A posición das mulleres na sociedade evolucionou moito nos últimos tempos debido fundamentalmente ao cambio que supón a súa incorporación ao eido do traballo remunerado. Con todo, os principios igualitarios e democráticos superpóñense a usos e costumes tradicionais, a unha forma de organización familiar deseñada para un mundo no que homes e mulleres sosteñen diferentes papeis e diferentes responsabilidades. Tradicionalmente o home era encargado de subministrar os recursos, mentres que o traballo no fogar ligouse ás mulleres.
Os labores de atención e coidado do fogar son indispensables para que a sociedade subsista mais a súa atención fai que as persoas que a asumen en solitario, con frecuencia, teñan que renunciar a un proxecto de vida propio e persoal, para dedicarse a estas responsabilidades, ou ben que teñan que realizar un enorme esforzo persoal para compatibilizar a vida laboral e persoal coa súa vida familiar.
Se seguimos a reproducir a división sexual do traballo a través da transmisión de valores e funcións vinculadas ao xénero, as responsabilidades familiares e laborais seguirán acumulándose maioritariamente nas mulleres, e unha sociedade democrática ten que basearse nun modelo onde existan relacións igualitarias entre as persoas.
Faise necesario, pois, configurar un novo modo de cooperación e compromiso entre mulleres e homes que permita un reparto equilibrado de responsabilidades na vida profesional e na privada, rompendo coa tradicional asignación de roles: do mesmo xeito que as mulleres se integraron no mundo da produción, os homes deben asumir as súas responsabilidades no ámbito doméstico.
A corresponsabilidade ou asunción compartida de responsabilidades implica a existencia dun equilibrio na toma de decisións, na repartición das responsabilidades e na distribución do tempo e é a única vía posible para que toda persoa poida desenvolverse plenamente tanto no eido persoal como no profesional, sen ter que renunciar a ningunha das dúas esferas.
Optar por este reparto produce un beneficio mutuo, construíndo relacións máis igualitarias, diminuíndo as tensións no seo da parella e aumentando o tempo de lecer de todas e todos por igual.