en certo modo, Galicia, como singularidade, como identidade autónoma, quedou fóra do discurso da Historia tamén, ou da chamada Alta Cultura. Os incunables galegos xa non falan a vella lingua dos Cancioneiros de Don Dinis, senón en latín (Breviario Auriense, 1485) ou en castelán (Breve forma de confensión, 1495), códigos de poder que impoñía o novo modelo. Hai que esperar a ben entrado o século XIX para datar o primeiro libro de certa identidade impreso en lingua galega: A gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos (Pontevedra, 1853).

Cando comezabamos a albiscar moi tímidos síntomas de normalización da industria editorial en galego (moi notables en ámbitos como o infantil e xuvenil ou a ficción narrativa), volvemos estar nunha nova encrucillada histórica decisiva: a posibilidade ou non de engancharnos ao novo entorno da literacidade electrónica globalizada. Velaí a nosa encrucillada.

A incorporación exitosa da cultura e lingua galegas a este novo entorno non é unha decisión privada dos cidadáns ou das empresas, senón que depende en grande medida da estratexia e das políticas que os nosos gobernos desenvolvan para dotar ao país das infraestruturas tecnolóxicas e dos programas de alfabetización dixital que faciliten o acceso democrático á rede da totalidade da poboación. E semella que neste eido non o temos doado. Arrastramos aínda unha perigosa fenda dixital, manifestada nos pobres indicadores de acceso a Internet e na escasa atención que, ata agora, se proporcionou á formación nas novas tecnoloxías no sistema educativo non universitario, feitos que nos afastan perigosamente do resto das comunidades do noso entorno. Mais, tamén, é certo que existen cada vez maior número de iniciativas, promovidas tanto dende a sociedade civil como desde o novo Goberno Galego, que manifestan a vontade de non perder este novo tren da modernidade e de contar cunha estratexia específica para a presenza da lingua, cultura e identidades nosas na Rede.

Velaí o sorprendente pulo dos blogs en galego, case un milleiro de identidades de dominio público que están tecendo unha textualidade electrónica na nosa lingua de grande valor no desenvolvemento deste centro. Boa parte deles agrupados en Blogue Galiza, os blos en galego conformaron, dende as primeiras experiencias datadas en 2002, unha rede informal (o “blogomillo”) imprescindible hoxe para entender os vieiros polos que se pode desenvolver a literacidade electrónica en Galicia. Outrosí, poderiamos dicir de espazos especializados na nosa lingua como o xornal electrónico Vieiros (a nosa primeira referencia na Rede) ou Cultura galega (especificamente cultural) que veñen realizando un traballo destacadísimo como locomotoras galegas de múltiples iniciativas desta literacidade electrónica a que nos vimos referindo. Eis, tamén, os esforzos realizados dende as editoriais privadas galegas na publicación dos seus primeiros libros electrónicos, especialmente no eido escolar, un camiño aberto que deberá percorrer con maior convicción.

Con todo, será decisivo neste difícil proceso as estratexias e os recursos que o Goberno Galego e as diversas administracións locais dispoñan para asumir esta cuestión como eixo das súas políticas de innovación tecnolóxica, cultura e normalización lingüística. Asumir como unha oportunidade este nova paradigma comunicacional da literacidade electrónica é un reto para todos.

Referencias textuais:

–Bragado, Manuel (2006): “Máis internet, máis galego” en Faro de Vigo http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=63571&pIdSeccion=5&pNumEjemplar=2628
–Bragado, Manuel (2006): “Prosa electrónica e futuro da lingua” http://www.maisinternetmaisgalego.org/proposta.php?estxt=proposta_11
–Cassany, Daniel (2006): Tras las líneas. Sobre la lectura contemporánea, Anagrama.
–Gimeno, José Manuel (2004): “La economía de la atención” http://www.laflecha.net/articulos/blackhats/economia_atencion/
–Millán, José Antonio (2004): “Atención” http://jamillan.com/v_atencio.htm
–Millán, José Antonio (1999): “Diabetes informática” http://www.jamillan.com/v_diab.htm

Enlaces intertextuais mencionados:

–Amazon: http://www.amazon.com/gp/homepage.html/103-1898060-8690257
–Andel virtual: http://www.andelvirtual.com/
–Blogue Galiza: http://blogaliza.org/
–Bloglines: http://www.bloglines.com/
–Brétemas: http://bretemas.blogspot.com/
–Cultura galega: http://www.culturagalega.org/
–Creative Commons: http://es.creativecommons.org/
–Ebay: http://www.ebay.es/
–Emule: http://www.emule-project.net/home/perl/general.cgi?l=17
–Galipedia: http://gl.wikipedia.org/wiki/Portada
–Google: http://www.google.es/
–Google Video: http://video.google.com/
–Technorati: http://www.technorati.com/
–Vieiros: http://www.vieiros.com/
–Vilaweb: http://www.vilaweb.cat/
–Wikipedia: http://es.wikipedia.org/wiki/Portada
–You Tube: http://www.youtube.com/

 
 

   Atrás       Subir