SARGADELOS, un patrimonio transmitido

Maqués de Sargadelos . Goya

SARGADELOS, un patrimonio transmitido

Isaac Díaz Pardo

Sargadelos non é hoxe unha empresa puramente comercial. Aínda que non ten por que renunciar a un certo comercio restritivo, difícil de entender e de que o respecten. Trátase dunha sociedade mercantil que ten que autososterse, ademais de que por unha serie de razóns non acudiu en ningún momento ao mercado das subvencións.

A posta en funcionamento dunha idea

Sargadelos arrastra unha historia que representa un patrimonio común que vai máis alá da Galiza, por que alí dirimíronse feitos que transcenderon a toda a península. O seu creador, Antonio Raymundo Ibáñez, naceu nunha modesta casa de Santalla de Oscos, nun eido que pertenceu á Galiza até o século XII e hoxe, por razón dunha competencia entre os bispos de Oviedo e Mondoñedo pasou á xurisdición eclesiástica de Oviedo. A Constitución de Bayona tomou isto na división provincial que amañou, mais alí segue falándose galego.

Ibáñez estudou cos frades de Vilanova de Oscos, e converteuse nun importante ilustrado. Interveu en moitas empresas industriais e comerciais, mais a obra importante da súa vida foi Sargadelos, primeiro siderurxia integral, fábrica de material bélico, logo fábrica de louza e nos seus proxectos outra de cristal. En 1809 foi arrastrado polas rúas de Ribadeo, e apenas se puido ver o desenvolvemento da fábrica de louza, mais as súas empresas con diversas vicisitudes sobrevivíronlle até o 1875.

Ibáñez recibiu moitos honores en vida, entre os que está o de Conde de Orbaiceta, e xa estaba concluído o trámite para facelo Marqués de Sargadelos –só pendente da sinatura do Rei– cando o asasinan en Ribadeo, mais xa ninguén tentou deixar de o considerar Marqués de Sargadelos. Fica só o retrato que lle pintou Goya como testemuño do seu alto prestixio. Até acó moi esquematizado algún dos datos de Sargadelos e do seu excepcional creador.

Ao peche das fábricas...

A partir do peche das fábricas de Sargadelos no 1875, apareceu unha nostalxia por aquela empresa que gardaba o alento e prestixio dun pasado industrial que ía ser recollido por historiadores.

Na segunda década do século XX, un artista como Bello Piñeiro escribe a primeira historia da Cerámica de Sargadelos, e recolle e poetiza a nostalxia por aquela empresa.

Aínda non pasaran 100 anos do peche das Fábricas de Sargadelos, cando a sorte que padecía Galiza empezou a preocupar a un grupo de intelectuais galegos exiliados na República Arxentina e así xurdiu a idea de recuperar memoria histórica, pois factores coma o tempo que pasa e a inclemencia e a impiedade dos homes tíñana agochada. Neste grupo estaban Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Luis Seoane, Antonio Baltar, Blanco Amor, Núñez Búa, Arturo Cuadrado, Laxeiro, Ramón de Valenzuela... entre os galegos, mais había outros que non sendo galegos se interesaban polos temas que nos preocupaban. Eu estaba polo medio de informador do que acontecía na terra, pois era un emigrante intermitente que en 13 anos crucei 30 veces o Atlántico.

O Laboratorio de Formas

No ano 63, coas ideas recollidas, Luis Seoane e mais eu acordamos crear o Laboratorio de Formas (ao que logo se sumaría na Galiza o arquitecto Andrés Fernández-Albalat) subscribindo un documento de intencións. Xa entón tiñamos unha boa información das preocupacións que prevalecían na Europa na primeira metade do século XX, alentadas polas ideas revolucionarias que se desenvolveran no século XIX que ían cambiar as artes e as letras, a economía e a sociedade: o que hoxe coñecemos como os movementos das vangardas históricas.

Mais o Laboratorio de Formas tiña unha filosofía: se as formas son unha linguaxe interesa como en toda linguaxe coñecer o étimo das palabras. Luis Seoane, ao falar da configuración ten avogado “por un deseño que recolla as características de cada país”, e as do noso chegaban a nós a través das grandes frustracións que nos condicionaron. Así, nese programa de recuperación da memoria histórica estaba a recuperación da obra e da documentación do movemento renovador da arte galega a partir de Castelao; a recuperación posible do espoliado Seminario de Estudos galegos; a recuperación de Sargadelos como a empresa industrial de máis alento e prestixio do noso pasado, unha editorial que recollera as vicisitudes históricas da contenda civil do século XX e a do exilio, dotando as institucións dos Laboratorios e dos Centros de Investigación que requirían.

Dalgunha maneira este proxecto puido ter algunha realidade: a que fica á vista, unha realidade sempre estorbada polo mercantilismo e o egoísmo destes seres que pululan, que deforman a visión das cousas pois para realizar, para deseñar, para configurar este proxecto, non abonda só con saber escribir ou debuxar, senón que hai que ter na visión de futuro o amor a Galiza e o compromiso coas causas xustas que tiveron estas xentes que serviron de inspiración ao Laboratorio de Formas e que sacrificaron toda a súa vida no desterro antes de colaborar coa súa presenza ou co seu silencio na sorte abafada que padeceu o noso pobo.