A posición das mulleres na sociedade evolucionou moito
nos últimos tempos debido fundamentalmente ao cambio que
supón a súa incorporación ao eido do traballo
remunerado. Con todo, os principios igualitarios e democráticos
superpóñense a usos e costumes tradicionais, a unha
forma de organización familiar deseñada para un mundo
no que homes e mulleres sosteñen diferentes papeis e diferentes
responsabilidades. Tradicionalmente o home era encargado de subministrar
os recursos, mentres que o traballo no fogar ligouse ás
mulleres.
Os labores de atención e coidado do fogar son indispensables
para que a sociedade subsista mais a súa atención
fai que as persoas que a asumen en solitario, con frecuencia, teñan
que renunciar a un proxecto de vida propio e persoal, para dedicarse
a estas responsabilidades, ou ben que teñan que realizar
un enorme esforzo persoal para compatibilizar a vida laboral e
persoal coa súa vida familiar.
Se seguimos a reproducir a división sexual do traballo a través
da transmisión de valores e funcións vinculadas ao xénero,
as responsabilidades familiares e laborais seguirán acumulándose
maioritariamente nas mulleres, e unha sociedade democrática ten que
basearse nun modelo onde existan relacións igualitarias entre as persoas.
Faise necesario, pois, configurar un novo modo de cooperación
e compromiso entre mulleres e homes que permita un reparto equilibrado
de responsabilidades na vida profesional e na privada, rompendo
coa tradicional asignación de roles: do mesmo xeito que
as mulleres se integraron no mundo da produción, os homes
deben asumir as súas responsabilidades no ámbito
doméstico.
A corresponsabilidade ou asunción compartida de responsabilidades
implica a existencia dun equilibrio na toma de decisións,
na repartición das responsabilidades e na distribución
do tempo e é a única vía posible para que
toda persoa poida desenvolverse plenamente tanto no eido persoal
como no profesional, sen ter que renunciar a ningunha das dúas
esferas.
Optar por este reparto produce un beneficio mutuo, construíndo
relacións máis igualitarias, diminuíndo as tensións
no seo da parella e aumentando o tempo de lecer de todas e todos
por igual.